miniatura|En Alasca. A mobella do Pacífico ou movella do Pacífico (Gavia pacifica) é unha ave gaviforme de tamaño medio.

Taxonomía e etimoloxía

A mobella do Pacífico, antes considerada conespecífca coa especie similar mobella ártica, foi clasificada como especie separada en 1985. O nome do xénero Gavia vén do latín e significa 'gaivota', palabra usada polo antigo naturalista romano Plinio o Vello. O epíteto específico pacifica fai referencia ao océano Pacífico.

A filoxenia desta especie é moi discutida, pois tradicionalmente considérase unha especie irmá da mobella ártica, pero un estudo que utilizou o ADN mitocondrial e o ADN nuclear intrónico apoia que se sitúe a mobella ártica como irmán dun clado en que estarían situadas a mobella do Pacífico e dúas especies irmás que son a mobella grande e a mobella de bico branco. Na anterior filoxenia, proponse que a separación entre a mobella do Pacífico e a mobella ártica aconteceu hai uns 6,5 millóns de anos.

Descrición

Os adultos reprodutores son como unha versión máis brillante e máis pequena da mobella grande. As medidas son 58-74 cm de lonxitude, 110-128 cm de envergadura e un peso de 1-2,5 kg. (2011). Teñen unha cabeza cincenta, gorxa negra, partes ventrais brancas e manto a cadros negros e brancos. A súa gorxa negra ten reflexos púrpuras. A plumaxe non-reprodutora é máis apagada co queixo e a parte anterior do pescozo brancos. O pico é cincento ou abrancazado e con forma de daga.

En todas as plumaxes, a falta dunha mancha no flanco branca distínguea da, no demais moi similar, mobella ártica. A mobella do Pacífico pode diferenciarse da mobella pequena en inverno polo aspecto máis claro desta última, que ademais ten menos contraste entre o píleo e parte posterior do pescozo e gorxa, e o seu bico está lixeiramente xirado para arriba.

Igual que outros gaviformes, as patas da mobella do Pacífico están situadas na parte traseira do seu corpo, o que lle fai difícil camiñar en terra, pero que lle axuda a conseguir alimento baixo a auga. A estrutura fisiolóxica da mobella do Pacífico fai que lle sexa practicamente imposible engalar desde terra, e ademais necesita uns 27-46 m de superficie de auga para acelerar e conseguir engalar. Esta distancia para engalar limita o número de lagos nos que pode alimentarse e reproducirse.

Vocalizacións

A mobella do Pacífico realiza chamadas máis activamente en primavera e verán e ten unha gran variedade delas. Cando se alimenta pode producir unha vocalización que soa "ark", unha chamada curta e aguda. Ademais, ten unha chamada similar á da súa parente a mobella grande, que é un alto e arrepiante "uu-luu-lii" como un laio ou yodel que pode oírse desde varios quilómetros e que realizan normalmente na estación reprodutora. As mobellas poden tamén facer chamadas curtas e ásperas "kok-kok-kok-kok" xunto con outros diversos ruídos de grallidos, gruñidos, ladridos e cacarexos menores.miniatura|Mobella do Pacífico

Hábitat e distribución Reprodúcese en lagos da tundra, e pasa o inverno no mar aberto ou noutros corpos de auga grandes. Reprodúcese principalmente no norte do Canadá e leste de Siberia, e inverna ao longo da costa do Pacífico de América do Norte.

Desprazamentos A diferenza doutras mobellas, esta ave pode migrar en bandadas. Inverna no mar, principalmente na costa do Pacífico norte, ou en lagos grandes nunha ampla área que vai desde a China, o Xapón, Corea do Norte, Corea do Sur, Estados Unidos e México. Apareceu como ave errante en Groenlandia, Hong Kong, Gran Bretaña, España, Finlandia e Suíza (ata decembro de 2015).

Comportamento Reprodución Empezan a realizar o comportamento de emparellamento en primavera e verán, facendo exhibicións baixando o bico e mergullándose chapuzando para atraer parellas, e os machos loitan usando os bicos, ás veces mortalmente. Unha vez que se establece unha parella, ambos viven monogamamente e atopan un lago profundo para nidificaren onde constrúen un niño no chan na ribeira. A parella permanece unida mentres produzan descendencia, e a miúdo están xuntos toda a vida. O niño está feito de vexetación amontoada e lama.

Pon dun a dous ovos de cor beixe clara ou verde con manchas marróns de varios tamaños. Os ovos normalmente miden 76 por 47 mm. Aínda que os poñen con poucos días de diferenza, xeralmente fan eclosión en intervalos de non máis dun día de diferenza. A incubación dura de 23 a 25 días.

