Un clon de células B é un conxunto de células que derivan da proliferación dunha célula B que foi activada para producir un determinado tipo de anticorpo.
O proceso inmunolóxico de maduración das células B implica a transformación dunha célula B indiferenciada noutra que segrega anticorpos cunha determinada especificidade. Esta diferenciación e activación das células B ocorre moi rapidamente despois da exposición a un antíxeno polas células presentadoras de antíxenos no sistema reticuloendotelial, e baixo a modulación das células T, e está estreitamente entrelazado coa maduración da afinidade. As células B que responden moi avidamente a un antíxeno son as que preferentemente se activan para proliferar e madurar, un proceso denominado selección clonal. Normalmente vanse activar varias células B con diversos graos de afinidade polo antíxeno ou partes do antíxeno, xerando varios clons diferentes, o que se chama resposta policlonal das células B.
En doenzas neoplásticas linfocíticas como o mieloma múltiple e o linfoma, mais tamén noutras doenzas, pode haber unha expansión masiva dun só clon de células B, detectable medindo os anticorpos que producen de forma excesiva, medidos nun test de electroforese de proteínas séricas ou de citometría de fluxo de sangue periférico. Unha expansión dese tipo denomínase "monoclonal", e os anticorpos monoclonais producidos por ese clon de células B poden causar doenzas como a amiloidose e o lupus eritematoso sistémico, ou poden ser indicativos dun proceso maligno subxacente. O concepto de clonalidade neses casos está moi asociado co cancro, por exemplo no diagnóstico de lesións linfomatoides cutáneas. Os médicos adoitan interpretar a expansión dun clon particular de células B inmunitarias como proba de que existe un crecemento celular non restrinxido ou incontrolado, a marca distintiva do cancro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Clon (bioloxía celular)
Categoría:Linfocitos