Euplotes é un xénero de ciliados da subclase Euplotia. As especies están amplamente distribuídas e ambientes mariños e de auga doce, e tamén en solos e sobre musgos. A maioría dos membros do xénero son de vida libre, pero dúas especies son organismos comensais no tracto dixestivo de ourizos de mar.

Descrición As células de Euplotes non son flexibles, están aplanadas dorsoventralmente e son aproximadamente ovoides, cunha rexión oral moi grande (peristoma) bordeada á esquerda por unha longa "zona adoral de membranelas" (ZAM). Igual que outros ciliados espirótricos, Euplotes móvese e aliméntase coa axuda dos seus orgánulos ciliares compostos chamados "cirros," constituídos por penachos de cilios distribuídos espalladamente pola célula. Os cirros fortes da superficie ventral da célula permiten a Euplotes "camiñar" ou arrastrarse sobre detritos mergullados ou sobre vexetación. Todas as especies de Euplotes teñen un grupo de sedas ríxidas (cirros caudais), que fan protrusión desde a parte posterior da célula. O número de cirros caudais varía, incluso dentro dunha especie, pero é máis común en Euplotes ter 4 ou 5. O macronúcleo é caracteisticamente longo e estreito e aproximadamente con forma de ferradura ou con forma de C ou con forma que lembra o número 3.

Historia e clasificación

Especies de Euplotes foron xa rexistradas en 1773 polo naturalista danés O.F. Müller, que a situou no xéneo Trichoda. En 1830, o microscopista alemán C.G. Ehrenberg creou o xénero Euplotes. En 1975, describíranse unhas 80 especies e variedades asignadas ao xénero Euplotes.

En esquemas de clasificación vellos Euplotes adoitaba situarse dentro dos hipótricos, xa fose na orde Hypotrichida, na subclase Hypotrichia ou a clase Hypotrichea. Na clasificación actual Euplotes sitúase separado dos outros tradicionais hipótricos, na subclase Euplotia dos Spirotrichea.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Euplotes en WORMS

Categoría:Cilióforos Categoría:Taxons descritos por Christian Gottfried Ehrenberg