miniatura|As infraestruturas ciclistas inclúen todos os elementos físicos deseñados para facilitar, ordenar e facer segura a circulación de bicicletas.
A infraestrutura ciclista inclúe todas as instalacións e estruturas deseñadas para facilitar o uso da bicicleta. Un bo deseño da infraestrutura ciclista fai que o uso da bicicleta sexa máis seguro e eficiente, facendo que unha maior porcentaxe da poboación utilice a bicicleta de maneira habitual.
Vías ciclistas
As vías ciclistas son espazos destinados á circulación de bicicletas. Idealmente, deberían estar interconectadas e garantir a seguridade e comodidade das persoas ciclistas.
As vías ciclistas poden clasificarse desde diferentes puntos de vista:
Segundo a localización A localización refírese ao soporte onde se implantan, se se constrúen de maneira independente ou se se utiliza a calzada.
Independentes. Construídas de maneira independente das beirarrúas ou calzadas, adoitan estar rodeadas de vexetación. Pistas bici, se son vías exclusivas para bicicletas. Autoestradas para bicicletas, concibidas como vías rápidas, cubrindo longas distancias e conectando diversos núcleos. Sendas ciclables, se están compartidas con peóns. Vías verdes, se son vías de tren reconvertidas en sendas ciclables.
Integradas. Xunto con beirarrúas, calzadas e xardíns, son un elemento máis do conxunto da rúa, destinando un espazo exclusivo ás persoas ciclistas. Carrís bici. Adoitan estar situados ao mesmo nivel ca a calzada, na que se destina un carril exclusivo para as bicicletas. Beirarrúas bici. Están situadas ao mesmo nivel ca a beirarrúa. Non están recomendadas polos posibles conflitos cos peóns. Beiravías bici. Beiravías onde se permite a circulación de bicicletas.
Compartidas. Son espazos destinados ao tránsito doutros medios de transporte onde se permite a circulación de bicicletas. Ciclorrúa. Rúas dun único carril e sentido, onde se prioriza a circulación de bicicletas sobre o resto de vehículos. En ocasións pode integrarse o dobre sentido para as persoas ciclistas ao integrar carrís bici a contramán. Ciclocarril. Carril dunha rúa con máis carrís onde se prioriza a circulación de bicicletas sobre o resto de vehículos. Carril bici bus. Carril exclusivo para o transporte público e bicicletas. Estradas 2 menos 1. Nas que os laterais teñen prioridade ciclista, pero son utilizados por outros vehículos mentres non estean sendo empregados por bicicletas. Zonas compartidas de prioridade peonil. Son zonas libres de tráfico motorizado onde pode permitirse a circulación de bicicletas. Coexistencia. Espazos onde se permite a circulación de peóns, bicicletas e, de ser o caso, vehículos a motor.
Segundo o sentido As vías ciclistas poden permitir a circulación nun ou en dous sentidos. Unidireccionais. Permiten a circulación de ciclistas nun único sentido. Bidireccionais. Permiten a circulación de bicicletas en ambos sentidos. Circulación a contramán. Pode permitirse a circulación nunha dirección compartindo o espazo con outros vehículos e existindo un carril bici exclusivo para o sentido contrario.
Segundo a protección
Os elementos de protección e separación do resto do tráfico garanten a seguridade das persoas ciclistas. Sen protección. A vía ciclista está separada unicamente por pintura ou polo uso dun pavimento diferente do resto da rúa. Resgardo. A vía ciclista ten un espazo de separación co resto da calzada. Protección discontinua. A vía ciclista inclúe elementos de protección separados, permitindo a permeabilidade ciclista co resto da vía, pero impedindo a invasión da vía ciclista por vehículos motorizados. Protección por banda de aparcadoiro. A protección débese ao estacionamento de vehículos. Protección continua. A vía ciclista mantén unha separación continua do resto da vía.
