Os poderes fácticos son sectores da sociedade á marxe das institucións políticas (por exemplo, a banca, a Igrexa, os medios de comunicación) que exercen sobre ela unha grande influencia, baseada na súa capacidade de presión. Deste xeito, o poder fáctico non é necesariamente equivalente ao aparello formal estatal pero pode influír nas estruturas legais e reguladoras, por intermedio da súa autoridade informal ou da presión que exercen.

O poder fáctico exércese á marxe das causas formais dunha organización e está baseado nos feitos ou limitado a eles, e non no teórico ou imaxinario. Non está lexitimado e non sempre busca a lexitimidade para exercerse: desta maneira, non exerce o poder de iure ("segundo a lei"), senón que exerce o poder de facto ("de feito"), pois a súa mera existencia faille determinante.

Clave do seu exercicio Non é necesario que un poder fáctico impóñase pola forza: élle suficiente con explicitar —ou incluso suxerir— os seus desexos para que se fagan realidade. A clave do seu exercicio é a súa capacidade de control de mecanismos non políticos para adquirir poder político, por exemplo o dominio de recursos vitais ou estratéxicos, que lle dan poder sobre a ideoloxía, a sociedade e a economía. Por exemplo, no canto de controlar un goberno específico, trátase de controlar ou influír a súa lexislación, de xeito legal ou cuasi-legal.

Un exemplo habitual de poder fáctico é a influencia que exercen os grupos de poder como a banca, a oligarquía, ou os intereses plutocráticos, así como a Igrexa, as centrais sindicais ou os medios de comunicación de masas. Nalgúns corpus teóricos-ideolóxicos refírese ao fenómeno causado polo poder fáctico como mercantilismo empresarial ou capitalismo de Estado.Un futuro de paz y capitalismo . Murray N. Rothbard. Modern Political Economy. Edición de James H. Weaver, Cap. 28, pp. 419-430, capítulo 28. 1973, Allyn and Bacon.

Terminoloxía O termo adoita aplicarse en plural: afírmase, por exemplo, que «os poderes fácticos en España durante o final do franquismo e a Transición eran a Igrexa, o exército e a banca (ou a burguesía)", e no debate político español séguese falando de poderes fácticos posfranquistas que aínda manteñen influencia.

Semellantes exemplos de enumeración de poderes poden acharse en países de América Latina, coa adición do poder exterior que supón a presenza dos intereses estadounidenses na rexión.

O mesmo fenómeno pódese observar en grandes partes de América Latina: por exemplo, antes da guerra civil salvadoreña de 1980-1992, o país foi dominado por «as catorce familias». Segundo algúns analistas, o papel central que levan a cabo os poderes fácticos pon en dúbida a solidez e estabilidade da democracia en moitos países.

A consideración dos grandes propietarios dos medios de comunicación como un cuarto poder aproximaríaa ao concepto de poder fáctico, pero non aos medios de comunicación mesmos (que serían un poder máis, ao estilo do tres poderes clásicos descritos por Montesquieu, e polo tanto tan fáctico como eles), senón aos que os controlan (grupos empresariais, por exemplo).

A miúdo alúdese de xeito metafórico á maneira na que os poderes fácticos gravitan sobre a vida pública, coa mera ameaza da súa actuación, por exemplo na expresión «ruído de sabres» ou mesmo "ruído de sotanas"; un sentido semellante teñen algúns usos do termo «baculazo» para denominar ás decisións eclesiásticas, e do de «cuartelazo» para referirse aos pronunciamentos militares.

Notas

Categoría:Sociedade