Ediciones Cátedra é unha editorial española fundada en 1973 en Madrid que publica clásicos da literatura e obras de humanidades. En 1997 gañou o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural, outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura. Ese mesmo ano pasou a formar parte do Grupo Anaya. Coleccións
As coleccións emblemáticas de Cátedra son Letras Hispánicas e Letras Universales. Como os seus nomes indican, a primeira está dedicada a clásicos da literatura española e latinoamericana, e a segunda a clásicos da literatura universal. Non debe entenderse «clásicos» no sentido de autores de hai séculos, senón de obras modélicas plenamente recoñecidas no canon literario, incluíndo as creadas en tempos relativamente recentes por autores vivos.
Na serie Letras Hispánicas están La Celestina, Miguel de Cervantes ou Lope de Vega, pero tamén Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa e outros narradores do "boom" da literatura hispanoamericana dos anos sesenta, ou figuras da dramaturxia española contemporánea, como Alonso de Santos ou Fernando Arrabal. O prestixio do que goza esta colección nos círculos académicos baséase no rigor e esforzo postos nas anotacións do texto e nos estudos introdutorios, obra de autorizados filólogos e historiadores da literatura.
O mesmo pódese dicir da serie Letras Universales: edicións coidadosas (tamén a cargo de especialistas) de autores e obras de todos os tempos, desde as Tragedias de Esquilo (título que iniciou a colección en 1983) ata os clásicos do século XX: Franz Kafka, Alfred Döblin, William Faulkner ou Ítalo Calvino. O deseño de Letras Universales, creado por Diego Lara (cuberta branca e ilustración libre), contrasta co de Letras Hispánicas, con cubertas negras e unha imaxe cadrada en cor.
Das outras coleccións de Cátedra, menos coñecidas, cabe destacar a singularidade da serie Feminismos, que dende 1990 combina obras das grandes figuras do feminismo (Simone de Beauvoir, Betty Friedan e Kate Millett) con ensaios de autoras contemporáneas. En 2023, cando se cumprían os cincuenta anos da súa fundación, a editorial publicaba arredor de oitenta novos títulos ao ano, e a colección Letras Hispánicas achegábase aos novecentos títulos.
Notas
Categoría:Editoriais de España