Segundo o nivel A altura respecto á calzada e á beirarrúa pode determinar o uso que se realiza, promovendo ou non o uso de zonas peonís ou a pacificación do tráfico. Plataforma única. A altura dos espazos destinados a peóns, bicicletas e vehículos motorizados é a mesma. Nivel de calzada. A altura da vía ciclista e da calzada é a mesma, pero diferente da da beirarrúa. Nivel intermedio. A vía ciclista está a unha altura diferente da calzada e diferente da beirarrúa. Nivel de beirarrúa (beirarrúa bici). A vía ciclista construíuse eliminando espazo peonil, estando á mesma altura ca a beirarrúa. Non está recomendada porque xera conflitos cos peóns, non pacifica o tráfico e non promove un cambio modal.
Segundo a posición na vía Lateral. A vía ciclista sitúase nun lateral da calzada. Central. A vía ciclista sitúase rodeada doutros carrís.
Segundo a duración Algunhas ciclovías poden ser permanentes e outras temporais para usos concretos. Permanentes. Teñen unha duración indefinida e adoitan requirir unha obra. Temporais. Teñen unha duración determinada. Ciclovías emerxentes. Son de implementación rápida mediante urbanismo táctico, por unha necesidade ou para avaliar a súa permanencia. Ciclovías recreativas. Englobadas dentro do movemento internacional de «rúas abertas», son rúas libres de vehículos motorizados durante unhas horas ao día ou durante domingos ou festivos.
Interseccións e cruces
As interseccións son os lugares onde se producen accidentes con maior probabilidade. Para evitalos, as interseccións deben deseñarse tendo en conta que deben garantir a intervisibilidade entre as diferentes persoas usuarias, deben ser autoexplicativas para que a atención se centre nas persoas en lugar da sinalización, deben ter un deseño axeitado para reducir a velocidade dos vehículos motorizados e deben minimizar os tempos de espera e os percorridos de ciclistas e peóns.
Cruces peonís Os peóns sempre terán prioridade sobre os ciclistas nos cruces con vías ciclistas. Cruce de vía ciclista con beirarrúa''. Debe incluír paso de peóns que indique a prioridade peonil. Cruce de vía ciclista con senda peonil. A vía ciclista inclúe ceda o paso ás persoas peóns. Cruce de vía ciclista con paso peonil a nivel de beirarrúa. Son as persoas ciclistas as que cambian de cota, marcando a prioridade peonil. Cruce de vía ciclista con paso peonil a nivel de calzada. A vía ciclista non cambia de cota, pero existe un refuxio antes do cruzamento da calzada. Vía ciclista anexa á calzada con cruce peonil único. A calzada e a vía ciclista anexa xeran un cruzamento continuo. Vía ciclista sobre zona peonil. O pavimento e as marcas reflicten a prioridade peonil.
Cruces entre vías ciclistas Unha das direccións debe ceder o paso á outra. Intersección ciclista. O cruzamento perpendicular obriga a que unha dirección ceda o paso á outra. Rotonda ciclista. Mellora a visibilidade e obriga a reducir a velocidade.
Cruces con tráfico a motor
Son as interseccións máis perigosas para as persoas ciclistas. O deseño debe garantir a seguridade, a visibilidade e a prioridade ciclista.
Segundo o nivel Paso a nivel. As bicicletas e o resto de vehículos están ao mesmo nivel, podendo producirse colisións. Paso elevado. Permite salvar a vía motorizada sen interacción directa mediante unha estrutura elevada. Pasarela ciclista. Tipo específico de paso elevado destinado ao tránsito exclusivo ou prioritario de bicicletas e, nalgúns casos, peóns. Paso inferior. Evita o cruzamento con vehículos mediante un paso subterráneo. Túnel ciclista. Tipo específico de paso inferior destinado ao tránsito exclusivo ou prioritario de bicicletas e, nalgúns casos, peóns.
Segundo a prioridade Cruce ciclista sen prioridade. Obriga ás persoas ciclistas a ceder o paso aos vehículos motorizados. Cruce ciclista sen prioridade con refuxio. Incorpora unha zona intermedia para cruzar en dous tempos con maior seguridade. Cruce con prioridade ciclista. Outorga preferencia ás persoas ciclistas fronte ao tráfico motorizado. Cruce elevado. Eleva a vía ciclista para calmar o tráfico e reforzar a prioridade ciclista.
