Manuel Antonio Morais Valerio, coñecido como Manu Morais, nado en Caracas o 3 de febreiro de 1998, é un futbolista venezolano que xoga na posición de extremo ou dianteiro. O seu equipo actual é o GSD Castelfidardo Calcio da Serie D.

Traxectoria Comezou a súa formación no Monagas Sport Club e posteriormente no Clube Desportivo de Tondela. No ano 2016 trasladouse a Galicia cun acordo deportivo co Club Lemos, pero finalmente asinou un novo contrato para xogar nas categorías inferiores do Club Deportivo Lugo. Na tempada 2016/17 foi promovido ao Polvorín Fútbol Club e contribuíu con 7 goles ao ascenso do filial lucense á Terceira División. O 1 de decembro de 2019 anotou un triplete nunha vitoria por 6-0 perante o Club Deportivo As Pontes.

Manu Morais debutou co primeiro equipo o 18 de decembro de 2019, cando entrou como substituto de Chiqui nun encontro da Copa do Rei contra o Sestao River Club. O partido terminou cun empate 1-1 tras a prórroga e resolveuse nunha rolda de penaltis; Morais anotou un dos tantos para un resultado final de 6-5 a favor do Sestao. O 3 de xullo de 2020 renovou contrato co Lugo para un ano adicional. O debut profesional de Morais tivo lugar o 12 de xullo dese ano, cando foi substituto de Yanis Rahmani nun partido de Segunda División perante o Girona Fútbol Club.

En setembro de 2021 anunciouse a fichaxe de Morais polo Centro de Deportes Barco da Terceira División RFEF. No verán de 2022 pasou a formar parte do Club Deportivo Don Benito da Segunda Federación. Tras media tempada no equipo estremeño, Morais regresou ao CD Barco a comezos do ano 2023. En xaneiro de 2024 asinou un novo contrato co Viveiro Club de Fútbol.

O 31 de xullo de 2024 Morais foi fichado polo Sulmona Calcio da Serie D. No verán de 2025 pasou a formar parte doutro equipo italiano da mesma categoría, o GSD Castelfidardo Calcio.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Manu Morais en LaPreferente.com

Categoría:Nados en 2001 Categoría:Nados en Caracas Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Lugo B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do CD Barco Categoría:Xogadores do Viveiro CF