Antes de que os polos pesquen por si sós, arredor das 8 semanas, dependen totalmente do que lles traen os proxenitores. Como unha parte dos coidados que lles prestan aos polos, un pai leva as crías subidas ás costas mentres nada para protexelos da predación e do frío.

Territorialidade Son mobellas socialmente monógamas que teñen unha alta taxa de retención do territorio (0,92), o que indica que son quen de defender con éxito o seu lago de nidificación doutras parellas de mobellas ou individuos que traten de instalarse alí. Ademais, os machos teñen un maior éxito na retención do territorio que as femias, pero non hai ningunha evidencia que suxira que esta diferenza é atribuíble ao tamaño senón á capacidade de loitar mellor ou á familiaridade co territorio.

As mobellas do Pacífico que buscan un novo lago frecuentemente visitan lagos que están xa ocupados, isto, xunto coas altas taxas de retención de lagos indican que a poboación de mobellas do norte de Alasca pode estar saturada. A mobella do Pacífico tamén se sabe que é moi agresiva, realizando matanzas interespecíficas daqueles individuos tanto dun ano coma de dous despois da eclosión, que de forma intencional ou accidental se aproximan á area de nidificación da mobella.

Unha parella de mobellas do Pacífico defende as crías en equipo e mentres un dos pais protexe o niño ou as crías, o outro pai ataca agresivamente a ameaza percibida. Se a ameaza é outro animal que está na auga, a mobella atacante estira o pescozo e cabeza de maneira agresiva e mergúllase baixo a ameaza nun intento de cravarlle o bico ao volver saír á superficie. Son tan agresivas que foron observadas facendo a exhibición corporal de ameaza cara a avións que cruzaban Alasca.

Dieta Esta especie, igual que todas as mobellas, é un especialista en comer peixe, que captura baixo a auga. Tamén se alimenta en grupos, normalmente mergullándose baixo os bancos de peixes e forzándoos a subiren cara á superficie. Xeralmente aliméntase máis preto da costa que outras mobellas.

Conservación A poboación desta especie está actualmente incrementándose e esténdese por unha ampla área de aproximadamente 15.700.000 quilómetros cadrados. Os esforzos actuais de conservación están enfocados na monitorización e mantemento dun reconto exacto das poboacións e comportamentos reprodutores. Un estudo en profundidade recente da poboación da mobella do Pacífico na zona ártica de Alasca occidental atopou que a poboación de aves alí é e realidade ~1,5-2,0 veces máis grande que o que indicaban as avaliacións feitas desde o aire previas. O estudo indicou que unha potencial ocupación polas actividades humanas do Reserva Nacional de Petróleo de Alasca (NPRA), que é un dos terreos de reprodución primarios da mobella do Pacífico, polas compañías de petróleo e gas natural, é unha posible ameaza para a especie.

Un nocivo tipo de contaminante ambiental para a poboación de mobellas do Pacífico é o de metais pesados, como o mercurio, que se pode observar no seu hábitat como resultado da antiga actividade mineira nas áreas onde as mobellas migran e pescan. Os elevados niveis de mercurio no ambiente supoñen un significativo risco para a saúde de aves piscívoras como esta. O mercurio é absorbido polos peixes pequenos, que son a fonte de alimento principal das mobellas, podendo causar envelenamento por mercurio.

Adicionalmente, viuse que as visitas aos niños feitas por investigadores e eventos de captura de exemplares para o seu estudo poden ter un efecto significativo nas taxas de supervivencia nos niños de mobellas do Pacífico. Cando os investigadores capturan estas mobellas mentres están reproducíndose ou incubando ovos, independentemente de se están lonxe ou preto do niño no momento da captura, as taxas de supervivencia dos ovos diminúe.

Tamén existen informes de exemplares que inxeriron plásticos polucionantes, un problema que se está convertendo nunha preocupación crecente para a conservación das aves no Canadá. O comportamento de busca de alimento mergullándose fai que estean nun risco de morte relativamente baixo por sobreconsumo de plástico, xa que a maioría dos restos de plástico polucionante aboia na superficie da auga e non se encontra nas profundidades.

O cambio climático é unha ameaza para o hábitat da moella do Pacífico debido á perda de auga nos lagos nos que se reproducen.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Os seguintes artigos tratan da distinción entre a mobella do Pacífico e a mobella ártica:

Birch, A. and Lee, C-T, 1997, Field identification of Arctic and Pacific Loons, Birding 29: 106–115. Birch, A and Lee, C-T, 1995, Identification of the Pacific Diver - a potential vagrant to Europe, Birding World 8: 458–466. Harrison, Peter (1988). Seabirds: An Identification Guide. Londres: Christopher Helm.

Ligazóns externas (para o Canadá) Galería de folos da mobella do Pacífico - VIREO

Categoría:Gaviformes Categoría:Aves de América do Norte Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1858