Elena Olmos Mesa, nada en 1899 na Coruña e finada en 1983 en Bos Aires, é unha pintora galega exiliada na Arxentina por mor da guerra civil española e da ditadura franquista.
Estilo Do seu estilo pódese destacar que cultivou o retrato, con ollares que transmiten o carácter das persoas, nunha renovación da pintura rexionalista da época. O coñecemento sobre a pintura holandesa e italiana, xunto coa técnica aprendida dos seus profesores Fernando Álvarez de Sotomayor e Benedito marcaron a súa obra.
"Esta pintora mostra unha gran soltura e firmeza no debuxo, que se ve reflectida nas súas obras, dunha frescura e espontaneidade convincentes sen chegar a romper por iso coa autonomía dos volumes. Cultivou, preferentemente, o retrato, xénero no que non lle faltou nunca clientela sobre todo de mulleres da burguesía, onde atinxiu verdadeira mestría -Retrato da vizcondesa de Palazuelo, retrato dunha dama, retrato da señorita López Roberts, retrato de Herminia Borrel, etc.- polo seu modo persoal de sentir e captar o temperamento dos retratados, cunha forza da que carecían outros pintores. Son retratos elegantes, de perfís soltos e elásticos, ben modelados e envoltos en cores luminosas". A presenza das mulleres pintoras na arte galega 1858-1936. Fernando Pereira Bueno
Traxectoria artística En Galiza, participou nas exposicións de arte galega de 1917 (A Coruña), 1922 (Ferrol), 1923 (Santiago e A Coruña), 1924 (Vigo), 1925 (Ferrol) e na Exposición de artistas femininas na Coruña de 1934, xunto con Elvira Santiso, María Corredoira, Dolores Díaz Baliño e mais as irmás Carme e Pilar Álvarez de Sotomayor. Tamén foi artista integrante das exposicións de Belas Artes organizadas en 1922 e 1924 en Madrid, en que destacaron da súa obra "un vigoroso temperamento, un seguro dominio da técnica pictórica e unha facultade de expresión característica de retratistas coñecedores dos segredos da arte", segundo recolle a Revista Nós. A revista Esfera levou á portada o seu cadro titulado "A nena das laranxas".
De nena estudou coas súas irmás Elvira, María Teresa e Manuela nun colexio do Reino Unido. Cando era moza, aos 16 anos, viaxa a Holanda canda a súa nai Elvira Mesa e o seu pai Manuel Olmos de Aguilera, que fora cónsul de Arxentina na Coruña, e alí coñece a obra de mestres da pintura holandesa, que marcan o seu estilo. Trasládase a Madrid entre 1916 e 1919 e asiste a clases dos pintores Fernando Álvarez de Sotomayor e Manuel Benedito. En 1916 participa nun concurso de cartaces organizado pola revista Blanco y negro e queda entre as galardoadas.alt=Artigo de revista de 1922|miniatura|Crítica da obra "Adela e Rosalía" de Elena Olmos, na revista Casa América - Galicia, 1922Do segundo Salón ferrolán de pintura de 1922, o profesor Fernando Pereira destaca que Elena Olmos participou con tres óleos que dan pé á crítica "para facer unha curiosa comparanza coas obras de Sotomayor"."Os cadros da pintora ocupan a cuarta sección á beira da instalación dos marabillosos lenzos de Sotomayor, como buscando o amparo filial do seu mestre; pois ben, nun dos lugares máis visibles, expande a dioivos de luz e desbordamentos de vida o cadro "Adela e Rosalía". A súa luminosidade é tanta que os primeiros pasos do visitante cara a el se dirixen. Explicariamos isto recordando o fenómeno de atracción da luz sobre as bolboretas".
El Correo Gallego, 1 de setembro de 1922.Elena Olmos casa o 17 de marzo de 1926 co político, diplomático e xornalista Leandro Pita Romero, daquela director do diario El Orzán, que é nomeado ministro de Estado e da Mariña durante a II República, ademais de primeiro embaixador acreditado ante o Vaticano entre os anos 1935 e 1936. Por este motivo, trasladan a súa residencia a Roma (Italia), onde ten oportunidade de coñecer máis sobre a actividade artística. Tiveron tres fillos: Leandro, nado en 1927; Javier, en 1928; e Santiago, en 1935.
Exilio Elena Olmos sae de Galiza en 1938 cos seus fillos, segundo consta nunha noticia publicada en El Ideal Gallego, logo de obter un salvoconduto, rumbo ao exilio en Bos Aires, onde xa se refuxiara o seu home logo de marchar por Portugal en 1936, xa que fora integrante das Irmandades da Fala, da Federación Republicana Gallega e do Partido Republicano Gallego.
En Bos Aires continúa coa súa obra artística que serve de sustento para o mantemento da economía familiar, coa realización de retratos e miniaturas sobre placas de cobre que terán unha moi boa saída comercial. Participa na mostra individual na Galería Witcomb en 1937 e na do Salón de Rosario en 1939. Obtén o Premio á Miniatura e unha mención honorífica no Salón de Tout Petit do Club Arxentino de Mulleres en 1948.
No seu exilio, Elena Olmos segue informada dos acontecementos artísticos de Galiza durante os corenta anos de franquismo, ata o seu falecemento en 1983.
Notas
Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Pintores da Arxentina Categoría:Nados en 1899 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1983