María Teresa Aranguren Amézola, nada en Artziniega, Áraba o 21 de decembro de 1944, é unha xornalista vasca cuxa traxectoria profesional estivo ligada á información internacional do mundo árabe e zonas en conflito.
Traxectoria Licenciada en Filosofía e Letras e diplomada en Psicoloxía e Antropoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, comezou a súa carreira como xornalista en 1980. En 1981, fíxose cargo da sección internacional de Mundo Obrero, publicación do Partido Comunista de España (PCE). Como enviada especial nesa etapa cubriu a invasión de Israel sobre o Líbano e viaxou á China, Alxeria e Marrocos.
En 1985 empezou a traballar para a revista Interviú e un ano despois incorporouse ao xornal El Independiente como xefa da sección de internacional cubrindo a guerra de Irán-Iraq en Teherán. Foi a única muller que cubriu esta guerra como correspondente, agás unha fotógrafa libanesa.
No verán de 1989 incorporouse á sección internacional dos servizos informativos de Telemadrid. En 1990, viaxou a Amán e Xerusalén para cubrir a primeira guerra do Golfo e dende entón desprazouse con asiduidade á zona para informar das sucesivas crises de Iraq e do conflito palestino-israelí. Durante 15 anos foi enviada especial en Oriente Medio. Entre outros, cubriu a guerra do Golfo e o conflito dos Balcáns. Nesa ocasión, Telemadrid foi a primeira televisión española no conflito.
Entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, foi subdirectora dos Servizos Informativos de Telemadrid, cargo do que dimitiu tras o cesamento do director de informativos Diego de la Serna.
Publicou dous libros sobre o mundo árabe e o pobo palestino: Palestina, el hilo de la memoria (2004) e Olivo Roto: Escenas de la ocupación (2006). Xunto a fotógrafa bilbaína Sandra Barrilaro é coautora de Contra el Olvido, memoria fotográfica de Palestina antes de la Nakba.
En xaneiro de 2007 converteuse en conselleira do Consello de Administración de RTVE a proposta de EU-ICV.
É a neta de José de Amézola.
Premios e recoñecementos 2000: Premio da Asociación de Mulleres Profesionais dos Medios de Comunicación (AMECO). 2001: Premio ASTER de Comunicación. 2001: Antena de Prata da Asociación de Profesionais de Radio e Televisión da Comunidade de Madrid. 2001: Premio de Cooperación do Club Internacional de Prensa.
Publicacións Palestina: El hilo de la memoria (2004) Editorial Caballo de Troya. Olivo Roto: Escenas de la ocupación (2006) Editorial Caballo de Troya. Contra el olvido. Una memoria fotográfica de Palestina antes de la Nakba, 1889-1948 (2015) Ediciones del Oriente y del Mediterráneo. Coordinado por Teresa Aranguren, Sandra Barrilaro, Johnny Mansour e Bichara Khader, con prólogo do arabista Pedro Martínez Montávez. Palestina: La existencia negada (2025) Ediciones del Oriente y del Mediterráneo.
Notas
Categoría:Nados en Artziniega Categoría:Nados en 1944 Categoría:Xornalistas do País Vasco