A filosofía continental é un conxunto de correntes filosóficas que predominaron na Europa continental durante o século XX. Derívanse da tradición, inaugurada nun sentido lato por Immanuel Kant, de reorientar a filosofía occidental cara ao individuo e a sociedade. A filosofía continental inclúe o idealismo alemán, a fenomenoloxía, o existencialismo (e os seus precursores, como Kierkegaard ou Nietzsche), a hermenéutica, o estruturalismo, o postestruturalismo, a deconstrución, o feminismo francés, a psicanálise e a teoría crítica da Escola de Frankfurt, así como algunhas perspectivas freudianas, hegelianas e marxistas.

Non existe un consenso académico sobre a definición de filosofía continental. Antes do século XX, o termo "continental" empregábase para referirse á filosofía do continente europeo. Porén, unha interpretación máis limitada emerxeu entre os filósofos anglófonos dende a segunda metade do século XX para referirse a un grupo de pensadores e tradicións alleas ao movemento analítico. A expresión filosofía continental pode indicar un simple ar de familia entre perspectivas diferentes; un argumento similar pódese aplicar á filosofía analítica.

Definición A expresión "filosofía continental" foi moi usada nas universidades anglófonas durante a década de 1970 para cursos nos que se impartían as ideas filosóficas entón dominantes en Francia e Alemaña, como a fenomenoloxía, o existencialismo ou o estruturalismo.

Porén, o termo pode atoparse en textos anteriores, como o ensaio sobre Coleridge de John Stuart Mill, publicado en 1840. Nesta peza, contrapón o pensamento da "filosofía continental", influenciado por Kant, co empirismo de autores ingleses como Jeremy Bentham. Esta noción influenciou a figuras de comezos do século XX como Bertrand Russell ou George Edward Moore, que propuxeron unha visión da filosofía como aliada das ciencias naturais e baseada na análise lóxica. Esta tradición, que chegou a coñecerse como filosofía analítica, dominou o pensamento no Reino Unido e nos Estados Unidos de América a partir da década de 1930. Ademais, Russell e Moore incluíron o seu rexeitamento do hegelianismo e filosofías afíns como unha parte distintiva do seu movemento.

Dende os 70, non obstante, aumentou o número de filósofos dos Estados Unidos e do Reino Unido interesados nas propostas continentais e, do mesmo xeito, en moitos países europeos adoptáronse aspectos do movemento analítico. Por exemplo, entre os filósofos franceses que se identifican a si mesmos como analíticos destacan Jules Vuillemin, Vincent Descombes, Gilles Gaston Granger, François Recanati e Pascal Engel. Na mesma liña, hai pensadores que se consideran "continentais" no Reino Unido, en América do Norte ou en Australia. Xa que logo, a filosofía continental defínese en termos dunha familia de tradicións e influencias filosóficas, máis que en base á xeografía. As perspectivas poscoloniais e decoloniais analizaron este problema da especificidade xeográfica, examinando criticamente os modos en que os proxectos imperiais e coloniais europeos deixaron a súa pegada na produción epistemolóxica das universidades. Por esta razón, Nelson Maldonado-Torres defendeu unha filosofía poscontinental como extensión da filosofía continental.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Deconstrución Estruturalismo Existencialismo Fenomenoloxía Filosofía analítica Hermenéutica Postestruturalismo Psicanálise Teoría crítica

Ligazóns externas Las tres filosofías, de José Ferrater Mora

Categoría:Cultura occidental Categoría:Escolas filosóficas Categoría:Filosofía da Idade Contemporánea