Un estado de excepción é un concepto na teoría política cuñada polo xurista Carl Schmitt. Neste réxime, semellante ao estado de emerxencia, o estado de dereito se suspende en nome do ben público.
Este concepto foi constituído como a situación extrema do Estado. Nela exércese a facultade de determinar o inimigo público, trascendendo, se for necesario, o estado de sitio co fin de protexer o ben público. O filósofo italiano Giorgio Agamben desenvolve en maior extensión este concepto na súa obra homónima, na que contesta a Schmitt respecto ás implicacións concretas da súa idea.
Estado de emerxencia segundo a lexislación española No caso español, está regulado basicamente nos artigos 116 e 155 da Constitución española de 1978. A súa regulación desenvólvese na Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xuño. Este estado de excepción implica que o regulado nos estatutos de autonomía pode ser suspendido temporalmente.
Segundo o artigo 13.1 da antedita Lei Orgánica, aplicarase «cando o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, o normal funcionamento das institucións democráticas, o dos servizos públicos esenciais para a comunidade, ou calquera outro aspecto da orde pública, resulten tan gravemente alterados que o exercicio das potestades ordinarias fose insuficiente para restabelecelo e mantelo».
Para declarar o estado de excepción, o goberno debe solicitar a autorización do Congreso dos Deputados. Este debaterá a solicitude, que poderá aprobala nos seus propios termos ou introducir modificacións. Unha vez obtida a autorización, o Consello de Ministros acordará un decreto co contido autorizado polo Congreso dos Deputados.
O estado de excepción terá unha duración máxima de 30 días. O Goberno poderá solicitar ao Congreso dos Deputados unha prórroga que non poderá exceder de 30 días máis. Neste estado poderán quedar suspendidos os seguintes dereitos fundamentais recoñecidos pola Constitución española:
Art. 17.2 Detención preventiva. Art. 18.2 Inviolabilidade do domicilio. Art. 18.3 Confidencialidade das comunicacións. Art. 19 Liberdade de elección de residencia e libre circulación dentro do territorio nacional. Art. 20.1.a) Liberdade de expresión. Art. 20.1.d) Dereito a comunicar ou recibir información veraz por calquera medio de difusión. Art. 20.5 Prohibición de incautar publicacións e outros medios de información sen resolución xudicial. Art. 21.2 Dereito de reunión en lugares de tránsito público e manifestacións. Art. 28.2 Dereito de folga. Art. 37.2 Dereito a adoptar medidas de conflito colectivo.
Aplicación Dende a aprobación da Constitución Española de 1978, o estado de excepción non se decretou nunca en España. O último decreto explícito dun estado de excepción data do 25 de abril de 1975, baixo o réxime franquista, en Guipúscoa e Biscaia.
O 28 de xaneiro de 1977, durante a Transición, Adolfo Suárez suspendeu parcialmente a aplicación dos artigos 15 e 18 do Foro dos Españois durante 2 meses. Con todo, segundo o propio texto legal tratábase de medidas «excepcionais» para combater o terrorismo, pero «non [era] necesario nin conveniente acudir á proclamación dun estado de excepción».
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Filosofía política Categoría:Goberno