Zinaida Martinovna Portnova (), nada en Leningrado o 20 de febreiro de 1926 e finada en Polotsk (RSS de Belarús) o 15 de xaneiro de 1944, foi unha partisana soviética e heroína póstuma da Unión Soviética. É coñecida por sabotar e envelenar as tropas alemás durante a segunda guerra mundial antes de ser capturada, torturada e executada aos 17 anos.
Traxectoria Portnova naceu nunha familia belarusa de clase obreira. O seu pai traballaba na fábrica Kirov de Leningrado. En 1941, cando Zinaida estaba no sétimo curso na escola 385ª de Leningrado, a moza marchou para a casa da súa avoa no óblast belaruso de Vitebsk. Pouco despois, a Alemaña nazi invadiu a Unión Soviética. Un incidente coas tropas nazis invasoras, que agrediron a súa avoa mentres lle confiscaban o gando, levouna a odiar os alemáns.
En 1942 Portnova uniuse á resistencia belarusa e fíxose membro dunha organización do Komsomol da vila de Obol (óblast de Vitebsk) coñecida como «Os Mozos Vingadores». Comezou distribuíndo propaganda soviética na Belarús ocupada polo nazismo, xuntando e agochando armas para as tropas soviéticas e informando sobre os movementos das tropas nazis. Despois de aprender a utilizar armas e explosivos a través dos membros máis vellos do grupo, Portnova participou en accións de sabotaxe contra un surtidor, unha central eléctrica local e unha fábrica de ladrillos. Estímase que nestes actos morreron uns 100 soldados alemáns.
En 1943 Portnova atopou traballo nunha cociña en Obol. En agosto envelenou a comida dunha gornición nazi. Foi considerada sospeitosa de inmediato, mais dixo ser inocente. Para demostralo, comeu da mesma comida diante dos nazis, e como non caeu enferma, liberárona. Porén, Portnova caeu enferma despois, con fortes vómitos, mais logrou recuperarse despois de beber unha gran cantidade de soro de leite. Ao non regresar ao traballo, os alemáns decatáronse de que fora a responsábel do envelenamento e comezaron a buscala. Para evitar os alemáns, converteuse en espía da unidade partisana Voroshilov. Nunha carta aos seus pais a un Leningrado asediado, escribiu que estaba «nun destacamento partisano. Xunto con vós, venceremos os invasores nazis». En outubro de 1943 Portnova uniuse ao Komsomol.
En decembro de 1943 ou xaneiro de 1944 Portnova foi enviada de volta a Obol para infiltrarse na gornición nazi da cidade, descubrir por que fracasaron «Os Mozos Vingadores» e contactar os membros que quedaban da organización. Porén, axiña foi detida. Houbo distintos informes sobre a súa fuxida. Segundo unha versión, durante un interrogatorio da Gestapo na aldea de Goriany colleu da mesa a pistola do axente e matouno dun disparo. Cando dous soldados alemáns se achegaron ao ouviren os tiros, tamén lles disparou. Portnova tentou fuxir e dirixiuse ao bosque, onde foi capturada preto da beira dun río.
Segundo outra versión, o axente da Gestapo que a estaba a interrogar, nun arrouto de rabia, tirou a súa pistola na mesa despois de ameazala con dispararlle. Portnova colleu a arma e disparoulle. Ao saír pola porta disparoulle a un garda no corredor e a outro no patio. Porén, a pistola fallou cando Portnova tentou dispararlle a un garda que bloqueaba a saída á rúa, polo que foi detida.
Tras ser capturada de novo, Portnova foi torturada, posibelmente para sacarlle información. Máis tarde levárona a un bosque e executárona, ou morreu durante a tortura o 15 de xaneiro de 1944.
Legado O 1 de xullo de 1958 o Presídium do Soviet Supremo nomeou a Portnova Heroína da Unión Soviética a título póstumo. Tamén a condecorou coa Orde de Lenin. En 1969 a aldea de Zuia dedicoulle unha placa conmemorativa na súa honra. Numerosos grupos de Pioneiros da URSS foron bautizados co seu nome.
Moitos equipos e grupos escolares recibiron o seu nome, así como o museo do Komsomol, situado na estrada entre Polotsk e Viciebsk, e unha escola en San Petersburgo. Hai dous monumentos no seu honor, un busto en Minsk e un obelisco na vila de Obol.
Bibliografía .
Categoría:Heroes da Unión Soviética Categoría:Finados en 1944 Categoría:Nados en 1926