Leandro Antonetti López, nado en Murcia o 13 de xaneiro de 2003, é un futbolista galego-portorriqueño que xoga na posición de dianteiro ou extremo. O seu equipo actual é o CF Estrela da Amadora da Primeira Liga.
Traxectoria en clubs Primeiros anos Antonetti comezou a súa carreira deportiva en Porto Rico, primeiro no Caguas Bairoa Fútbol Club e posteriormente no Conquistadores de Guaynabo. Debido á súa participación na Mediterranean International Cup de 2013, foi convidado a xogar na Escola Deportiva Xuventude Oroso, onde Antonetti se formou até o ano 2019.
Lugo Antonetti ingresou nas categorías inferiores do Club Deportivo Lugo no ano 2019. En novembro de 2021 foi convocado polo primeiro equipo para un partido da Copa do Rei contra a Unión Adarve, aínda que non chegou a entrar no terreo de xogo. Durante a tempada 2021/22 foi xogador habitual do Polvorín Fútbol Club e contribuíu cun total de 11 goles ao ascenso histórico do filial á Segunda Federación. Antonetti debutou profesionalmente o 20 de maio de 2022, cando entrou como substituto de Diego Alende nun partido do Lugo contra o Real Zaragoza na Segunda División.
Sevilla O 30 de agosto de 2024 Antonetti chegou a un acordo co Sevilla Fútbol Club por tres anos e foi asignado inicialmente ao Sevilla Atlético da Primeira Federación. Dous días despois debutou co filial sevillano como titular perante o Algeciras Club de Fútbol. Antonetti debutou na Primeira División o 25 de xaneiro de 2025, cando foi substituto nun partido contra o RCD Espanyol.
Estrela da Amadora O 1 de setembro de 2025 fíxose oficial a fichaxe de Antonetti polo CF Estrela da Amadora da Primeira Liga, asinando un contrato de tres anos.
Traxectoria internacional Antonetti debutou internacionalmente coa selección de fútbol sub-17 de Porto Rico no Campionato Sub-17 da CONCACAF de 2019, baixo a dirección de Marco Vélez. Neste torneo Antonetti anotou un gol nun partido da primeira rolda perante Martinica. Posteriormente foi convocado polo adestrador Dave Sarachan para xogar na selección sub-20. Nesta ocasión participou nas roldas clasificatorias do Campionato Sub-20 da CONCACAF de 2022 e contribuíu a alcanzar as fases finais do torneo.
Antonetti debutou coa selección absoluta o 9 de xuño de 2022, cando xogou nun partido da Liga das Nacións da CONCACAF contra as Illas Caimán. O primeiro gol internacional de Antonetti tivo lugar o 23 de marzo de 2023, cando marcou o primeiro gol de Porto Rico para unha vitoria por 3-1 perante as Illas Virxes Británicas.
Vida persoal Ossie Antonetti, o pai de Leandro, foi xogador profesional de voleibol e actualmente dirixe a selección de voleibol de Porto Rico. Leandro naceu en Murcia debido ao traballo do pai. Sendo neno trasladouse a vivir a Galicia, onde desenvolveu unha boa parte da súa formación deportiva.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Leandro Antonetti en LaPreferente.com
Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Murcia Categoría:Futbolistas de Galicia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Lugo B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Sevilla Atlético Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do CF Estrela da Amadora Categoría:Deportistas de Porto Rico