Os actos de Montejurra son unha serie de celebracións anuais carlistas que, desde mediados do século XX, teñen lugar na montaña navarra de Montejurra, no norte de España. Os actos eran organizados orixinalmente pola Comunión Tradicionalista leal a Xavier de Borbón-Parma. En 1970 fundouse un novo Partido Carlista, que pasou a asumir a organización dos festexos.
Historia As súas orixes atópanse nas peregrinacións iniciadas o 3 de maio de 1939 polos familiares dos requetés do Terzo de Montejurra. Inicialmente tratábase dun acto estritamente relixioso e sen proxección máis alá do ámbito navarro; con todo, logo dun certo declive, a partir da instalación das cruces de pedra en 1954 adquirirían unha nova dimensión, pasando a ser organizados pola dirección do tradicionalismo xavierista.
O primeiro acto da mañá consistía nun vía crucis en memoria dos requetés mortos na Guerra civil española, xa que este lugar fora escenario, en 1873, dunha importante batalla durante a terceira guerra carlista. Tamén acolleu outra batalla en 1835 durante a primeira guerra carlista. miniatura|Requetés en Montejurra (1966)
O acto relixioso viña acompañado dun acto político semitolerado pola ditadura, no que se pronunciaban discursos e se lían comunicados sobre a situación política. De feito, Carlos Hugo de Borbón-Parma iniciou a súa actividade política coa súa presentación e primeiro discurso na concentración de Montejurra de 1957. Antonio Morales Moya sostén que durante a década de 1960 nas concentracións de Montejurra chegaron a participar arredor de 100 000 persoas.
A multitudinaria concentración de 1962 destacouse polo seu achegamento ao réxime franquista e á Falange por parte dos dirixentes e oradores da Comunión Tradicionalista José Ángel Zubiaur e José Luis Zamanillo. O acto contou coa presenza de Carlos Hugo de Borbón-Parma, que sobrevoou o monte nunha avioneta, e coa adhesión do capitán xeral de Madrid Rafael García Valiño, o ministro secretario do Movemento José Solís Ruiz, Raimundo Fernández-Cuesta e Miguel Primo de Rivera y Sáenz de Heredia. Segundo a Cadena de Prensa del Movimiento, que definiu a convocatoria como un «canto á unidade entre os que combateron na Cruzada», Zamanillo, secretario nacional do Requeté, expresouse nestes termos:
En 1966 José María de Zavala foi nomeado secretario xeral da Comunión Tradicionalista mentres José María Valiente mantiña o cargo de xefe delegado. Zavala impulsou unha dinámica progresista promovida por un sector das xuventudes carlistas, ante a perplexidade de moitos carlistas veteranos, que enviaron numerosas cartas a don Javier para que a Comunión Tradicionalista mantivese os seus principios. Segundo Ricardo de la Cierva, a secretaría de Carlos Hugo crearía o mito de Carlos Hugo como príncipe socialista. Porén, tras a concentración de Montejurra de 1967, na que se reivindicou de novo o tradicionalismo máis ortodoxo, os secretarios de Carlos Hugo afirmaron desvincularse do carlismo, pois, segundo De la Cierva, consideraban que Carlos Hugo volvía «ao integrismo».
O manifesto publicado o 10 de maio dese ano estaba asinado por Ramón Massó, Víctor Perea, José Antonio Parrilla, Fernando Truyols, Pedro Olazábal e Luis Olazábal, todos antigos colaboradores da secretaría de Carlos Hugo.
En 1968 interviñeron nos actos Pedro Lombardía, José Fermín Arraiza Rodríguez-Monte, Miguel de San Cristóbal (xefe rexional carlista de Navarra), Auxilio Goñi Donázar (procurador en Cortes polo Terzo Familiar de Navarra) e Santiago Coello. O 7 de maio dese ano os dous diarios de Pamplona, El Pensamiento Navarro e Diario de Navarra, foron secuestrados por reproducir o discurso de Goñi.
miniatura|Pancarta co lema «Franco si. Juanito no» na concentración de Montejurra de 1969.
Tras a expulsión da familia Borbón-Parma do territorio español, cambiaría radicalmente o ton dos actos. No Montejurra de 1969, o primeiro tras a expulsión, producíronse enfrontamentos entre milleiros de mozos carlistas e as forzas de orde pública:
Segundo Francisco Javier Caspistegui, a comezos dos 70 produciuse un gran descenso no número de participantes, reducido a uns 5 000. Debido aos cambios ideolóxicos dos organizadores, con ocasión dos actos de 1971 o capelán Joaquín Vitrián Esparza, que dirixira o Vía Crucis penitencial durante tres décadas, declinou participar, sinalando nunha carta pública que non podía apoiar con presenza o que non fose pregaria nin gratitude aos que «souberon morrer en defensa da Cruz e por unha España mellor».
Nos actos do 9 de maio de 1976 producíronse os chamados sucesos de Montejurra, un enfrontamento violento entre os partidarios de Sixto Enrique de Borbón e os do seu irmán Carlos Hugo de Borbón-Parma, que se saldou coa morte por arma de fogo de dous seguidores deste último, recoñecidos oficialmente en 2003 como «vítimas do terrorismo».
En 1977 o Goberno prohibiu o acto de Montejurra, aínda que o Partido Carlista mantivo a convocatoria. Finalmente a Garda Civil e a Policía Armada impediron o acceso dos carlistas ao monte, polo que os actos realizáronse no castelo de Xavier.
Na actualidade o Partido Carlista de Euskal Herria organiza cada comezo de maio un pequeno acto —sen vía crucis— preto do mosteiro de Irache. En 2016 contou coa participación de preto de 200 militantes e simpatizantes segundo o Diario de Navarra ou unhas poucas ducias segundo La Tribuna del País Vasco.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Sucesos de Montejurra
Ligazóns externas Montejurra, anos 60 (NO-DO) en YouTube Exposición «Montejurra. A montaña sagrada» (2016)
Categoría:Carlismo