O paratión (parathion), tamén chamado paratión etilo ou dietil paratión, é un insecticida e acaricida organofosfato. Foi desenvolvido orixinalmente por IG Farben na década de 1940. É moi tóxico para organismos non diana, incluíndo os seres humanos, así que o seu uso foi prohibido ou restrinxido na maioría dos países e na Unión Europea está prohibido desde 2001. En resposta ás preocupacións pola seguridade, desenvolveuse máis tarde o análogo menos tóxico, mais aínda así perigoso, paratión metilo (ou metil paratión).

Historia miniatura|Botella con E605 O paratión desenvolveuno Gerhard Schrader para o trust alemán IG Farben na década de 1940. Despois da segunda guerra mundial e o colapso da IG Farben debido a xuízos por crimes de guerra, os aliados occidentais apropiáronse da patente e o paratión foi comercializado en todo o mundo por diferentes compañías e con diferentes nomes de marca. A marca máis común en Alemaña era E605 (prohibida en Alemaña a partir de 2002); este non era un "número E" como o dos aditivos alimentarios que se usan na Unión Europea hoxe. Aquí, "E" significa Entwicklungsnummer (en alemán "número de desenvolvemento"). É un inhibidor da acetilcolinesterase irreversible.

Posteriormente, as preocupacións de seguridade levaron ao desenvolvemento do paratión metilo, que é algo menos tóxico.

Na Unión Europea, o paratión foi prohibido en 2001.Non-inclusion of parathion in Annex I to Council Directive 91/414/EEC En Suíza, a substancia xa non está aprobda como pesticida.

Propiedades de manexo O paratión puro é un sólido cristalino sólido. Está distribuído comunmente como un líquido marrón que cheira a ovos podres ou a allo. O insecticida ten certa estabilidade, aínda que se escurece cando se expón á luz.

Síntese industrial O paratión sintetízase a partir do ácido dietil ditiofosfórico por cloración para xerar cloruro de dietiltiofosorilo (), e despois o cloruro é tratado con 4-nitrofenolato de sodio (o sal de sodio do 4-nitrofenol).

Aplicacións Como pesticida, o paratión xeralmente aplícase como spray. A miúdo utilízase co algodón, arroz e árbores froiteiras. As concentracións usuais das solucións prontas para usar son do 0,05 ao 0,1 %. Este composto está prohibido para moitos cultivos alimentarios.

Actividade insecticida O paratión actúa sobre o encima acetilcolinesterase indirectamente. Despois de que un insecto (ou un humano) inxire paratión, unha oxidase substitúe o xofre unido con dobre enlace por oxíxeno para dar paraoxón.

O éster fosfato é máis reactivo en organismos que o éster fosforotiolato, xa que os átomos de fósforo se fan moito máis electropositivos.

A resistencia ao paratión é un caso especial de resistencia ao inhibidor da acetilcolinesterase.

Degradación A degradación do paratión orixina produtos máis hidrosolubles. A hidrólise, que desactiva a molécula, ocorre no enlace aril éster e orixina o dietil tiofosfato e o 4-nitrofenol.

A degradación procede de forma diferente en condicións anaerobias: o grupo nitro do paratión é reducido a amina.

Seguridade O paratión é un inhibidor da colinesterase e máis concretamente un inhibidor da acetilcolinesterase. Xeralmente altera o funcionamento do sistema nervioso ao inhibir a acetilcolinesterase. É absorbido pola pel, membranas mucosas e por vía oral. O paratión absorbido metabolízase rapidamente orixinando paraoxón, como se describe no capítulo actividade insecticida. A exposición ao paraxón pode causar dor de cabeza, convulsións, mala visión, vómitos, dor abdominal, diarrea grave, inconsciencia, tremores, dispnea e finalmente edema pulmonar, así como parada respiratoria. Os síntomas de envelenamento duran longos períodos de tempo, ás veces meses. O antídoto máis común e moi específico é a atropina, en doses de ata 100 mg diarios. Como a atropina pode tamén ser tóxica, recoméndase que no tratamento se usen doses pequenas repetidas frecuentemente. Se o envelenamento humano se detecta nas fases iniciais e o tratamento é rápido (atropina e respiración artificial), os falecementos son infrecuentes. Cando o oxíxeno é insuficiente orixinase hipoxia cerebral e dano cerebral permanente. Como secuela tardía, pode aparecer unha neuropatía periférica, incluíndo a parálise, despois da recuperación dunha intoxicación aguda. O paratión e os pesticidas organofosforados relacionados causan centos ou miles de envelenamentos anualmente, especialmente suicidios. En Alemaña coñécese como Schwiegermuttergift (veleno das sogras). Por esta razón, a maioría das formulacións conteñen unha tintura azul como sinal de advertencia.

O paratión foi utilizado como axente de guerra química, principalmente por unha parte da Policía da África do Sur Británica agregada aos Selous Scouts (exploradores de Frederick Selous) durante a Guerra Civil de Rhodesia. Utilizárona para envelenar roupas que foron subministradas ás guerrillas antigubernamentais. Cando os soldados inimigos vestiron esas roupas, envelenáronse por absorción pola pel.

Baseándose en estudos aniamis, o paratión é considerado pola Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos como un posible carcinóxeno humano. Os estudos mostran que o paratión é tóxico para os fetos, pero non causa defectos conxénitos.

Clasifícase no Programa Ambiental das Nacións Unidas como contaminante orgánico persistente e pola Organización Mundial da Saúde como composto con toxicidade de clase Ia (extremadamente perigoso).

O paratión é tóxico para as abellas, peixes, aves e outras formas de vida silvestre.

Protección contra o envelenamento Para proporcionar ao consumidor final un estándar mínimo de protección, normalmente utilízanse para manexar o paratión luvas protectoras axeitadas, roupa especial, e un respirador con cartuchos de vapor orgánico. A seguridade industrial durante o proceso de produción require ventilación especial e medidas continuas da contaminación do aire para non exceder os niveis de PEL, así como unha coidadosa atención á hixiene persoal. Tamén axudan as análises frecuentes da actividade de acetilcolinesterase no soro dos traballadores para a seguirdade laboral, porque a acción do paratión é acumulativa. Ademais, tanto a atropina coma a memantina foron usadas como un antídoto específico.

Uso en suicidios Un químico tragou 0,120 g de paratión para encontrar a forma máis letal de exposición en humanos, e pretendía tomar un antídoto despois, pero quedou paralizado e morreu antes de podelo tomar.

O paratión era usado con certa frecuencia polos suicidas nas décadas de 1950 e 1960.

Véxase tamén Outros artigos Toxicidade de pesticidas para as abellas Metil paratión

Notas

Ligazóns externas ATSDR - Informe do Panel de Expertos do Metil Paratión U.S. Departamento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos (dominio público) CDC - Guía de Peto de Perigos Químicos do NIOSH , Departmento de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos (dominio público) Etil paratión: Metil paratión:

Categoría:Pesticidas Categoría:Insecticidas Categoría:Organofosfatos Categoría:Inhibidores da acetilcolinesterase Categoría:Ésteres do fenol Categoría:Etil ésteres