José Manuel Figueira, nado en Crawley o 9 de febreiro de 1982, é un adestrador de fútbol inglés, de ascendencia galega, que dende 2021 dirixe o Auckland United, da Liga Nacional de Nova Zelandia. Anteriormente dirixiu outros clubs como o Team Wellington, co que gañou o Campionato de Fútbol de Nova Zelandia e a Liga de Campións da OFC, así como as categorías inferiores da selección de Nova Zelandia, conquistando un Campionato sub-16 da OFC.
Traxectoria Nado na cidade inglesa de Crawley, de pais galegos, xogou ao fútbol no equipo xuvenil do Crawley Town, pero deixouno aos 19 anos para iniciar a súa carreira como adestrador. Tras un breve paso pola canteira do Brighton & Hove Albion, en 2003 instalouse en Nova Zelandia. Adestrou nas categorías inferiores do Auckland City, gañando en 2009 a Liga Nacional Xuvenil e tivo un breve paso polo fútbol estadounidense, na canteira dos New York Red Bulls. Tralo seu regreso a Oceanía, adestrou durante dous anos o Central United.
Dirixiu a selección sub-17 de Nova Zelandia no Campionato Sub-17 da OFC de 2015 e conquistou o título tras gañar os sete partidos do torneo e derrotar na final á selección de Tahití. A pesar do éxito, foi despedido tralo torneo, nunha controvertida decisión da Federación.
En 2016 foi anunciado como novo adestrador do vixente campión do Campionato de Fútbol de Nova Zelandia, o Team Wellington. Con Figueira no banco, o club revalidou o título na tempada 2016/17, o que o levou a ser nomeado Adestrador de Fútbol do Ano de Nova Zelandia en 2017. Os éxitos continuaron a nivel continental, pois o equipo gañou tamén a Liga de Campións da OFC, a primeira e única na historia do club, vencendo na final ao Lautoka por un resultado global de 10-3. Deste xeito logrou a clasificación para a Copa Mundial de Clubs da FIFA, onde caeu eliminado na rolda de playoffs contra o Al-Ain, tras unha quenda de penaltis.
Tamén en 2018 recuperou o seu posto de seleccionador sub-17, sendo ademais nomeado asistente de Fritz Schmid na selección absoluta. Ese mesmo ano participou no Campionato Sub-16 da OFC e a pesar de sufrir unha sorprendente goleada na primeira fase por 5-0 ante as Illas Salomón, acabou conquistando o título ao derrotar na final ás propias Salomón.
Palmarés Team Wellington Liga de Campións da OFC (1): 2018. Campionato de Fútbol de Nova Zelandia(1): 2017.
Auckland City Liga Nacional Xuvenil (1): 2009.
Central United Lotto NRFL Men's Premier Division (1): 2016.
Nova Zelandia Sub-17 Campionato Sub-17 da OFC (1): 2015. Campionato Sub-16 da OFC (1): 2018.
Notas
Categoría:Nados en 1982 Categoría:Nados en Inglaterra Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Ingleses de ascendencia galega Categoría:Adestradores de fútbol de Inglaterra