A ética aplicada é a rama da ética que estuda a aplicación das teorías éticas a cuestións ou prácticas morais concretas. Entre estas, atópanse problemas como a pena de morte, a guerra nuclear, o racismo ou o uso recreativo das drogas. Neste sentido, distínguese da metaética, que estuda a linguaxe e os conceptos empregados nos estudos éticos, e da ética normativa, que busca reconstruír racionalmente a moral dende principios fundamentais.
Moitas das cuestións da ética aplicada son estudadas por subdisciplinas específicas, como a deontoloxía profesional, a ética ambiental, a ética militar ou a ética económica. Así, por exemplo, a bioética estuda asuntos relacionados coa bioloxía e a medicina, como o aborto inducido, a eutanasia ou a doazón de órganos. Pola súa banda, a ética animal ocúpase de examinar as razóns para ter en conta os intereses dos animais non humanos e, nomeadamente, da cuestión de que entidades deben ser moralmente consideradas, o que inclúe problemas como o uso dos animais como recursos, os conflitos entre a consideración moral dos animais e os fins conservacionistas, e o sufrimento dos animais que viven no mundo salvaxe.
Historia A ética aplicada espallou o estudo da ética para alén do discurso filosófico académico. O eido da ética aplicada, tal e como se concibe na actualidade, emerxeu dos debates sobre os rápidos avances médicos e tecnolóxicos sucedidos a comezos da década de 1970 até asentarse como unha disciplina dentro da filosofía moral. Con todo, pola súa natureza, é un campo interdisciplinario, xa que require dun coñecemento especializado dos potenciais problemas éticos de áreas como a medicina, os negocios ou as tecnoloxías da información. A día de hoxe, existen códigos deontolóxicos na meirande parte das profesións.
Subdisciplinas A ética aplicada divídese en varias subdisciplinas, segundo a temática específica: bioética ou ética médica, ética ou deontoloxía profesional, ética ambiental, ética animal, ética da intelixencia artificial, ética sexual etc.
Deontoloxía profesional
O termo deontoloxía (do , debido e λόγος, lóxica ou ciencia) foi introducido no discurso intelectual polo pensador inglés Jeremy Bentham, na súa obra Deontology, or The Science of Morality (1834). É a rama da ética que se encarga de establecer os deberes de quen exerce unha profesión. Neste sentido, non impón sancións legais ou normativas, mais si pode fundamentar os códigos lexislativos que regulan unha determinada actividade profesional. Pode formar parte da chamada ética normativa, cando se entende como a elaboración dunha serie de principios e regras de cumprimento obrigatorias.
A deontoloxía profesional busca xustificar os valores morais que deberían guiar aos profesionais dunha área, así como estudar os valores que de feito guían aos profesionais. No primeiro sentido, a deontoloxía profesional é unha disciplina normativa e filosófica. No segundo, trátase máis ben dunha disciplina descritiva e, xa que logo, científica.
En canto rama da ética aplicada, procura resolver problemas específicos dunha determinada área profesional, como se é correcto desenvolver algoritmos que violen a privacidade dos usuarios dun software, ou crear novos sistemas armamentísticos.
A deontoloxía profesional abarca múltiples eidos como a ética médica, a ética militar, a ética dos negocios, a ética computacional ou a ética da enxeñaría.
Ética animal
A ética animal examina que entidades deben ser tidas en conta nas nosas decisións. Nas súas versións centradas na sentiencia, sostén que o son todos os seres capaces de ter experiencias positivas ou negativas. Distínguese así doutras posicións defendidas no eido da ética ambiental, como o biocentrismo, segundo o cal as entidades moralmente considerables son todos os seres vivos, por seren sistemas teleolóxicos que posúen un ben propio;; . as posicións holistas, como o ecocentrismo, conforme ás cales o son conxuntos tales como as especies ou os ecosistemas;; . e as posicións centradas no salvaxe, segundo as cales o valioso é aquilo cuxa existencia se deu por causas naturais e non pola acción humana, de xeito que os ecosistemas restaurados non recuperarían o valor perdido.; .
Estas perspectivas teñen implicacións prácticas moi dispares. As posicións holistas e as centradas no salvaxe poden prescribir que se dane a animais sentientes co fin de promover fins conservacionistas, por exemplo cando se matan animais por se considerar que son demasiado numerosos, co obxectivo de conservar ou modelar un determinado ecosistema, ou cando se introducen ou reintroducen depredadores nunha zona.; ; . As posicións centradas na sentiencia e as biocéntricas, pola contra, rexeitan tales medidas.
