A Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas é unha asociación ecoloxista galega fundada en 1989 e centrada na conservación da natureza a través da custodia do territorio. Esta asociación protexe e conserva o bosque Ridimoas no concello de Beade, na comarca do Ribeiro.
A súa actividade principal é a creación, protección e mantemento do "bosque de Ridimoas", situado no concello de Beade, para manter nel un espazo de protección da flora e da fauna autóctona galega.
A asociación Ridimoas foi a primeira entidade de Galicia en utilizar a custodia do territorio como medida de protección do medio ambiente.
Foi declarada entidade de utilidade pública pola Xunta de Galicia no ano 2022.
Historia miniatura|Pablo Oitabén durante a asemblea de socios de 2017. En 1977 comezou unha actividade extraescolar na antiga Universidade Laboral de Ourense chamada Aula verde trala gran vaga de incendios forestais de 1975. Esta vaga arrasou moitos montes de Galicia, entre eles o de Beade. A actividade foi impulsada polo docente Pablo Oitabén e inicialmente conseguiu sensibilizar ós alumnos na conservación da natureza, e especialmente na rehabilitación e recuperación de fauna silvestre danada. Esta actividade recibiu o terceiro posto na fase nacional do "Premio Holanda", polo labor conservacionista dos alumnos, no ano 1979.
Posteriormente, en 1988, logrou o premio nacional "Ano Europeo de Medio Ambiente", e con este premio, dotado con 500.000 pesetas, decidiuse crear a Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, xa no ano 1989, co obxectivo de mercar terras do bosque de Beade, e dos concellos lindeiros, para a súa recuperación e conservación. A primeira leira mercada atopábase na paraxe denominada Ridimoas, e de aí colleu o nome a asociación. Dende esa data veñen mercando aproximadamente unha hectárea por ano e segregándoas dos tecores para impedir que se realicen actividades cinexéticas nelas.
Colaborou coa película A lingua das bolboretas, presentada no ano 1999, proporcionando os exemplares de bolboretas que aparecen na mesma.
A asociación presentou un inventario de fauna vertebrada do Ribeiro no ano 2001, que foi difundido no ano 2006 a través da publicación do libro Fauna vertebrada do Ribeiro, e no que se contabilizaron 183 especies, 113 delas paxaros.
Dende o bosque de Ridimoas, no ano 2004, enviáronse catro pés de cerdeira de acios á serra do Invernadeiro para asegurar a súa conservación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente.
En 2011 o escritor Miguel Anxo Fernández colaborou con Ridimoas doando un euro da venda do seu libro Lume de cobiza á asociación.
O artista Xosé Poldras fixo unha serie de gravados con motivos do bosque en 2018 e doou os beneficios das vendas á asociación.
Para protexer ó sapoconcho común alugaron unha parcela de 6.000 m2 nas areeiras de San Cristovo de Ribadavia no ano 2019. O alugueiro fíxose ao Banco de Terras da Xunta de Galicia. Este ano tamén colaboraron na declaración deste espazo coma ENIL, Espazo natural de interese local, no concello de Ribadavia.
No 2020 colaborou no documental The Orphan Owl (en galego, A curuxa orfa), da PBS, e realizado pola xornalista Ana Salceda. Neste documental amósase o proceso de recuperación dun polo de curuxa e a súa posterior posta en liberdade.
No ano 2022 foi declarada entidade de utilidade pública pola Xunta de Galicia.
Colaborou no ano 2024 na revisión do Plan de xestión do monumento natural da Serra de Pena Corneira, do que xa participara na súa solicitude no ano 2006. Un dos obxectivos iniciais da asociación Ridimoas é o de crear un corredor ecolóxico entre Pena Corneira e os vales do Ribeiro.
