Na nomenclatura zoolóxica, un nomen oblitum (plural: nomina oblita; en latín 'nome esquecido') é un nome científico que se declarou obsoleto (figurativamente "esquecido") en favor dun nome "protexido".
A designación nomen oblitum co seu actual significado comezou coa cuarta edición (1999) do Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica. Despois do 1 de xaneiro de 2000, un nome científico pode ser declarado formalmente como nomen oblitum cando cumpre as seguintes condicións:
Sábese que foi usado como nome válido nunha publicación científica despois de 1899 . É ou ben un sinónimo sénior (hai tamén un nome máis recente que se aplica ao mesmo taxon e é de uso común) ou ben un homónimo sénior (escríbese igual que outro nome que tamén é de uso válido). O sinónimo ou homónimo júnior preferido ten un amplo uso, definido como que aparece en 25 ou máis publicacións nos pasados 50 anos (debe cubrir un período de polo menos 10 anos) de polo menos por 10 autores distintos.
Unha vez que un nome se declara nomen oblitum, debe ser "esquecido" no seu uso. En consecuencia, o outro nome dispoñible pode ser declarado nomen protectum (nome protexido), despois do cal pasa a ter precedencia. Este procedemento en conxunto denomínase inversión da precedencia.ICZN 1999, art. 23.9 (International Code of Zoological Nomenclature, 1999 Ed.). Un exemplo é o nome científico do tiburón leopardo. A pesar de que o seu nome Mustelus felis era o sinónimo sénior, un erro ao rexistrar os datos da publicación resultou no uso xeneralizado de Triakis semifasciata como o nome científico deste tiburón. Despois de que se descubriu este erro de tan longa duración, T. semifasciata foi convertido no nome válido (como nomen protectum) e Mustelus felis declarouse non válido (como nomen oblitum).
Uso en taxonomía A designación nomen oblitum utilizouse con relativa frecuencia para manter a prioridade de nomes vellos e ás veces discutidos, e, polemicamente, a miúdo sen establecer que un nome realmente cumpre os criterios para a designación. Algúns taxonomistas consideraron o fracaso ao establecer correctamente a designación de nomen oblitum como un xeito de evitar facer investigacións taxonómicas ou de manter un nome preferido sen importar a prioridade. Cando se discute a taxonomía das aves de América do Norte, A. M. Rea (1983) afirmou que "...o nome de Swainson [máis vello pero discutido] debe manterse a non ser que se demostre conclusivamente que é un nomen oblitum (un xogo que algúns taxonomistas xogan para evitar o seu principio supostamente fundamental, a prioridade)."Rea, A.M. (1983). Once A River: Bird Life and Habitat Changes on the Middle Gila. Tucson: University of Arizona Press.
Banks e Browning (1995) responderon directamente á aplicación estrita das normas do ICZN que quería facer Rea para determinar os nomina oblita, afirmando o seguinte: "Pensamos que a obrigación fundamental dos taxonomistas é promover a estabilidade, e que o principio de prioridade é unha maneira coa cal se pode efectuar isto. Non apreciamos ningunha estabilidade en resucitar un nome con bases inseguras que se usou de diferentes modos para substituír un nome que se usou uniformemente durante máis dun século."Banks, R.C., & Browning, M.R. (1995). "Comments on the status of revived old names for some North American birds." The Auk, 112(3): 633-648.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Nomen conservandum Nomen dubium Nomen novum Nomen nudum
Categoría:Taxonomía Categoría:Nomenclatura zoolóxica Categoría:Nomenclatura botánica