Os oniscídeos (Oniscidea) son unha suborde de crustáceos isópodos terrestres.
Pénsase que colonizaron a terra durante o Paleozoico baseándose nunha análise de reloxo molecular, aínda que os fósiles máis antigos coñecidos datan do Cretáceo medio, hai uns 100 millóns de anos. Isto fai que sexan peculiares entre os crustáceos, ao seren unha das poucas liñaxes que fixeron a transición da auga a un ambiente completamente terrestre.
Aínda que con frecuencia se lles chama isópodos terrestres, algunhas especies levan unha vida semiterestre ou colonizaron ambientes acuáticos, como os do xénero Ligia. Os das familias Armadillidae, Armadillidiidae, Eubelidae, Tylidae e algúns outros xéneros poden enrolarse tomando unha forma case esférica como unha bóla como mecanismo defensivo ou para conservaren a humidade; outros teñen unha capacidade parcial de enrolarse, mais a maioría non o poden facer en absoluto.
Son principalmente detritívoros e son importantes contribuíntes ao proceso de formación do humus do solo ao degradaren restos vexetais por inxestión.
Teñen un corpo segmentado e aplanado dorsoventralmente con sete pares de patas articuladas e teñen algúns ou todos os pares de pleópodos (patas nadadoras) adaptados para a respiración. Igual que outros peracáridos, as femias portan os ovos fertilizados nun marsupio, no cal os embrións en desenvolvemento reciben auga, oxíxeno e nutrientes. Os individuos novos inmaturos fan eclosión como larvas chamadas mancas e reciben ulteriores coidados maternais nalgunhas especies. Os xoves pasan por unha serie de mudas antes de chegaren á madureza. As mancas nacen con seis segmentos no pereion (torácicos) e adquiren un segmento máis despois da súa primeira muda.
miniatura|Oniscídeo As adaptacións clave á vida terrestre orixinaron un conxunto moi diverso de oniscídeos, desde especies mariñas da zona litoral ou de lagos subterráneos ata especies do deserto e ladeiras desérticas a 4725 m de altura, de maneira que os oniscídeos se estableceron na maioría dos biomas terrestres e representan a gama completa de formas transicionais e comportamentos para vivir en terra.
Son moi estudados en bioloxía evolutiva, ecoloxía do comportamento e no ciclo dos nutrientes. Son populares como mascotas de terrario, a miúdo valorados polas súas variadas cores e texturas, facilidade para coidalos ou porque serven para limpar o terrario.
Os isópodos son crustáceos, o que quere dicir que os oniscídeos están máis emparentados cos cangrexos, lagostas e pulgas de auga que con outros artrópodos terrestres como os insectos, arañas ou cempés.
Poden atoparse oniscídeos en todos os continentes menos a Antártida.
Taxonomía Aínda que a filoxenia completa dos oniscídeos non está ben establecida, acéptanse once infraordes/seccións con 3937 especies validadas na literatura científica en 2004 e 3710 en 2014 dun total de especies estimadas existentes de 5000 a 7000 en todo o mundo. O oniscídeo fósil máis antigo atopado data do Cretáceo medio.
A filoxenia máis recente dos isópodos baseada no estudo de 11 xenes en 148 isópodos e 12 grupos de Genbank apoian a monofilia do clado Oniscidea e un só evento de colonización da terra. Isto está en desacordo con investigacións previas que suxeriron que a súa agrupación como se definía tradicionalmente podía non ser monofilética, e algúns taxons como Ligia e posiblemente Tylidae estaban máis relacionados con outros grupos de isópodos mariños, aínda que a maioría dos oniscídeos probablemente constitían un clado. O movemento máis terra dentro dos devanceiros similares a Ligia ou Tylos probalemente ocorreu múltiples veces independentemente.
