Makoto Shishido, (en ) nado en Kanagawa, no Xapón o 22 de outubro de 1987, é un multinstrumentista xaponés aveciñado en Bolivia, charanguista do grupo folclórico Los Kjarkas.

Traxectoria

Primeiros anos Os dous pais de Makoto eran admiradores da música boliviana e latinoamericana en xeral. O seu pai Tadao tocaba o charango e a súa nai Yasuko a quena e a zampoña. Dende pequeno, Makoto escoitaba música do Perú, Bolivia e Ecuador e interpretaba varios instrumentos andinos. En 1985, cando Makoto tiña oito anos, Los Kjarkas presentáronse no Xapón e os seus pais levárono ao concerto. Dende ese intre, o raparigo converteuse nun fanático do grupo. Segundo as súas palabras:

“Los Kjarkas chegaron á miña cidade, tocaron e cantaron con moito sentimento; ese foi o momento en que namorei totalmente da música boliviana”.

Estudou instrumentos andinos na escola do músico xaponés Minori Fukuoka e integrou o grupo infantil "Cusi Cusi" da escola. Aos seus 18 anos trasladouse a Tokyo para estudar nun conservatorio e alí formou o grupo Raíces con outros dous xaponeses, con quen interpretaba música latinoamericana. Non foi até os seus 21 anos que decidiu viaxar a Bolivia, malia non saber falar castelán. Nun inicio viaxou durante un mes e logo decidiu trasladarse definitivamente.

Chegada a Bolivia e entrada en Los Kjarkas Pouco tempo despois da súa chegada a Bolivia uniuse ao grupo cochabambino Munay, con quen traballou durante varios anos. Durante ese tempo foi familiarizándose co castelán até dominalo e aprendendo a vivir en Bolivia. De igual maneira, estudou co guitarrista Fernando Torrico, exmembro de Los Kjarkas, quen lle ensinou técnica e emocionalidade ao interpretar o instrumento.

Integrouse en Los Kjarkas no ano 2001 logo de audicionar para unha praza de charanguista. Segundo conta, gañou non só pola súa destreza, senón porque sabía todo o repertorio da agrupación, centos de cancións. Logo do seu ingreso á emblemática banda houbo quen viu con rexeitamento que un xaponés interpretase música boliviana, pero co tempo o músico foi consolidándose como unha parte importante do conxunto. Nalgunhas cancións mesmo canta en xaponés.

Wayra JaponAndes miniatura|Wayra JaponAndes en 2019. Makoto Shishido no centro. Artigo principal: Wayra JaponAndes

Makoto Shishido tamén é membro do gupo Wayra JaponAndes, un conxunto de cinco xaponeses residentes en Bolivia que se dedica a interpretar música folclórica boliviana mesturándoa coa cultura xaponesa. De feito, varias pezas teñen letras en xaponés e os músicos visten de acordo á tradición xaponesa.

Multiinstrumentista Ademais do charango, Makoto Shishido sabe tocar zampoña, violoncello, piano, batería, baixo eléctrico e guitarra eléctrica.

Vida persoal Casou coa bailarina boliviana Ninette Navarro, a quen coñeceu ao ingresar en Los Kjarkas e con quen contraeu matrimonio en 2006. Vive na cidade de Cochabamba xunto coa súa esposa e o seu fillo Towaki.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Los Kjarkas Wayra JaponAndes

Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados na prefectura de Kanagawa Categoría:Músicos do Xapón Categoría:Músicos de Bolivia