Vía ciclista, vía ciclable ou ciclovía é un termo xenérico para calquera infraestrutura destinada á circulación de bicicletas. As vías ciclistas poden ir desde calquera carril dunha vía pública que foi sinalizada axeitadamente para este propósito ata unha vía creada de maneira independente onde só se permite o tránsito de bicicletas.
Definicións técnicas Independentemente das distintas denominacións que reciban en cada rexión, desde un punto de vista técnico as vías ciclistas pódense clasificar segundo diferentes criterios.
Segundo a localización A localización refírese ao soporte onde se implantan, se se constrúen de maneira independente ou se se utiliza a calzada. Independentes. Construídas de maneira independente de beirarrúas ou calzadas, adoitan estar rodeadas de vexetación. Pistas bici, se son vías exclusivas para bicicletas. Autoestradas para bicicletas, concibidas como vías rápidas, cubrindo longas distancias e conectando diversos núcleos. Sendas ciclables, se están compartidas con peóns. Vías verdes, se son liñas de ferrocarril convertidas en sendas ciclables.
Integradas. Xunto con beirarrúas, calzadas e xardíns, son un elemento máis do conxunto da rúa, destinando un espazo exclusivo ás persoas ciclistas. Carrís bici. Adoitan estar situados ao mesmo nivel ca a calzada, na que se destina un carril exclusivo para as bicicletas. Beirarrúas bici. Están situadas ao mesmo nivel ca a beirarrúa. Non están recomendadas polos posibles conflitos cos peóns. Beiravías bici. Beiravías onde se permite a circulación de bicicletas.
Compartidas. Son espazos destinados ao tránsito doutros medios de transporte onde se permite a circulación de bicicletas. Ciclorrúa. Rúas dun único carril e sentido, onde se prioriza a circulación de bicicletas sobre o resto de vehículos. En ocasións pode integrarse o dobre sentido para as persoas ciclistas ao integrar carrís bici a contramán. Ciclocarril. Carril dunha rúa con máis carrís onde se prioriza a circulación de bicicletas sobre o resto de vehículos. Carril bici bus. Carril exclusivo para o transporte público e bicicletas. Estradas 2 menos 1. Nas que os laterais teñen prioridade ciclista, pero son utilizados por outros vehículos mentres non estean sendo empregados por bicicletas. Zonas compartidas de prioridade peonil. Son zonas libres de tráfico motorizado onde pode permitirse a circulación de bicicletas. Coexistencia. Espazos onde se permite a circulación de peóns, bicicletas e, de ser o caso, vehículos a motor.
Segundo o sentido As vías ciclistas poden permitir a circulación nun ou en dous sentidos. Unidireccionais. Permiten a circulación de ciclistas nun único sentido. Bidireccionais. Permiten a circulación de bicicletas en ambos sentidos. Circulación a contramán. Pode permitirse a circulación nunha dirección compartindo o espazo con outros vehículos e existindo un carril bici exclusivo para o sentido contrario.
Segundo a protección
Os elementos de protección e separación do resto do tráfico garanten a seguridade das persoas ciclistas.
Sen protección. A vía ciclista está separada unicamente por pintura ou polo uso dun pavimento diferente do resto da rúa. Resgardo. A vía ciclista ten un espazo de separación co resto da calzada. Protección discontinua. A vía ciclista inclúe elementos de protección separados, permitindo a permeabilidade ciclista co resto da vía, pero impedindo a invasión da vía ciclista por vehículos motorizados. Protección por banda de aparcadoiro. A protección débese ao estacionamento de vehículos. Protección continua. A vía ciclista mantén unha separación continua do resto da vía.
Segundo o nivel A altura respecto á calzada e á beirarrúa pode determinar o uso que se realiza, promovendo ou non o uso de zonas peonís ou a pacificación do tráfico. Plataforma única. A altura dos espazos destinados a peóns, bicicletas e vehículos motorizados é a mesma. Nivel de calzada. A altura da vía ciclista e da calzada é a mesma, pero diferente da da beirarrúa. Nivel intermedio. A vía ciclista está a unha altura diferente da calzada e diferente da beirarrúa. Nivel de beirarrúa (beirarrúa bici). A vía ciclista construíuse eliminando espazo peonil, estando á mesma altura ca a beirarrúa. Non está recomendada porque xera conflitos cos peóns, non pacifica o tráfico e non promove un cambio modal.
Segundo a posición na vía Lateral. A vía ciclista sitúase nun lateral da calzada. Central. A vía ciclista sitúase rodeada doutros carrís.
Segundo a duración Algunhas ciclovías poden ser permanentes e outras temporais para usos concretos. Permanentes. Teñen unha duración indefinida e adoitan requirir unha obra. Temporais. Teñen unha duración determinada. Ciclovías emerxentes. Son de implementación rápida mediante urbanismo táctico, por unha necesidade ou para avaliar a súa permanencia. Ciclovías recreativas. Englobadas dentro do movemento internacional de «rúas abertas», son rúas libres de vehículos motorizados durante unhas horas ao día ou durante domingos ou festivos.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Ciclabilidade Rede ciclista Intersección ciclista Infraestrutura ciclista
Categoría:Infraestrutura ciclista