Hai un acordo xeral en que hai cinco grandes liñaxes na suborde Oniscidea, aínda que as relacións filoxenéticas entre elas non están establecidas. Hai dous esquemas principais de clasificación que se diferencian no grupo que se considera irmán aos restantes oniscídeos. Un sitúa Ligiidae na sección Diplocheta, coas familias restantes divididas en catro seccións na infrorde Holoverticata. O outro sitúa Tylidae na infraorde Tylomorpha, co resto das familias situadas en tres seccións na infraorde Ligiamorpha. Este último esquema é o que se presenta aquí:
Infraorde/sección Diplocheta Ligiidae Infraorde Holoverticata Sección: Tylida Tylidae Sección: Microcheta Mesoniscidae Sección: Synocheta Schoebliidae Styloniscidae Titaniidae Trichoniscidae Turanoniscidae
Sección: Crinocheta
Agnaridae Alloniscidae Armadillidae Armadillidiidae Balloniscidae Bathytropidae Berytoniscidae Cylisticidae Delatorreiidae Detonidae Eubelidae Halophilosciidae Olibrinidae Oniscidae Philosciidae Platyarthridae Porcellionidae Pudeoniscidae Rhyscotidae Scleropactidae Scyphacidae Spelaeoniscidae Stenoniscidae Tendosphaeridae Trachelipodidae
Ademais destes, algúns xéneros teñen unha asignación de familia insegura, como: Exalloniscus Sunniva etc.
Descrición e ciclo de vida miniatura|Rexións do corpo básicas dun oniscídeo. Teñen un exoesqueleto duro, que debe ser mudado varias veces a medida que crece. A écdise ten lugar en dúas fases; a metade traseira do exoesqueleto despréndese primeiro, seguida dous ou tres días despois pola metade anterior. Este método de muda é diferente do da maioría dos artrópodos, que se desprenden da cutícula nun só proceso. Teorízase que isto fai que poidan manter unha mobilidade parcial mentres mudan.
As femias conservan os ovos fecundados nunha bolsa de incubación ou marsupio situada na parte ventral do seu corpo, que cobre a superficie inferior do tórax e está formada por placas solapadas unidas ás bases dos cinco primeiros pares de patas. Fan eclosión orixinando unha descendencia que é semellante a un oniscídeo pequeno branco enrolado formando unha bóla, se ben inicialmente carece do último par de patas. Entón, a nai parece "parir" os fillos. Unhas poucas especies poden tamén reproducirse asexualmente."How Now, Sow Bug?," Discover, agosto de 1999, 68.
Aos oniscídeos atráenlles os sitios pequenos e estreitos como as gretas ou as partes inferiores das rochas para minimizar a perda de auga, e de igual xeito repélenlles os sitios con moita luz para evitar o desecamento ao sol. miniatura|Oniscídeo baixo un bloque de formigón.
Xeralmente son nocturnos e detritívoros, alimentándose principalmente de materia vexetal en descomposición, preferindo os materiais parcialmente podres ou degradados como as follas secas caídas. Degradan o material vexetal ao inxerilo, despois segrégano e volven a comer o que segregaron, unha vez que as bacterias e fungos o acabaron de degradar.
Ecoloxía
As especies ancestrais de Oniscidea son animais da zona litoral da área intermareal, como Ligia oceanica. Dependen das súas branquias (endópodos pleopodiais) para a respiración e están ligados a ambientes húmidos. Outros exemplos son algunhas especies de Haloniscus de Australia (familia Scyphacidae), e no hemisferio norte varias especies de Trichoniscidae e Thailandoniscus annae (familia Styloniscidae). Especies ás que se supón unha vida acuática son Typhlotricholigoides aquaticus (México) e Cantabroniscus primitivus (España).
Moitos oniscídeos viven en ambientes terrestres non acuáticos, respirando por pulmóns pleopodiais(apéndices posteriores con forma de paleta) con pseudotraqueas (túbulos aéreos ramificados).. A estrutura das pseudotraqueas descríbese ben en Porcellio scaber Nalgúns Crinocheta evolucionaron espiráculos que controlan o fluxo de aire aos seus pulmóns pleopodiais.. Moitos oniscídeos aínda conservan estruturas de endópodos similares a branquias que teñen funcións osmorreguladoras. Os oniscídeos necesitan humidade porque perden rapidamente auga por excreción e a través da súa cutícula, e por iso adoitan atoparse en sitios escuros e húmidos ou baixo rochas e troncos, aínda que algunhas especies, como a que vive no deserto Hemilepistus reaumuri, habitan nos "hábitats máis secos conquistados por unha especie de crustáceo". Pericyphis é outro isópodo xerófilo con estrutura pseudotraqueal única, que se estende desde os pleópodos á cavidade corporal.