Despois de moitos anos de traballo, a asociación Ridimoas conseguiu inaugurar a súa colección museística no ano 2025, grazas á cesión dun local por parte do concello de Beade. Esta colección está composta por unhas 120 especies animais, e algunhas vexetais, que permiten observar de preto as súas características. Todos os espécimes foron recuperados de animais que pereceron por atropelos de coche, caza, impactos contra instalacións, inxestión de substancias tóxicas, caída en trampas non selectivas, etc, é dicir, todas as mortes foron provocadas por actividades antropoxénicas. Con esta colección a asociación tamén pretende amosar a "defaunación" que está a sufrir o medio ambiente e concienciar á sociedade sobre este problema.
Acadou os 1.316 socios no ano 2025, consolidándose como unha das entidades ecolóxicas galegas con maior número de asociados.
Funcionamento A asociación centra os seus esforzos na merca de parcelas no concello de Beade, e lindeiros, e, segundo os seus estatutos, todos os socios son copropietarios desas leiras. O obxectivo fundamental da súa actividade é a recuperación e protección do bosque autóctono galego.
Para isto conta principalmente coas cotas anuais dos seus socios, algunhas doazóns de persoas particulares, e as doazóns que recibe polas visitas guiadas que se realizan ó bosque. Tamén recibe algunhas achegas de empresas que comparten os seus obxectivos, e nalgunhas ocasións, artistas e diferentes colectivos, fan achegas económicas para axudar á asociación.
Dos recursos económicos dos que dispón anualmente, os maiores gastos adícanse á merca de parcelas e a traballos de silvicultura para o mantemento do bosque e para a eliminación de acacias.
Outra parte importante do traballo é a xestión relacionada cos socios, a organización da documentación asociada á merca das parcelas (escrituras, notaría, catastro, segregación das parcelas, etc.), a organización e elaboración do Boletín Anual para os socios, a organización e xestión das tarefas de mantemento do bosque e a organización das actividades dos voluntarios.
O bosque de Ridimoas miniatura|Cartel nunha das parcelas de Ridimoas. Os bosques do concello de Beade foron afectados pola gran vaga de incendios forestais de 1975.
O bosque de Ridimoas é un bosque de transición entre a Rexión Floral eurosiberiana e a Rexión Floral mediterránea e ten un clima oceánico-mediterráneo. Estas características fan que nese bosque poidan desenvolverse varias especies animais e vexetais que non son doadas de atopar noutras zonas de Galicia. As partes mellor conservadas son núcleos de pequenas carballeiras formadas por Quercus robur e Quercus pyrenaica con sotobosque de rascacú, Ruscus aculeatus, e érbedos, Arbutus unedo, xunto con diferentes especies de fentos, nas zonas máis húmidas, e con pés relictos de cerdeira de acios, Prunus padus.
A parte alta do bosque está cuberta principalmente por piñeiros do país, mesturados con diferentes árbores autóctonas, e ten tamén algunhas zonas invadidas polas acacias. A parte baixa, preto do regato da Barbaña, o bosque convértese nun bosque de ribeira con zonas de carballos e tamén algunhas zonas de acacias.
No bosque poden atoparse gran cantidade de especies animais e vexetais como: cabeza de cobra, abeleira, abruñeiro, carqueixa, estralote, selo de Salomón, hedra, madreselva, satirión encarrapuchado, pereira brava, póutiga, salgueiro, silva, toxo arnal, toxo molar, acereiro, abesouro negro, grilo, vacaloura, gaiteiro, insecto pau, matabois, bolboreta de catro caudas, cabraloura, chicharra, cobra de auga, cobra de colar, cobra de escada, cobregón, esgonzo común, esgonzo ibérico, píntega, lagarta galega, ra patilonga, ra verde, lagarto dos muíños, lagarta do monte, lagarto arnal, liscancer, salmantesa, moucho, peto real, peto verdeal, gaio, curuxa, lavandeira branca, noitebra, pombo torcaz, avelaiona, corvo pequeno, cuco, xabaril, teixugo, xeneta, raposo, rato de campo, leirón careto, corzo, coello, londra e toupa, entre outras moitas especies.
miniatura|Cartel informativo de Ridimoas queimado na vaga de incendios de 2025, e afectación á poza dos anfibios no lugar do Poenxo. O bosque tamén está afectado por varias especies exóticas invasoras: a mimosa ou acacia, Acacia dealbata, e a herba tintureira, Phytolacca americana. As acacias son unha EEI moi estendida polo Ribeiro e a asociación Ridimoas gasta moitos dos seus recursos e esforzos en erradicala ano tras ano das súas parcelas. A herba tintureira tamén está a estenderse por diferentes zonas do bosque.
