Carlos Bustelo y García del Real, nado en Ribadeo o 21 de outubro de 1936,​ é un político e funcionario galego. Foi ministro de Industria e Enerxía entre 1979 e 1980, con Adolfo Suárez como presidente do Goberno. Tamén foi presidente do Instituto Nacional de Industria (INI) entre 1981 e 1982. Tras estar relacionado co Partido Popular, pasou a formar parte de Vox. Traxectoria Nado en 1936 en Ribadeo, é irmán do socialista Francisco Bustelo e da feminista Carlota Bustelo e primo de Leopoldo Calvo-Sotelo. Estudou Dereito na Universidade Central de Madrid, onde se licenciou no 1958. No 1961 obtivo praza por oposición na XIII promoción de Técnicos Comerciais do Estado (agora integrados no Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado). Foi economista da OCDE en París entre 1963 e 1965, director executivo do Fondo Monetario Internacional entre 1968 e 1973, e conselleiro de diversas empresas, como, ACESA, Banesto ou o Banco de España.

Membro do Partido Socialdemócrata liderado por Francisco Fernández Ordóñez, foi nomeado en 1977 subsecretario do Ministerio de Comercio, cargo que abandonou en abril de 1979 ó ser nomeado ministro de Industria e Enerxía, do que cesou en 1980. En 1981 foi nomeado presidente do Instituto Nacional de Industria ata a vitoria socialista nas eleccións de 1982.

Xa fóra da política activa, en febreiro de 2003 foi nomeado presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), dimitindo ó ser trasladada a sede a Barcelona. No 2005, foi elixido presidente do Tribunal de Defensa da Competencia de Madrid a proposta de Esperanza Aguirre.

No 2010, xunto a Pablo Casado, Rafael Bardají e Enrique Navarro Gil, foi fundador do laboratorio de ideas prosionista Friends of Israel Initiative.

Nas eleccións a Cortes en 2019 presentouse ó Senado por Madrid como número 2 de Vox. Tamén forma parte da Fundación Disenso, think-tank de Vox, con Francisco José Contreras, Amando de Miguel, Enrique García-Máiquez, José María Marco e Rocío Monasterio. Vida persoal Casou con Teresa Tortella, directora do arquivo do Banco de España, coa que tivo tres fillos: Gabriela, Ana e Jaime.

Notas

Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Nados en 1936 Categoría:Ministros do Goberno de España da I Lexislatura Categoría:Políticos de Vox Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid