A crítica de Lucas sostén que é inxenuo tentar predicir os efectos dun cambio na política económica baseándose unicamente nas relacións observadas nos datos históricos, especialmente cando se trata de datos moi agregados. En termos máis formais, afirma que as regras de decisión dos modelos keynesianos—como a función de consumo—non poden considerarse estruturais no sentido de seren invariantes con respecto a cambios nas variables da política gobernamental. A crítica leva o nome do economista estadounidense Robert Lucas.

A crítica de Lucas é unha contribución importante na historia do pensamento económico, representando un cambio de paradigma da teoría macroeconómica dos anos 1970 cara a modelos con microfundamentos.

Tese

A crítica de Lucas non era unha idea nova en 1976. A argumentación foi presentada por primeira vez por Frisch (1938) e discutida por Haavelmo (1944), entre outros. Pódense atopar ideas similares na Lei de Campbell ou Lei de Goodhart. Con todo, Lucas foi quen fixo explícita a implicación de que esta idea anulaba o valor das recomendacións baseadas en modelos macroeconométricos a grande escala: como os parámetros deses modelos non eran estruturais, isto é, non eran invariantes fronte aos cambios de política, entón cambiaría a estrutura dos modelos ao cambiar a política. As recomendacións baseadas neses modelos poderían ser enganosas. Lucas resumiu a súa tese afirmando:

A crítica de Lucas é, en esencia, un resultado negativo: indica como non se debe facer a análise económica. Suxire que, para predicir os efectos dun cambio de política, deberiamos modelar os chamados "parámetros profundos" que rexen o comportamento individual (gustos, tecnoloxía e restricións de recursos), isto é, os microfundamentos. Se un modelo con estes fundamentos pode explicar os feitos empíricos observados, entón é posíbel predicir como cambiará o comportamento dos individuos fronte a un cambio de política, e despois agregar esas respostas para calcular o impacto macroeconómico.

Pouco despois da publicación do artigo de Lucas, Kydland e Prescott publicaron o artigo "Rules Rather than Discretion: The Inconsistency of Optimal Plans", onde demostraban que beneficios a curto prazo poden ser anulados no futuro polo cambio nas expectativas, e propuxeron mecanismos como a coherencia temporal para superalo. Ese artigo sentou as bases para unha liña de investigación positiva sobre como facer economía dinámica e cuantitativa.

A crítica de Lucas non invalida que a política fiscal poida ser contracíclica, como defendía Keynes.

Exemplos

Unha das aplicacións máis influentes da crítica (aínda que independente dos microfundamentos) foi a súa implicación sobre a curva de Phillips. A correlación negativa entre inflación e desemprego que se observaba historicamente podería desaparecer se as autoridades monetarias tentaban explotar esa relación. Por exemplo, se se aumenta de xeito sostido a inflación coa esperanza de reducir o desemprego, as empresas acabarían revisando as súa expectativas de inflación, e adaptarían as súa decisións de contratación. Polo tanto, unha relación observada baixo unha política monetaria determinada non ten por que manterse baixo outras.

Outro exemplo clásico é o de Fort Knox. Dado que nunca foi roubado, unha análise de datos agregados podería suxerir que o gasto en seguridade non afecta a probabilidade de roubo, e que debería suprimirse para aforrar. Pero este razoamento ignora que as decisións dos posibles ladróns dependen da presenza dos gardas. Ao eliminarse os gardas, a política cambia e os ladróns reavalían os seus incentivos. Por tanto, un modelo que non teña en conta o comportamento individual sería enganoso.

Nun contexto de política monetaria, pensemos nun banco central que ata agora seguía unha regra baseada na inflación observada, e que pasa a actuar segundo a inflación esperada. Os axentes privados cambiarán as súa expectativas e o sistema xa non reaccionará igual. Estudos como os de Chen e Valcarcel (2025) mostran que diferentes horizontes de expectativas implican respostas distintas fronte á mesma política. A relación histórica entre tipos de xuro e inflación xa non serve, porque os axentes adaptan o seu comportamento á nova regra de política.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Expectativas racionais Modelo macroeconómico

Bibliografía

Categoría:Macroeconomía