O picapeixe cintado (Megaceryle alcyon) é unha especie grande e rechamante de picapeixe nativa de América do Norte.
Taxonomía
O naturalista sueco Carl Linné acuñou para esta especie o nome científico Alcedo alcyon en 1758 na décima edición da súa obra Systema Naturae. Baseouse nas descricións e imaxes publicadas por Mark Catesby (1731), John Ray (1713) e George Edwards (1750). O xénero actual Megaceryle creouno o naturalista alemán Johann Jakob Kaup en 1848. Megaceryle procede do grego antigo megas, 'grande', e do nome de xénero xa existente Ceryle. O nome específico alcyon é a palabra latina para 'picapeixe'.
Os grandes picapeixes verdes Megaceryle foron anteriormente situados no xénero Ceryle, xunto co Ceryle rudis, pero este último está máis próximo aos picapeixes verdes americanos Chloroceryle. O parente vivo máis próximo do picapeixe cintado é o Megaceryle torquata, e estes dous con toda probabilidade orixináronse a partir dun Megaceryle africano que colonizou América.
Descrición É unha ave robusta, de mediano tamaño que mide entre 28–35 cm de lonxitude cunha envergadura de entre 48 e 58 cm. Pode pesar desde 113 a 178 g. A femia adulta como media é lixeiramente máis grande que o macho adulto.
Ten unha cabeza grande cunha crista de plumas con aspecto despeiteado. O bico é longo e pesado de cor negra coa base gris. Estas características son comúns en moitas especies de picapeixes. Presenta un dimorfismo sexual inverso, coa femia con cores máis rechamantes que o macho. Ambos os sexos teñen unha cabeza azul lousa, unha banda branca a modo de colar no pescozo, unha banda azul grande no peito, e partes ventrais brancas. O dorso e ás son azul lousa con as puntas das plumas negras con poucos puntos brancos. A femia ten unha banda marrón avermellada no ventre superior que se estende ata os flancos. Os individuos novos desta especie son similares aos adultos, pero ambos os sexos presentan unha banda marrón avermellada no ventre superior. Os machos novos teñen esa banda con algunhas manchas mentres que as femias novas téñena moito máis delgada que as femias adultas.
Distribución e hábitat É o único picapeixe na maioría da súa área de distribución e o seu hábitat reprodutor é preto de corpos de auga interiores ou costeiros da maior parte de América do Norte, no Canadá, Alasca e os Estados Unidos. Migran en inverno desde a parte norte da súa área de distribución ao sur dos Estados Unidos, México, América Central, e as Antillas Menores. É un visitante raro do norte de Colombia, Venezuela e as Güianas. Durante a migración pode desviarse lonxe da terra; foi rexistrada como visitante accidental en varias illas do Pacífico, como a illa Cocos, illa Malpelo, Hawai, as Azores, illa Clarion, e apareceu tamén como unha ave errante extremadamente rara en Ecuador, Groenlandia, Irlanda, Países Baixos, Portugal, e o Reino Unido (cinco rexistros desde 1908). Os rexistros máis ao sur de M. alcyon foron nas illas Galápagos, onde aparece como migrante en pequeno número pero aparentemente todos os anos.
Marcha das áreas do norte da súa distribución cando se conxela a auga, pero en áreas máis cálidas é un residente permanente. Uns poucos individuos poden pasar máis tempo no norte mesmo nos invernos máis fríos excepto no Ártico, sempre e cando haxa corpos de auga que permanecen abertos.
Ecoloxía e comportamento miniatura|esquerda|Femia coa súa presa. O picapeixe cintado vese a miúdo pousado en árbores, postes ou outros puntos axeitados de observación preto da auga antes de mergullarse de cabeza para capturar un peixe. Tamén comen anfibios, moluscos, pequenos crustáceos, insectos, pequenos mamíferos, pequenas aves, réptiles e bagas.
Cando o picapeixe voa polo seu hábitat, frecuentemente emite unha característica chamada repenicante.
Nidifica nun túnel horizontal feito na ribeira dun río ou banco de area que escavan ambos os membros da parella. A femia pon de cinco a oito ovos e ambos os adultos comparten a tarefa de incubar os ovos e a alimentación das crías. Durante a estación reprodutora, os machos poden tamén mostrar un forte grao de territorialidade na área veciña ao seu niño, espantando os conespecíficos e predadores.
O niño é un túnel longo que adoita ascender. Unha posible razón para esta forma ascendente é que, en casos de asolagamento, os polos poderían sobrevivir coa bolsa de aire formada no final do túnel.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Belted Kingfisher – Ceryle alcyon – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
Oiseaux.net Fotos Sons do picapeixe cintado no Museo de Historia Natural da Florida
Categoría:Alcedínidos Categoría:Aves de América do Norte Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné