María Rosa Rodríguez Ramírez, nada en Berazategui (Arxentina) o 18 de outubro de 1993, é unha filóloga, profesora e concursante de televisión galega nada na Arxentina. É coñecida pola súa participación no concurso Pasapalabra de Antena 3, onde foi a primeira muller en superar os 300 programas en competición.

O 5 de febreiro de 2026 pasou a ser unha das poucas mulleres en gañar o concurso. Tras 306 duelos, Rosa levou o maior premio económico do programa ata ese momento, 2 716 000 €, ao completar correctamente as 25 palabras do Rosco.

Traxectoria Infancia e adolescencia Rosa Rodríguez naceu en Berazategui, unha cidade do leste da Arxentina situada a 29 quilómetros ao sueste de Buenos Aires, á beira do Río da Prata. Aos sete anos, os seus pais, Irma Ramírez e Tino Rodríguez (emigrante galego na Arxentina), decidiron trasladarse a Galicia e a familia estableceuse en Oleiros. Ten tres irmáns, un dous anos maior, Matías, e dous tres e catro anos máis novos, Enrique e Alejandra. É a segunda dos irmáns.

Creceu, estudou e estableceuse na Coruña, un ambiente que foi fundamental para o seu desenvolvemento persoal e académico.

Formación universitaria Rosa Rodríguez é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade da Coruña. Posteriormente, realizou tres másteres: un máster en Lingüística, outro en Educación e outro en Neurociencia aplicada á educación.

Traxectoria profesional Profesionalmente é profesora de español para estranxeiros e inglés. Antes de entrar en Pasapalabra traballaba en Barcelona como profesora de español para estranxeiros no ámbito universitario.

Concursante de Pasapalabra A súa nai, Irma, e a súa irmá, Alejandra, tiveron un papel fundamental na súa chegada ao concurso. Tras convivir cos seus pais en Oleiros durante a pandemia de COVID-19 e ver o concurso Pasapalabra de Antena 3 a diario coa súa nai, decidiu o 10 de decembro de 2020 que podía comezar a prepararse para participar na competición.

Rosa Rodríguez pediu unha excedencia no traballo para participar en Pasapalabra. Debutou o 19 de novembro de 2024 no concurso. Dedicaba cada día a prepararse para enfrontarse ao lendario Rosco. Estudaba ata doce ou catorce horas diarias e, se se lle sumaban as gravacións do concurso, apenas lle quedaba tempo para o exercicio físico. Por iso, aproveitaba os longos paseos que facía cada día para repasar palabras e definicións.

Tras acumular 94 vitorias, 91 empates e 119 derrotas, e despois de fallar dúas veces na última letra e quedar con 24 acertos ao bordo da vitoria, foi á terceira cando completou as 25 palabras grazas ao apelido do xogador de fútbol americano Earl Morrall que en 1968 fora elixido o xogador máis valioso da NFL pola axencia AP, e conseguiu gañar o premio en metálico no programa emitido o 5 de febreiro de 2026.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Pasapalabra

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Nados en Quilmes Categoría:Profesores de Galicia