Os oniscídeos son importantes contribuíntes ao proceso de formación do humus porque axudan a converter a materia vexetal en parte do solo.
miniatura|Os oniscídeos son a presa máis común das arañas Dysdera crocata. Os crustáceos oniscídeos son alimento de diversos insectívoros, como as arañas do xénero Dysdera, como Dysdera crocata, e as planarias terrestres do xénero Luteostriata, como Luteostriata abundans.
Platyarthrus hoffmannseggii é unha especie de oniscídeo que se encontran con frecuencia en formigueiros, alimentándose das súas excrecións. Outras especies de oniscídeos poden atoparse tamén nos formigueiros, como Porcellio scaber.
Os oniscídeos son sensibles aos pesticidas agrícolas, pero poden tolerar algúns metais pesados tóxicos, que pden acumular no hepatopáncreas. Deste xeito, poden utilizarse como bioindicadores da contaminación por metais pesados.
Historia evolutiva Os fósiles máis antigos de oniscídeos datan do Cretáceo medio, hai uns 100 millóns de anos, atopados en depósitos de ámbar de España, Francia e Myanmar. Entre estes está un espécime do xénero vivo Ligia do ámbar de Charente de Francia, o xénero Myanmariscus do ámbar birmano de Myanmar, que pertence aos Synocheta e probablemente os Styloniscidae, Eoligiiscus tarraconensis que pertence á familia Ligiidae, Autrigoniscus resinicola que pertence á familia Trichoniscidae, e Heraclitus helenae que posiblemente pertence aos Detonidae todos do ámbar español, e espécimes indeterminados de ámbar de Charente. A ampla distribución e diversificación aparentes dos oniscídeos no Cretáceo medio implica que a orixe do grupo é anterior á división de Panxea, probablemente durante o Carbonífero.
Pénsase que os oniscídeos evolucionaron de antepasados que vivían no leito do mar, por medio de formas que vivían na zona intermareal que desenvolveron a capacidade de supervivencia fóra da auga por períodos cada vez máis longos. Os tipos máis primitivos de oniscídeos, como por exemplo Ligia, evlucionaron moi pouco a partir desta condición intermareal.
Confusión con milpés
Os oniscídeos das familias Armadillidiidae e Armadillidae) poden confundirse con milpés da orde Glomerida. Ambos os grupos son artrópodos segmentados terrestres de aproximadamente do mesmo tamaño. Vven en hábitats similares, teñen unha dieta similar e teñen ambos o mecanismo de defensa de enrolarse formando unha bóla. En consecuencia, ambos parecen similares a simple vista, o cal é un exemplo de evolución converxente.
Non obstsante, estes dous grupos poden distinguirse de varios xeitos. Os milpés Glomeris teñen 19 pares de patas (nos machos) ou 17 (nas femias) nos adultos, mentres que estes oniscídeos adultos só teñen 7 pares de patas. Ademais, estes oniscídeos teñen un tórax que consta de 7 segmentos corporais, seguido de 5 segmentos abdominais e un pleotelson, mentres que os milpés Glomeris carecen dun tórax que se poida definir visualmente e teñen 12 segmentos corporais en total. Aínda que os urópodos dos oniscídeos son bastante pequenos relativamente, se poñemos patas arriba un oniscídeo mostran que o pequeno urópodo solapa o pleotelson. Algunhas especies de oniscídeos, como Armadillidium maculatum, parecen presentar mimetismo batesiano con certos milpés como Glomeris marginata.
Relacións cos humanos
Como pragas Aínda que o oniscídeos, igual que as miñocas, son considerados xeralmente beneficiosos nos xardíns polo seu papel no control de certas pragas, produción compost e removeren o solo, algunhas especies como as do xénero Armadillidium sábese que se alimentan de plantas cultivadas, como os amorodos en maduración e os brotes tenros.