A fenda dixital de xénero é a diferenza entre homes e mulleres no uso e acceso a Internet e ás novas tecnoloxías. Xorde debido á fenda de xénero presente en tódolos campos, xa que os homes sempre se consideraron superiores ás mulleres, impedíndolles participar nos avances da sociedade. A fenda dixital de xénero é un problema grave, xa que o mundo dixital colle cada vez máis presenza e moitos dos trámites laborais ou médicos, relacións sociais ou obtención de información realízanse a través da Internet. Polo tanto, a fenda dixital de xénero non fai máis que aumentar a fenda de xénero, reducindo a igualdade entre homes e mulleres. Para reducir esta fenda é necesario que as mulleres poidan acceder e utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos na mesma medida que os homes.
Concepto A fenda dixital de xénero considérase un fenómeno que consiste na exclusión das mulleres das actividades relacionadas coa sociedade do coñecemento. Entre os factores de exclusión máis relevantes atópanse a capacidade económica, a dispoñibilidade de tempo (ligada a roles de xénero por maternidade, labores domésticas e coidados) e os hábitos como sociedade.
A fenda dixital de xénero non comezou a ser un caso de estudo significativo ata o ano 2009. Dende ese ano, numerosos investigadores e organismos públicos comezaron a estudar en que consistía esta desigualdade, proporcionando información estatística e descritiva desta fenda, ademais de para visibilizar as causas e obter solucións para reducila.
Hai moitos motivos que poden explicar que exista esta fenda dixital de xénero. Un deles é a fenda de xénero na informática, é dicir, a escasa participación de mulleres que traballan no ámbito das TIC.
Tipos A fenda dixital de xénero pode dividirse en varias categorías: a fenda de acceso, a fenda de uso e a fenda de coñecemento. Fenda de acceso: está relacionada coas capacidades económicas e a idade das usuarias, ademais de posibles impedimentos que a cultura na que viven lles impoña. Fenda de uso: ten que ver co uso que se lle dá ás tecnoloxías, xa que se considera que as mulleres utilizan os dispositivos electrónicos para compras por Internet ou vida social e os homes, para videoxogos ou traballo. Fenda de coñecemento: está relacionada coa reducida participación de mulleres en profesións vinculadas coa tecnoloxía e a alta probabilidade de exclusión laboral debido ao teito de cristal.
Importancia de eliminala É necesario eliminar a fenda dixital de xénero xa que o mundo tende a ir cara ao dixital. Por tanto, se as mulleres non están en igualdade de condicións no uso das tecnoloxías, non estarán en igualdade de condicións na vida real, aumentando as desigualdades e inxustizas para elas. Debido a que o 90% dos traballos do futuro terán unha compoñente dixital, se ás mulleres non se lle deixa acceder á tecnoloxía, terán máis dificultades de atopar emprego, sendo máis dependentes dos seus maridos, e manténdose nunha sociedade patriarcal. Ademais, é necesario que haxa mulleres que axuden a crear o mundo dixital, porque se non, estarase creando un mundo feito por homes, que non será inclusivo xa que non terá o punto de vista da metade da poboación.
Datos No mundo Segundo un estudo das Nacións Unidas, a fenda dixital de xénero reduciuse entre 2018 e 2020. Para o cálculo, dividen a proporción de mulleres que utilizan Internet entre a proporción de homes que a usan. Deste xeito, canto máis próximo a 1 estea ese valor, menor fenda dixital de xénero haberá.
Este estudo indica que, pese a reducirse estes anos, segue habendo fenda dixital de xénero, sobre todo nos estados árabes (0,82) e nos continentes africano (0,67) e asiático (0,91). Deste xeito, en todo o mundo aínda hai que reducir esta fenda, xa que en 2020 este valor atopábase en 0,92.
En España En España, a fenda dixital foise reducindo progresivamente, aínda que as mulleres seguen nunha posición desfavorables en competencias dixitais e uso da Internet. En competencias avanzadas, como a programación, a fenda en España é de 6,8 puntos, sendo a media da Unión Europea de 8, e as investigadoras no sector de servizos TIC só representan o 23,4%. En relación coa porcentaxe de graduadas en STEM, hai 17 puntos de diferenza entre os homes es as mulleres, habendo máis graduados que graduadas.
En Galicia No 2025 considérase que en Galicia non existe fenda dixital de xénero, xa que no uso de Internet en 2023, están 0,4 puntos por riba dos homes. Tamén superan aos homes no uso de dispositivos electrónicos. No caso concreto do comercio electrónico, ata os 45 anos as mulleres superan por 3 puntos aos homes, pero a partir de 55, os homes superan en 5 puntos ás mulleres. As mulleres tamén utilizan máis a Internet por motivos de aprendizaxe ou para concertar unha cita médica. Porén, habería que estudar máis factores para ver se noutros campos esta fenda dixital de xénero non existe, xa que por exemplo, no uso e acceso a videoxogos ou no uso da Internet para o ocio, estes números poden estar invertidos.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Fenda de xénero na informática Fenda de xénero na intelixencia artificial Nesgo de xénero na Wikipedia Fenda de xénero Fenda dixital Desigualdade de xénero
Categoría:Cultura de Internet Categoría:Igualdade de xénero