Francisco Antonio Cortés Martínez, nado en Calvos de Randín o 25 de novembro de 1913 e finado en Soutomaior o 30 de setembro de 1987, foi un exiliado galego deportado aos campos de concentración nazis.
Traxectoria O seu pai, José, era tenente do Corpo de Carabineiros, destinado en Calvos de Randín e Ourense, e acadou o grao de coronel durante a guerra civil española. En 1934 Francisco era estudante da Escola Superior de Veterinaria de Madrid, afiliado á Federación Universitaria Escolar, de carácter laico e republicano.
Comezou a guerra civil española combatendo na fronte republicana como miliciano. Máis tarde formou parte da 124 Compañía de Asalto no Cuerpo de Investigación y Vigilancia. Estivo destinado na Sección de Investigaciones Especiales en Madrid, posto que solicitou o 27 de xaneiro de 1937. Foi avalado na súa petición polo Partido Sindicalista, partido creado polo líder anarquista Ángel Pestaña en 1932.
Cando a guerra estaba xa decidida parte da familia exiliouse. Os pais, as dúas fillas e un fillo, Francisco, fuxiron cara a Francia por Figueres, sorteando os bombardeos da aviación franquista. Os homes entraron no campo de Argelés. A nai e as dúas fillas acubilláronse nunha fonda, regresando tempo despois a España, a Calvos de Randín, coa axuda dun tío, oficial do exército franquista. En Calvos sufriron os insultos e o desprezo dos falanxistas, e perderon terras e outros bens, pero puideron refacer a súa vida co apoio da maioría da veciñanza. Os outros tres fillos tiveron traxectorias distintas: Julio, republicano, escapou cara a Portugal, Manuel, que pertenceu aos corpos de seguridade da República agochouse en Valencia, e o outro irmán sumouse ao Movimiento Nacional, sendo un grande apoio para toda a familia durante a ditadura franquista. miniatura|Ficha de Francisco Cortés en Buchenwald.|esquerda miniatura|Rexistro de Francisco Cortés en Buchenwald, coa súa sinatura miniatura|471x471px|Francisco paseando por Bordeos, 1947 Francisco ingresou no campo de refuxiados de Bram o 8 de marzo de 1939, na barraca 22. O 19 de xullo de 1939 foi trasladado a Bordeos. Detivérono en Tours o 4 de decembro de 1943, seguramente por pertencer á Resistencia. Pasou polo campo de internamento de Compiègne-Royallieu, onde figura no Muro dos Nomes como François, xunto a outras 43.553 persoas. Trasladado a Buchenwald o 29 de xaneiro de 1944, co número 43539, rexistrado como preso político ("Polit. Spanier"), co triángulo vermello que cualificaba aos presos políticos nos campos de concentración nazis. A profesión coa que se rexistrou foi carpinteiro. Inicialmente estivo no bloque 61 do chamado Campo Pequeno, onde pasou a corentena e despois pasou ao bloque 10 do campo principal. Foi destinado ao kommando de traballo número 30, na fábrica de armas Wilhelm Gustloff Stiftung II o 3 de xullo de 1944. En setembro foi trasladado ao subcampo Halberstadt, traballando na fábrica Junkers Flugzeug-Werke. O 22 de febreiro de 1945 transferírono a outro subcampo de Buchenwald: Langestein Zwieberge ("B II").
Pouco antes da liberación do campo os SS quixeron asasinar a todos os presos. Só uns poucos conseguiron fuxir, entre eles Francisco. Regresou a Bordeos, onde casou cunha moza francesa, da que anos despois se divorciou. Nos anos 50 regresou a España, traballando uns anos en Xixón como Delegado de Abastos, co apoio do seu irmán, ben situado dentro da réxime franquista.
A estancia no campo deixoulle secuelas coma os tímpanos rebentados e os pulmóns enfermos. Era moi alto, máis de 1,80 m, e chegou a pesar só 39 kg cando estaba prisioneiro dos nazis. A pesar de que case non falaba do exilio e da deportación, porque se entristecía moito, sempre tivo un humor excelente e gozou da vida. Arredor de 1970 asentouse en Vigo, onde foi coidado polas súas irmás e cultivou a súa afección á fotografía. A familia tiña unha casa en Soutomaior, onde faleceu o 30 de setembro de 1987.
O 6 de marzo do 2020 a súa sobriña Luz Cortés Jiménez presentou no Consulado arxentino de Vigo unha denuncia en nome de Francisco Cortés para unila á Querela arxentina contra os crimes do franquismo. Ese mesmo día presentáronse outras seis denuncias en nome de todos os deportados da provincia de Ourense. O acto foi coordinado polo Grupo de Traballo de Ourense da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Deportación. El horror de los campos de concentración (1969). Barcelona: Federación Nacional de Deportados e Internados, Resistentes y patriotas.
Wachsmann, Nikolaus (2015). K.l. Historia de los campos de concentración nazis. Barcelona: Crítica. Hernández de Miguel, Carlos (2015). Los últimos españoles de Mauthausen. Barcelona: Ediciones B
Categoría:Nados en Calvos de Randín Categoría:Nados en 1913 Categoría:Finados en 1987 Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis