O Cabo Machichaco foi un barco de vapor construído en Newcastle (Inglaterra) en 1882. Chamouse inicialmente Benisaf, e en 1885 a navieira española Compañía Ybarra adquiriuno co obxectivo de utilizalo no servizo de cabotaxe entre Bilbao e Sevilla, cuxa primeira escala era no porto de Santander, e deulle o nome do cabo Matxitxako.
O barco pasou a formar parte da historia de Santander e de España o 3 de novembro de 1893 ao estoupar o seu cargamento de dinamita namentres estaba atracado nun dos peiraos da cidade, sendo a maior traxedia de carácter civil ocorrida en España no século XIX.Linares, Pindado e Aedo 1985.
O desastre O 3 de novembro de 1893, o Cabo Machichaco, após pasar a corentena no lazareto da illa de Pedrosa, xa que se deron varios casos de cólera en Bilbao, estaba atracado no peirao saínte chamado número 2 de Maliaño, fronte á actual rúa de Calderón de la Barca. Entre outras mercadorías que había no barco, como fariña e material siderúrxico, tamén transportaba varios garrafóns de ácido sulfúrico en cuberta e algo máis de 51 toneladas de dinamita, de cuxa existencia non se deu parte, ou ben foi omitida polas autoridades portuarias.
A dinamita procedía de Galdakao, e o seu destino eran os portos do sur de España, agás vinte caixas, que eran para a cidade de Santander. Segundo o regulamento do porto de Santander, calquera barco que transportase dinamita debía realizar as súas operacións de carga e descarga no fondeadoiro de La Magdalena ou ao final dos peiraos de Maliaño. Esta normativa de seguranza trataba de evitar o manexo de mercadorías perigosas preto do centro urbano da cidade.
Aproximadamente á unha e media da tarde, as autoridades locais recibiron a información de que se produciu un incendio a bordo do Cabo Machichaco, que se intentou apagar cos poucos medios dispoñíbeis do barco, os dos bombeiros, que ao parecer tamén eran exiguos, e os do gánguil da Xunta do Porto. Perante esta situación, a maioría das autoridades locais e técnicos involucráronse no incendio para tratar de sufocalo. O incendio, que se orixinou na cuberta e despois estendeuse polas bodegas de proa, xurdiu como consecuencia da explosión dun recipiente de vidro con ácido sulfúrico.
Cabe salientar que tamén acudiron a prestar axuda as tripulacións dos barcos que se atopaban fondeados ou atracados, como o vapor correo Alfonso XIII, que chegara o día anterior a Santander tras a súa primeira viaxe a Cuba. O capitán deste buque, Francisco Jaureguizar y Cagigal, e o capitán subinspector Francisco Cimiano ordenaron que o vapor Auxiliar nº 5, propiedade da Compañía Trasatlántica Española, axudase a extinguir o incendio. Desta forma, embarcaron no Cabo Machichaco, xunto con numerosos tripulantes do vapor Alfonso XIII. Tamén acudiron para colaborar na extinción do incendio as tripulacións dos demais buques que estaban en Santander, entre eles o barco francés Galindo, o inglés Eden e o transatlántico español Catalina, propiedade da Naviera Pinillos. Pachín González, un tripulante do Catalina, sería o protagonista da novela homónima do escritor José María de Pereda.
O lume atraeu unha multitude de curiosos, que, alleos ao que había nas bodegas, contemplaban o sinistro. Ás catro da tarde, co incendio aínda presente, sóubose o contido da embarcación. Malia iso, as autoridades non retiraron o público da zona.
Unha hora despois, as dúas bodegas de proa estalaron. A explosión produciu unha gran tromba de auga de milleiros de toneladas que arrastrou moitas persoas ao mar. A onda expansiva propagouse por toda a baía de Santander, e algúns edificios próximos derrubáronse. Centos de fragmentos de ferro saíron disparados a varios quilómetros de distancia. A magnitude da explosión foi tal que segundo contan algúns testemuños un calabrote chegou até a localidade de Peñacastillo, a oito quilómetros de distancia, e matou unha persoa. Unha ermida medieval situada na mies de San Juan de Maliaño, a varios quilómetros de distancia, non puido resistir a onda expansiva da explosión e tamén se derrubou. Todos os que subiron ao barco, incluídos 32 tripulantes do Alfonso XIII e o capitán do mesmo, Francisco Jaureguizar, morreron na explosión.
O resultado da explosión foi de 590 mortos e 525 feridos, aínda que outros citan uns 2000 feridos. Naquel momento a cidade de Santander tiña 50 000 habitantes censados. Faleceron a maior parte das autoridades civís e militares de Santander, incluído o gobernador civil Manuel Somoza de la Peña (o seu bastón foi atopado na praia de San Martín, a quilómetros de distancia), ademais de bombeiros, traballadores e curiosos que se achegaron para observar como ardía o barco.
Secuelas e consecuencias thumb|Estado do Cabo Machichaco após os dous estoupidos. Ademais do evidente do desastre, que foron as vítimas mortais e os feridos, as infraestruturas próximas ao lugar da explosión víronse danadas e algúns edificios non resistiron a onda expansiva, que destruíu case todas as casas da rúa Méndez Núñez. O lume queimou numerosas vivendas e alumou durante toda a noite a procura de restos humanos. Os relatos da aparición de restos mortais das vítimas a moita distancia da explosión foron abundantes nos días seguintes á traxedia e, aínda que moitas delas son difíciles de corroborar, hai algunhas que parecen demostradas, como a dun garda que atopou dúas pernas sobre o tellado dun almacén de madeiras, a unha distancia de dous quilómetros.
Durante os meses seguintes ao desastre, intentouse recuperar a dinamita restante do barco afundido na baía, pero o barco volveu ser protagonista doutra traxedia, pois o 21 de marzo de 1894 produciuse unha explosión como consecuencia destes labores e morreron quince operarios.
En definitiva, Santander tivo que recuperarse dun desastre sen precedentes, dado que moitas das autoridades civís, militares e bombeiros faleceron na explosión. Cabe destacar que Santander viña sufrindo unha crise dende 1875, coa prohibición das exportacións de trigo e fariña ao estranxeiro, agudizada pola quebra do comercio coas provincias americanas. Sumado a isto, o desastre do Cabo Machichaco ocorreu nun delicado momento para a cidade.
Malia iso, a recuperación económica e social de Santander foi progresiva, posto que en 1898 xurdiu o Monte de Piedad, que na actualidade é a Fundación Caja Cantabria, e o Banco Mercantil (1907), ademais de compañías navieiras, como é o caso de Navegación Montañesa.
Opinións O historiador santanderino Rafael González Echegaray defendeu abertamente nas súas obras a actuación do capitán do Cabo Machichaco, Facundo Léniz Maza. Por outra banda, criticou a actuación das autoridades portuarias que permitían o continuo incumprimento do estabelecido no regulamento. Deste xeito, González Echegaray (1896) afirmou:
A traxedia na memoria histórica colectiva thumb|dereita|Vista anterior do monumento de Valentín Lavín. Polas súas devastadoras consecuencias a explosión do Cabo Machichaco está considerada a peor catástrofe civil rexistrada na historia contemporánea de España. Provocou un forte impacto na memoria colectiva santanderina e deixou unha profunda pegada na historia da cidade, o que fixo que máis dun século despois do suceso cada ano síganse conmemorando as efemérides da terríbel traxedia.
No seu recordo destaca a obra de José María de Pereda, titulada Pachín González (1896), e a litografía cun panteón conmemorativo editada polo poeta Marcos Linazasoro, ademais dos seguintes monumentos e homenaxes:
O primeiro monumento foi proxectado en 1896 polo arquitecto municipal santanderino Valentín Ramón Lavín Casalís. Durante a traxedia, Lavín Casalís conseguiu evitar a propagación do lume causado pola explosión grazas a varias intervencións de urxencia. O monumento, consistente nunha grosa cruz de pedra con perfil graduado suxeita a un pedestal piramidal, ten gravadas as datas das dúas explosións. A cruz tamén posúe unha figura construída en bronce que representa a unha muller doente, realizada polo escultor ovetense Cipriano Folgueras Doiztúa. Áchase situado na Praza do Machichaco, no lugar aproximado da explosión. A Real Asociación Machichaco, creada en 1958, é unha organización sen ánimo de lucro que se encarga de lembrar a catástrofe xunto coas institucións públicas cada 3 de novembro xunto ao monumento. Tamén é a organización encargada de publicar libros buscando máis información sobre os tráxicos episodios. Durante 2016 creouse o centro de interpretación do Cabo Machichaco, preto da Praza do Machichaco. O monumento do cemiterio de Ciriego foi executado por A. García Cabezas. Está composto por un alicerce polilobulado truncado e un cadaleito cuberto cun manto pétreo. O Concello de Santander realiza unha homenaxe cada 3 de novembro ás vítimas da catástrofe xusto fronte ao monumento que está situado entre a Estación Marítima e o Hotel Bahía na rúa Calderón de la Barca de Santander. O compositor e músico Borja Ordóñez García compuxo unha obra co nome "Cabo Machichaco" que foi estreada o 3 de novembro de 2018 pola Banda Municipal de Música de Santander durante a celebración do 125 aniversario do accidente.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Naufraxios Categoría:1893 Categoría:Santander Categoría:Barcos de 1882 Categoría:Incendios