Manuel Fernández Areal, nado en Ferrol o 26 de febreiro de 1930 e finado en Vigo o 16 de xaneiro de 2026, foi xornalista, ensaísta e profesor universitario galego.

Traxectoria Fernández Areal marchou a Santiago en 1947 para estudar Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1952 co premio extraordinario de licenciatura. Trasladouse a Madrid para estudar oposicións a notarías, pero finalmente quedou a estudar na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid.

Iniciou a súa carreira profesional na década de 1950. En 1958 foi nomeado director do Diario Regional de Valladolid. Nesa etapa, sendo aínda alférez do exército español, escribiu un artigo criticando o servizo militar obrigatorio de 18 meses. Como consecuencia do artigo, foi xulgado por un tribunal militar en consello de guerra e condenado a seis meses e un día de cárcere, se ben non ingresou na cadea.

En 1960 ingresou no grupo católico Opus Dei. Continuou vinculado ao xornalismo, ben dirixindo os semanarios La Actualidad Española e Mundo Internacional, ben na axencia de noticias Europa Press. Posteriormente, xa en democracia, en 1982 sería o primeiro director do xornal Segre de Lleida. A finais da década de 1980 colaborou coa TVG e dirixiu o programa de debate A dúas bandas.

Foi profesor da primeira promoción de Xornalismo da Universidade de Navarra, a universidade do Opus Dei, e decano da Facultade de Ciencias da Información da Universidade da Laguna. En 1994 incorporouse á Universidade de Vigo como primeiro decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus de Pontevedra. A súa especialización foron o rol social e legal da información. Tras a súa xubilación no ano 2000, foi nomeado catedrático emérito da Universidade de Vigo.

Vida persoal Viviu en Vigo moitos anos, nunha residencia do Opus Dei na rúa García Barbón, onde finou.

Obra Escribiu unha trintena de monografías e moitas contribucións ás ciencias da información en forma de artigos e colaboracións. El derecho a la información (Juventud, 1971) La libertad de prensa en España (1938–1971). (Cuadernos para el diálogo, 1971) El control de la prensa en España (1973) Introducción al derecho de la información (1977) Consejo de guerra: los riesgos del periodismo bajo Franco (Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo,1997)

Recoñecementos En 2008 recibiu a Insignia de Ouro da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo en recoñecemento á súa traxectoria.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Xornalistas de Galicia

Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Nados en 1930 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Finados en 2026 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de Navarra Categoría:Profesores da Universidade de La Laguna