Abilio Álvarez Bernardo, nado en Olelas (Entrimo) o 25 de xuño de 1916 e asasinado en Hartheim o 2 de febreiro de 1942, foi un exiliado galego deportado aos campos de concentración nazis.

Traxectoria Emigrou a Tarragona, onde traballou de mineiro. Foi membro do PSUC (Partido Socialista Unificado de Catalunya) de Reus. Tralo inicio da guerra civil española entrou no Instituto de carabineros, pasando a integrarse nas Brigadas mixtas do Exército Popular da República.

Nos primeiros meses de 1939, durante a retirada, escapou cara Francia a través dos Pireneos. Formou parte da Compañía de traballadores estranxeiros (CTE 39) constituída nos campos de internamento de Saint-Cyprien e Le Barcarès, con destino na rexión de Lorena. Capturado polo exército alemán trala caída de Francia na fronteira con Suíza, foi enviado primeiro ó Frontstalag 140, en Belfort (Francia), e despois trasladado ó Stalag XI-B, en Fallingbostel (Alemaña).

O 27 de xaneiro de 1941 entrou no campo de concentración de Mauthausen co número de prisioneiro 5 404. O 30 de xaneiro de 1942 foi enviado ó castelo de Hartheim, onde foi asasinado na cámara de gas, rexistrándose a súa morte o 2 de febreiro de 1942. Foi unha das 449 vítimas españolas da chamada Aktion 14f13, que consistía na selección e asasinato mediante gas velenoso dos prisioneiros non aptos para traballar ou considerados "indesexables" por motivos políticos ou raciais.

O 6 de marzo do 2020 o seu sobriño neto Rafael Adán Rodríguez presentou no Consulado arxentino de Vigo unha denuncia en nome de Abilio para unila á querela arxentina contra os crimes do franquismo. Ese mesmo día presentáronse outras seis denuncias en nome de todos os deportados da provincia de Ourense. O acto foi coordinado polo Grupo de Traballo de Ourense da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Recoñecementos Nun acto celebrado o 14 de setembro de 2019 en memoria das vítimas do réxime franquista na comarca de Baixa Limia, onde se xuntaron membros do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia e familiares das vítimas, inaugurouse un monólito na honra dos asasinados da comarca na curva de Fonteboa, no concello de Bande, entre os que se encontra Abilio Álvarez Bernardo.

De igual xeito, o Concello de Entrimo e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, organizaron un acto na praza do concello o 8 de maio de 2021 en memoria de Abilio Alvarez Bernardo, Avelino Pérez Rodríguez, Higinio Rodríguez Domínguez e Jaime Vázquez Estévez, no que se inaugurou un monólito no seu honor.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Entrimo Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Galegos de Cataluña