Timoclea (en grego, Τιμόκλεια) foi, na Antiga Grecia, unha muller de Tebas que aparece no asedio das tropas de Alexandre o Grande contra Tebas no ano 335 a. C.

Traxectoria Segundo relata Plutarco, cando as tropas de Alexandre tomaron a cidade, uns soldados tracios do seu exército asaltaron a casa onde vivía Timoclea, unha das mulleres principais da cidade. Mentres varios soldados saqueaban os seus bens, o comandante violouna e despois preguntoulle se tiña ouro e prata escondidos en algures. Timoclea dixo que escondera os seus bens máis prezados nun pozo que tiña no seu xardín. Cando o comandante tracio se asomou ao pozo para comprobalo, Timoclea empurrouno dentro e lanzoulle pedras até matalo.

Na súa obra Virtudes de mulleres, Plutarco,Smith (1867), p. 1136 relata unha versión con algunhas diferenzas. Nela o comandante non foi empuxado, senón que descendeu el só até o fondo. Foi entón cando Timoclea e as súas criadas o mataron botándolle pedras.

Tras descubriren o cadáver, os soldados levaron a Timoclea atada ante Alexandre. Cando este lle preguntou quen era, ela respondeu, sen mostrar medo, que era irmá de Teáxenes, que combatera contra Filipo (pai de Alexandre) na Batalla de Queronea pola liberdade dos gregos para evitar que tivesen que sufrir experiencias como a que ela pasara aquel día. Porén, ao ter que padecer o mal que sufrira, xa non fuxían da morte porque consideraban mellor morrer que ter que volver pasar experiencias semellantes.

Alexandre, admirado pola valentía de Timoclea, ordenou que fose posta en liberdade xunto cos seus fillos.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Plutarco, Vida de Alexandre o Grande, 12. Plutarco, Virtudes de mulleres, 24 (259D-260D). Polieno, Estrataxemas VIII,40.

Categoría:Personalidades de Tebas na Antigüidade Categoría:Nados en ano descoñecido