Dr. Music foi un grupo de jazz da cidade canadense de Toronto fundado en 1969 polo produtor, arranxador e intérprete Doug Riley. A banda conseguiu unha serie de éxitos entre a lista dos 20 primeiros singles máis escoitados na radio do país nos anos 70, e editou os discos Try A Little Harder, Sun Goes By e Bedtime Story, así como o posterior Dr. Music Circa 1984. Os compoñentes da banda foron cambiando ao longo da súa historia, manténdose Doug Riley no núcleo do grupo ata o seu pasamento en 2007, á idade de 62 anos..

Traxectoria

Claves, segundo a crítica,. para levar o jazz ao mundo do pop, Dr. Music foi a creación do veciño de Toronto Doug Riley, que comezou a recibir leccións de piano de neno como unha forma de afrontar a doenza da polio. Nado en Toronto en 1945, recibiu leccións de piano clásico no Royal Conservatory of Music de Toronto desde os catro anos. Máis tarde, en Montreal, estudou órgano de tubos con Harry Duckworth na Igrexa de St. Anne de Belleville, e piano con Paul DeMarky, o profesor de piano de Oscar Peterson, e acabou por converterse nun dos arranxadores máis prometedores do país.

Prosseguiu os estudos e obtivo unha Licenciatura en Música, especialidade de composición, na Universidade de Toronto, mentres tocaba R&B cos Silhouettes, actuando no local Blue Note e noutros clubs nocturnos de Toronto da época. Chegou a rexeitar unha oferta para unirse á banda de Ray Charles despois de traballar no seu álbum de 1969, "DOING HIS THING". Traballaba como Director Musical para varios programas de televisión cando, en 1969, Ray Stevens ("Guitarzan", "Ahab The Arab") o chamou. A CTV concederalle o seu propio programa, e Riley, alcumado 'Dr. Music', foi recrutado para formar unha banda que estivese contratada de base no show.

Ao principio varios membros entraron e saíron, pero tras a cancelación do programa despois da tempada de 1970, Riley mantivo o núcleo do grupo e comezou a xirar polos clubs de jazz da área local. A banda completábase con Doug Mallory en voces e guitarra, o baixista Don Thompson, a vocalista Diane Brooks, e os irmáns Kennedy – Michael en voces e percusión e Steve, exmembro de Motherlode, liderando a sección de metais que tamén incluía a Gary Morgan, Keith Jollimore e Barrie Tallman.

A RCA Records contactou con Dr. Music, ese mesmo ano por unha canción publicitaria de Coca-Cola que ían lanzar, e así gravaron unha das dúas versións da nova canción que tiñas como opcións, unha versión de "I'd Like To Teach The World To Sing" de The New Seekers, sendo a outra versión a dos Laurie Bower Singers. Lanzouse internacionalmente como sinxelo, dando a ambos os grupos certa notoriedade no estranxeiro.

Riley tamén acababa de inaugurar o Toronto Sound Recording Studio co produtor e enxeñeiro Terry Brown (Klaatu, Rush, etc.), onde principalmente facían traballos de jingles. Esta conexión foi útil á hora de buscar un selo, xa que GRT Records estaba comezando, e Riley asinou un contrato con eles a primavera seguinte, sabendo que obviamente habería tempo de estudio dispoñíbel. Durante este período, tamén se puxo aos mandos doutros proxectos de GRT, incluíndo o único álbum de Everyday People, e o seu propio álbum de estrea, "FOXEY LADY".

Cun elenco de músicos de sesión que incluía os vocalistas Laurel Ward, Brenda Gordon, Trudy Desmond, Rhonda Silver e Terry Black (que tamén aparecera en "FOXEY LADY"), o álbum de estrea homónimo de Dr. Music chegou ás tendas ese mesmo ano. Tres sinxelos saíron ao aire antes de fin de ano – "Try A Little Harder", "One More Mountain To Climb" de Neil Sedaka, e "Gospel Rock". A cara B do último sinxelo, "Sun Goes By", editouse como sinxelo propio a primavera seguinte. Pero tras algúns concertos selectos polas rexións de Toronto e Detroit, Riley disolveu esta versión do grupo para poder centrarse no estudio.

Pero a finais do 72, Riley resucitara unha nova versión do grupo que incluía a Mallory, os Kennedy, Jollimore e Tallman, xunto co novo batería Wayne Stone. Despois dalgunhas datas en directo por todo o país, entraron no estudio os primeiros meses do novo ano e lanzaron o seu segundo álbum aquel verán, "DR MUSIC II". "Long Time Comin' Home" co lado B "Stay Real" (inédita) e "Tryin' Times" lanzáronse como sinxelos, seguindo a tradición de Riley de atopar un punto común entre os arranxos de jazz sofisticados e unha actitude pop que conseguía boa difusión radiofónica. Outros temas destacables incluían "Where Do We Go From Here", escrita por Robbie Robertson, e "6 – 5" de Steve Kennedy.

Riley volvería ser contratado para a CBC no novo programa de Keith Hampshire, "Music Machine". Esa etapa durou dúas tempadas, pero antes de que se pechara o telón definitivo no 74, Riley xa reformara Dr. Music, que actuaba como banda residente do programa.

Para aquel verán, lanzaron o seu terceiro álbum, "BEDTIME STORY". O novo elenco contaba co regreso de Mallory, Steve Kennedy, Jollimore e Tallman, e incorporábanse á formación os baterías Claude Ranger e Dave Brown, Don Thompson no baixo, e o trompetista e instrumentista de vento Bruce Cassidy.

O álbum foi en xeral máis progresivo que os seus traballos anteriores, cun son máis orientado á guitarra e máis pesado. As cancións eran máis longas e complexas, e o tema que daba título ao álbum (escrito por Herbie Hancock) co lado B "I Keep It Hid" converteuse no único sinxelo, pero non lle foi tan ben nas listas ou en difusión radiofónica como se esperaba. Así que tras algúns concertos pola área de Toronto, Riley disolveu unha terceira vez o grupo para poder concentrarse en producir e enxeñar a outros artistas.

No 76 colaborou con Ed Bickert, Don Thompson, Pat La Barbera e Bernie Senensky nun álbum de jazz improvisado chamado "FROM CANADA WITH LOVE". Ese mesmo ano, lanzou o seu segundo álbum en solitario, "DREAMS". O álbum recompilatorio "RETROSPECTIVE" seguiulle un ano despois, tras o cal volveu á labor de produtor, até 1984.

Reuniu a un grupo de amigos que axudaron a crear o álbum "DR MUSIC CIRCA 1984", editado polo selo Canadian Talent Library, aínda que pasou case desapercibido, a pesar de que "Two Can Play" se converteu no único sinxelo. Pero con só cinco cancións en todo o disco, non estaba precisamente deseñado para a radio.

Lanzou outro álbum en solitario aclamado pola crítica en 1990, "FREEDOM", e despois volveu ao traballo de estudio e a tocar en bandas esporádicas de vez en cando na área de Toronto. Máis tarde, nesa década, creou o Festival de Jazz da Illa do Príncipe Eduardo, despois de mudarse á illa. Convertéuse en membro da Orde do Canadá en outubro de 2003. Por esas mesmas datas comezou a colaborar con Scott Cushnie. O seu proxecto paralelo "Two Pianos – No Waiting" deu lugar a tres álbums nos seguintes anos, durante os cales tamén gravou con Guido Basso e PJ Perry.

Riley faleceu no aeroporto de Calgary o 28 de agosto de 2007, aos 62 anos, por unha insuficiencia cardíaca. Ao longo da súa carreira, colaborara en máis de 300 gravacións con artistas como Moe Koffman, Ray Charles, Molly Johnson, Jake Langley, Plácido Domingo, David Clayton Thomas, Bob Seger, Anne Murray e Natalie McMaster, entre ducias doutros.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas A canción Take that Rollo , en youtube, publicada orixinalmente no ano 74, do álbum Bedtime Story

Categoría:Grupos musicais de jazz Categoría:Grupos musicais de pop experimental Categoría:Grupos musicais do Canadá Categoría:Grupos musicais formados en 1969