Outra diverxencia salientable ten que ver coa axuda aos animais que viven no mundo salvaxe. Fronte ao que a miúdo se supón, as vidas destes animais adoitan ser curtas e estaren marcadas por un sufrimento significativo, debido a factores como a fame e a sede, as enfermidades, as condicións climáticas hostís, os conflitos ou os accidentes. Dado que a estratexia reprodutiva máis estendida consiste en ter un grande número de crías, das cales só sobrevive unha minoría, a maioría dos animais morre moi nova, o que levou a soster que o sufrimento podería predominar no mundo salvaxe.; ; . Desde posicións ecoloxistas sostívose que non se debe axudar aos animais, na idea de que iso suporía interferir no rumbo natural das cousas nos ecosistemas.; . Desde outras posicións defendeuse, pola contra, que temos razóns para lles dar axuda sempre que iso sexa posible sen causar un dano indirecto maior, mediante medidas como o rescate de animais atrapados, a asistencia a animais feridos ou enfermos e os programas de vacinación.; ; .
Consideración moral das entidades artificiais
Outra cuestión abordada pola ética aplicada é a da consideración moral daquelas entidades que non son o resultado dun proceso evolutivo natural. Entre elas cóntanse, en primeiro lugar, formas de vida sentiente creadas polos seres humanos: os animais domesticados, que son polo menos en parte o produto dun proceso de selección levado a cabo ao longo de xeracións; os animais orixinados mediante tecnoloxías de edición xenética como CRISPR; e as posibles formas de vida que no futuro se poderían crear mediante a bioloxía sintética. Nestes casos, nin o ecocentrismo nin as posicións centradas no natural ou no salvaxe terían razóns para lles dar consideración a tales seres, mentres que as posicións centradas na sentiencia e as biocéntricas si lla darían.
En segundo lugar, cabe considerar formas de sentiencia que nin sequera terían unha base biolóxica, como as intelixencias artificiais. Se unha intelixencia artificial fose sentiente, os mesmos argumentos que se empregan para defender a consideración moral dos animais non humanos serían aplicables no seu caso, dado que cumpriría os criterios para recibir danos ou beneficios tanto desde un punto de vista experiencialista como preferencialista, así como conforme a distintas teorías obxectivistas do benestar. Iso supón que tería que ser moralmente considerable aínda que non fose un organismo biolóxico nin formase parte de ningún ecosistema.; ; ; .
Que isto sexa posible depende de se a sentiencia require dun substrato biolóxico. Como todo apunta a que a sentiencia depende do procesamento complexo de información que levan a cabo os sistemas nerviosos centralizados, boa parte das teorías actuais da consciencia admiten que o substrato físico no que ten lugar tal procesamento podería non ser o relevante, caso no que sistemas artificiais abondo complexos poderían ter estados mentais. Por analoxía co especismo, empregouse o termo «substratismo» para nomear a discriminación daqueles seres con estados mentais que non fosen organismos biolóxicos.; .
Non se sabe que nivel de complexidade deben acadar os procesamentos de información para que dean lugar a experiencias, o que supón que se poderían crear sistemas artificiais capaces de ter experiencias —posiblemente negativas— sen que reparásemos niso, mesmo a grande escala.; . Por estes motivos comezouse a traballar nun novo eido de estudo, o do benestar das intelixencias artificiais, baseado non na premisa de que vaia haber intelixencias artificiais cun benestar ou malestar, senón na de que isto podería suceder, xa que á hora de actuar para evitar riscos non importa só o que vaia acontecer con certeza, senón tamén aquilo que ten probabilidades non desprezables de acontecer.; ; .
Algunhas concepcións implican que mesmo entidades artificiais non sentientes poderían ser moralmente considerables. Conforme ás posicións preferencialistas, as intelixencias artificiais que teñan metas que actúan para cumprir —aínda que sexa de forma inconsciente, e aínda que tales metas sexan o resultado do seu deseño por parte dos seres humanos— serían suxeitos de benestar e malestar; e, desde certas posicións obxectivistas, abondaría con teren axencia, isto é, con tomaren decisións buscando cumprir certos fins, aínda que sexa a un nivel moi básico.; .
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Ética Ética normativa Metaética Peter Singer Ética animal Especismo
Ligazóns externas Ética aplicada (PhilPapers)
Categoría:Ética aplicada