Segundo a xeometría do trazado Cruce con retranqueo. Separa a vía ciclista da calzada. Cruce lineal sen retranqueo. Mantén a vía ciclista na mesma aliñación coa calzada. Cruce avanzado cara á calzada. Adianta a posición ciclista para facela máis visible ao tráfico.
Segundo a protección Intersección sen protección. Carece de elementos que separen e protexan ás persoas ciclistas do tráfico. Intersección protexida. Incorpora elementos físicos que aumentan a seguridade ciclista.
Segundo a regulación do tráfico Intersección con semáforo ciclista. Regula o paso mediante sinais específicas para bicicletas. Intersección semaforizada permitindo o xiro ciclista á dereita. Autoriza xiros á dereita en determinadas condicións aínda que o semáforo estea en vermello. Intersección permitindo o Idaho stop. Permite ás persoas ciclistas tratar certos sinais como ceda o paso para mellorar a fluidez.
Manobras ciclistas específicas Plataforma avanzada de espera. En ciclorrúas e ciclocarrís, ofrece un espazo avanzado para que as persoas ciclistas se posicionen antes do semáforo. Xiro indirecto á esquerda. Permite realizar xiros en dúas fases para maior seguridade. Carril bici unidireccional con xiro ciclista á dereita sen intersección. Facilita o xiro sen necesidade de deter-se nin cruzar tráfico.
Elementos complementarios de deseño Vado. Mantén a continuidade do itinerario ciclista sobre accesos a propiedades ou rúas secundarias. Filtro modal. Restrinxe o paso a vehículos motorizados, permitindo só o tránsito ciclista e peonil.
Rotondas Mentres que as rotondas están deseñadas para reducir o número de posibles accidentes entre vehículos, algúns deseños poden empeorar a seguridade ciclista, polo que deben incorporar elementos específicos de protección. Rotonda con preferencia ciclista. Situada entre ciclorrúas, a rotonda mantén a prioridade, indicando que as persoas ciclistas deben circular polo centro da calzada, evitando que outros vehículos intenten adiantalas. Rotonda holandesa. A rotonda incorpora unha vía ciclista no seu perímetro, garantindo a prioridade ciclista. Rotonda con anel ciclista interior. A rotonda incorpora unha vía ciclista no seu interior. Habitualmente o acceso ao anel ciclista central debe estar regulado por semáforos. Rotonda partida. A vía ciclista mantense lineal, polo que se xeran pasos ciclistas nas interseccións.
Cruces con vías férreas As vías ciclistas poden cruzar vías férreas de trens ou tranvías. Paso a nivel. A vía ciclista e a vía férrea encóntranse ao mesmo nivel. Paso a desnivel. A vía ciclista e a vía férrea crúzanse a diferente nivel. Paso superior. A vía ciclista pasa nun nivel superior á vía férrea. Pasarela ciclista. Ponte sobre as vías. Paso inferior. A vía ciclista pasa nun nivel inferior á vía férrea. Túnel ciclista. Vía subterránea baixo as vías
Paradas de transporte público Son puntos onde a vía ciclista interactúa coas paradas, requirindo un deseño que garanta a seguridade e visibilidade de persoas ciclistas e usuarias do transporte público.
Diante da parada. A vía ciclista pasa entre o tráfico e a zona de espera do transporte público, xerando interacción directa coas persoas usuarias. A nivel de calzada. A vía ciclista sitúase ao nivel da calzada, pasando sobre a propia parada, debendo ceder o paso durante a parada do autobús. A nivel de beirarrúa. A vía ciclista discorre ao nivel da beirarrúa, debendo ceder o paso durante a subida e baixada de persoas usuarias. En apartadoiro. A parada retráncase, permitindo o paso de persoas ciclistas durante a parada.
Detrás da parada. A vía ciclista sitúase por detrás da zona de espera, reducindo conflitos coas persoas usuarias do transporte. A nivel de calzada. Mantén o nivel da calzada, polo que as persoas peóns deben cruzar unicamente nos puntos con rebaixe. A nivel de beirarrúa. Intégrase no espazo peonil tras a parada, polo que debe indicarse a prioridade para as persoas peóns.
Escaleiras e pendentes pronunciadas