Santiago Vázquez Martínez, nado en Santiago de Compostela o 28 de xullo de 1970, máis coñecido como Santi Molezún, é un vidente e meigo galego.
Traxectoria Fillo do policía e militar Carlos Vázquez Molezún e de Julia Martínez Berea, Santi Molezún fíxose famoso na década de 1980 por ser o bruxo máis novo de España. Colleitou tamén fama como vidente pola súa participación no reality show de Antena 3 El castillo de las mentes prodigiosas (2004), onde coincidiu con outros célebres videntes do panorama español, como Lola Montero, Paco Porras ou Aramís Fuster, entre outros.
En 1990, Molezún dirixiu unha curtametraxe de 20 minutos titulado En un rincón del alma e colaborou con Antena 3 Radio. Formou parte do grupo de drag queens Queenpostelas, como Elvira a Galáctica, que se fixo popular a finais da década de 1990 e actuou en programas de televisión como Luar ou Tardes con Ana da Televisión de Galicia. En 1993, creou Moda Universal. Tamén se dedica ao mundo da música, especialmente ao punk electrónico.
Vida persoal
Molezún está casado co director de teatro Daniel Baamonde. En 2014 Santi Molezún e a súa parella víronse envoltos nun caso de sona nos medios en que se acusaba á Xunta de Galicia de non permitirlles a adopción dun fillo pola súa condición de matrimonio homoparental.
Notas
Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Maxia Categoría:Drag queens