Unha parte do bosque é atravesado polo Camiño dos arrieiros, ou Camiño Real, un camiño medieval polo que os arrieiros levaban o viño do Ribeiro ata Pontevedra.
Algúns dos exteriores da curta Os lobos, baseada no conto homónimo de Ánxel Fole incluído na obra Á lus do candil, foron rodados no bosque de Ridimoas en 1997.
Tamén foi escenario para un documental sobre Pedro Pardo de Cela, titulado O Mariscal: mito, lenda e realidade, e que foi dirixido por Damián Varela Pastrana no ano 2008.
Despois de levar 50 anos sen arder, grazas ós coidados e esforzo dos colaboradores e voluntarios da asociación, o bosque volveu a incendiarse parcialmente no ano 2025 na vaga de incendios forestais ocorridos nese ano.
Traballos e actividades que realiza miniatura|Presa do muíño no regato da Barbaña. A asociación realiza gran cantidade de traballos de mantemento do bosque durante todo o ano. Unha das tarefas principais céntrase na erradicación dos bosques de monocultivo de acacias para a recuperación destes espazos en favor do bosque autóctono. Esta tarefa lévase realizando dende os comezos da asociación xa que as grandes extensións deste monocultivo son moi complicadas de eliminar e precisan dunha vixilancia constante durante varios anos para evitar que recuperen o espazo que ocupaban.
Tamén se fan tarefas de rega de árbores en crecemento e mantemento de bebedoiros para fauna. Isto faise nos meses máis calorosos do ano para axudar a diferentes especies a pasar mellor as épocas de seca. Nesta época tamén é preciso realizar tarefas de vixilancia no bosque para a detección precoz de incendios forestais e, en caso de ser posible, acometer a súa extinción.
Con grupos de voluntarios, da propia asociación ou doutras, fanse tarefas de mantemento do bosque coma rozas, eliminación de acacias, acondicionamento de camiños e valados ou plantación de árbores autóctonas. Algúns dos traballos necesarios no bosque son realizados por empresas da contorna, que son contratadas pola asociación para levar a cabo tarefas específicas.
miniatura|esquerda|Eirugas de Euphydryas aurinia en madreselva nunha parcela de Ridimoas. A asociación organiza gran cantidade de visitas guiadas tanto a grupos particulares como a colexios e institutos. Moitos dos colexios e institutos da contorna do Ribeiro acoden ano tras ano a visitar o bosque de forma que a asociación realiza desta forma unha grande actividade de divulgación e difusión do estado dos bosques en Galicia, de como poden recuperarse e dos esforzos que requiren a súa restauración.
As rutas de divulgación e actividades de observación de bolboretas son outras das actividades que realizan.
Tamén da difusión á ruta Graham Greene, escritor británico que pasou algunhas tempadas en Beade, e outros lugares do Ribeiro, e nos que se inspirou para a súa obra Monseñor Quijote. Partes do percorrido desta ruta pasan polo bosque.
Outras actividades inclúen o seguimento de diferentes especies de interese, a colocación, revisión e mantemento de cámaras trampa e outras actividades de seguimento para a realización dos artigos que se inclúen no seu boletín anual.
Outra das actividades importantes, principalmente durante a época de caza, é a disuasión contra cazadores e furtivos que de cando en vez se adentran no bosque ilegalmente para realizar as súas actividades de caza. A asociación ten sinalizadas as parcelas da súa propiedade e están declaradas como refuxio de fauna ou zona de exclusión de caza segundo a situación na que se atope o catastro nesa zona.
Varios membros da Xunta Directiva da asociación realizan charlas e presentacións do proxecto para darlle difusión, para promover este tipo de accións noutros lugares e para amosar os traballos que se realizan.