Alberto Argibay Pazos, coñecido tamén como Alberto Pazos na súa etapa portuguesa, nado o 16 de xaneiro de 1965 en Pontevedra, é un exadestrador de fútbol galego.
Entre 2005 e 2007 dirixiu o Pontevedra Club de Fútbol, primeiro na Segunda División e despois na Segunda División B. Foi adestrador do Braga, do Farense e do Marítimo, todos eles equipos da Primeira Liga. Co Braga chegou a unha final da Taça de Portugal en 1998.
Traxectoria Primeiros anos Na década de 1990 foi adestrador de diferentes equipos galegos, incluído o Alondras Club de Fútbol, o Portonovo Sociedade Deportiva e o Club Deportivo As Pontes.
Braga En 1997 foi fichado polo Sporting Clube de Braga da Primeira Liga como asistente do adestrador principal, o tamén galego Fernando Castro Santos. Na segunda metade da tempada 1997/98 foi promovido ao primeiro posto e conseguiu levar o equipo á final da Taça de Portugal, na que o Braga finalmente perdeu por 3-1 contra o Futebol Clube do Porto.
Ourense Entre 1999 e 2000 foi adestrador do Club Deportivo Ourense da Segunda División B.
Farense En 2001 foi contratado polo Sporting Clube Farense. A súa destitución tivo lugar o 27 de novembro dese ano, cando o equipo se encontraba a só tres puntos da zona de descenso.
Alicante Na tempada 2002/2003 foi contratado para dirixir o Alicante Club de Fútbol da Segunda División B. O 6 de novembro de 2002, na rolda de penaltis dun partido da Copa do Rei, o equipo de Argibay derrotou o Valencia Club de Fútbol, vixente campión da Primeira División. Naquela altura o adestrador do Valencia era Rafa Benítez, amigo persoal de Argibay.
Pontevedra En xaneiro de 2005, tras a destitución de José Aurelio Gay, Argibay foi contratado como novo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol da Segunda División. En xuño dese ano, a pesar do descenso do equipo á Segunda B, Argibay renovou contrato como técnico do Pontevedra.
Na tempada 2005/2006 conseguiu levar o equipo á promoción de ascenso, aínda que finalmente perdeu a eliminatoria contra o Sevilla Atlético. O 22 de marzo de 2007 anunciouse a saída de Argibay e a incorporación de Javi Gracia como novo adestrador do club.
Marítimo O 8 de abril de 2007 fíxose oficial o regreso de Argibay á máxima categoría portuguesa como adestrador do Club Sport Marítimo, naquela altura en novena posición. Nos últimos seis partidos da tempada conseguiu dous puntos para o Marítimo.
Etapa posterior En xuño de 2015 anunciouse a intención de compra do Real Avilés Industrial por parte de ICD Consulting, un grupo de investimento fundado por Argibay. Con todo, o descenso inesperado do equipo á Terceira División frustrou a operación.
Na década de 2020 traballou en varias ocasións como adestrador nas categorías inferiores do AJ Lérez.
Vida persoal En 2004, durante un período de descanso na súa traxectoria profesional, Argibay recomendou a fichaxe de Charles Dias polo Pontevedra tras observalo xogar nun partido do Feirense da Segunda Liga. Posteriormente o brasileiro foi un xogador chave no Pontevedra e noutros equipos das ligas españolas, como o Celta de Vigo.
Nas eleccións municipais de 2019 traballou como asesor de Marea Pontevedra en materia deportiva.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Alberto Argibay en BDFutbol
Categoría:Nados en 1965 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Alondras CF Categoría:Adestradores do Portonovo SD Categoría:Adestradores do CD As Pontes Categoría:Adestradores do SC Braga Categoría:Adestradores do CD Ourense Categoría:Adestradores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores do CS Marítimo Categoría:Adestradores do Alicante CF