Element (mensaxería instantánea), antes coñecido como Riot.im, é un cliente de mensaxería instantánea de código aberto baseado no protocolo Matrix. Element é software libre, inicialmente distribuiuse baixo a licenza Apache 2.0. e actuamente con AGPLv3 e GPLv3. Emprega un protocolo federado, o que permite aos usuarios escoller un servidor no que rexistrar unha conta e conectarse. Ademais, Element admite cifrado de extremo a extremo, grupos, canles e compartir ficheiros entre usuarios. Está dispoñible como aplicación web, como aplicación de escritorio para os principais sistemas operativos e como aplicación móbil para Android, iOS e F-Droit. A empresa New Vector Limited é o principal responsable do seu desenvovemento e tamén participa no desenvolvemento do protocolo Matrix.

Historia Cando saíu da súa versión beta en xuño de 2016, Element coñeceuse coa denominación Vector. A aplicación mudou de nome a Riot en setembro dese mesmo ano.

En novembro de 2016 implementouse e lanzouse, como versión beta para os usuarios, a primeira implementación do cifrado de extremo a extremo de Matrix. En maio de 2020 os desenvolvedores anunciaron a activación do cifrado de extremo a extremo por defecto en Riot para as novas conversas non públicas.

En abril de 2019, despois de que as claves criptográficas empregadas para asinar a aplicación Riot para Android quedasen comprometidas, lanzouse unha nova aplicación en Google Play Store. En xullo de 2020, Riot cambiou de nome a Element.

En xaneiro de 2021, Element foi suspendida brevemente da Google Play Store en resposta a un informe de contido abusivo enviado por usuarios do seu servidor predeterminado: matrix.org. O persoal de Element corrixiu o problema e a aplicación volveu estar dispoñible na plataforma.

En maio de 2023, o goberno da India prohibiu 14 aplicacións de mensaxería, incluída Element. A prohibición aprobouse por recomendación do Ministerio do Interior, citando o terrorismo en Jammu e Caxemira como principal causa.

En 2026, a organización Element tiña a súa sede no Reino Unido, rexistrada legalmente como Element Creations Ltd, e tiña as entidades xurídicas asociadas Element Software GmbH en Alemaña, Element Software SARL en Francia e Element Software Inc nos Estados Unidos.

Tecnoloxía Element está construído co Matrix React SDK, que é un kit de desenvolvemento de software baseado en React para facilitar o desenvolvemento de clientes de Matrix. Element depende de tecnoloxías web e usa Electron para empaquetar a aplicación para Windows, macOS e Linux. Os clientes de Android e iOS desenvólvense e distribúense coas ferramentas da súa respectiva plataforma.

Na súa versión Android a aplicación está dispoñible tanto na Google Play Store como en F-Droid, en formato exclusivo de software libre e con pequenas modificacións. Por exemplo, a versión de F-Droid non inclúe o complemento propietario Google Cloud Messaging.

Características Element admite cifrado de extremo a extremo, grupos privados e públicos, compartir ficheiros entre usuarios, chamadas de voz e vídeo, así como outras funcións colaborativas coa axuda de bots e widgets. Está dispoñible como unhas aplicación web á que se pode acceder desde calquera navegador web, coas aplicacións de escritorio para Windows, Mac e Linux, así como con aplicacións móbiles para Android e iOS. Element cambiou a súa licenza de Apache 2.0 a AGPLv3 e GPLv3 cun acordo de licenza de contribuíntes (CLA) e cunha licenza comercial de Element separada.

Notas

Categoría:Software libre Categoría:Aplicacións de mensaxería instantánea Categoría:Linux Categoría:Aplicacións de comunicacións Categoría:Soporte lóxico multiplataforma Categoría:Soporte lóxico de Windows Categoría:Soporte lóxico de macOS Categoría:Soporte lóxico de iOS Categoría:Soporte lóxico de Android