O receptor de tipo Toll 3 ou receptor similar a Toll 3 (TLR3) tamén coñecido como CD283 (cluster de diferenciación 283) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene TLR3 do cromosoma 4. O TLR3 é un membro da familia dos rceptores de tipo Toll de receptores de recoñecemento de padrón do sistema inmunitario innato. O TLR3 recoñece ARN bicatenario en endosomas, o cal é unha característica común de xenomas de virus, internalizado por macrófagos e células dendríticas.

Función O TLR3 é un membro da familia do receptor de tipo Toll (TLR), que exerce unha función fundamental no recoñecemento de patóxenos e a activación da inmunidade innata. Os TLRs están moi conservados desde a mosca Drosophila aos humanos e comparten semellanzas estruturais e funcionais. Recoñecen os padróns moleculares asociados a patóxenos (PAMPs) que expresan os axentes patóxenos, e funcionan como mediadores na produción de citocinas necesarias para o desenvolvemento dunha inmunidade efectiva. Os diversos TLRs mostran distintos padróns de expresión. Este receptor exprésase máis abundantemente na placenta e páncreas, e está restrinxido á subpoboación dendrítica de leucocitos. Recoñece o ARN bicatenario asociado coa infección viral, e induce a activación de IRF3 e NF-κB. A diferenza doutros TLRs, o TLR3 usa TRIF como único adaptador. O IRF3 induce ao final a produción de interferóns de tipo I. Pode así xogar un papel na defensa do hóspede contra virus.

O TLR3 recoñece o ARN bicatenario, unha forma de material xenético dalgúns virus, como os reovirus. Adicionalmente, existe tamén unha forma efémera de ARN bicatenario como intermediario replicativo durante a replicación de virus. Despois do recoñecemento, o TLR3 induce a activación do IRF3 para incrementar a produción de interferóns de tipo I que envían sinais a outras células para aumentar as súas defensas antivirais. O ARN bicatenario tamén o recoñecen os receptores citoplasmátios RIG-I e MDA5.

O TLR3 mostra un papel protector en modelos de ratos da aterosclerose, e a activación da sinalización de TLR3 está asociada coa protección isquémica inducida por preacondicionamento contra a isquemia cerebral e a atenuación da astrogliose reactiva. Por outra parte, a activación do TLR3 promove a rexeneración do folículo piloso na curación de feridas na pel. Ademais, os activadores de TLR3 mostran efectos sobre as células vasculares humanas.

Estrutura A estrutura dos TLR3 foi publicada en xuño de 2005 por investigadores do Instituto de Investigación Scripps. O TLR3 ten forma dunha gran ferradura que está en contacto con outra destas ferraduras veciñas, formando un "dímero" de dúas ferraduras. Gran parte da superficie da proteína TLR3 está cuberta con moléculas de azucres, o que a converte nunha glicoproteína, pero nunha das faces (incluíndo a interface proposta entre as dúas ferraduras) hai unha gran superficie sen azucres. Esta superficie tamén contén dúas áreas ricas en aminoácidos cargados positivamente, que poden ser un sitio de unión para o ARN bicatenario cargado negativamente.

Malia ser unha glicoproteína, o TLR3 cristaliza doadamente, un requisito para a análise estrutural por cristalografía de raios X.

Ligandos Agonistas ARN bicatenario natural de virus e dalgunhas células mortas ARN bicatenario sintético, como poli(I:C), poli(A:U), RGC100, NexaVant ARNm endóxeno, presumiblemente debido á estrutura secundaria (os talos da molécula lembran ARN bicatenarios)Karikó K, Ni H, Capodici J, Lamphier M, Weissman D. mRNA is an endogenous ligand for Toll-like receptor 3. J Biol Chem. 26 de marzo de 2004;279(13):12542-50. doi: 10.1074/jbc.M310175200. Epub 16 de xaneiro de 2004. . PVP-057 (pequena molécula)https://www.nature.com/articles/s41467-025-66878-3 Varias proteínas miniunidoras (minibinders) alostéricas Antagonistas CU-CPT4a (competitivo)

O ARN bicatenario debe ter un tamaño mínimo para activar con éxito o TLR3. Este tamaño é inferior que o limiar de activación para MDA5, outro sensor de ARN bicatenario con maior potencial inflamatorio e citotóxico. Como resultado, pode prepararse o ARN bicatenario sintético para evitar a activación de MDA5 controlando o tamaño da molécula.Lee SH, Choi YH, Kang SM, Lee MG, Debin A, Perouzel E, Hong SB, Kim DH. The Defined TLR3 Agonist, Nexavant, Exhibits Anti-Cancer Efficacy and Potentiates Anti-PD-1 Antibody Therapy by Enhancing Immune Cell Infiltration. Cancers (Basel). 2023 Dec 8;15(24):5752. doi: 10.3390/cancers15245752. ; PMCID: PMC10741573.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Antíxenos CD Categoría:Receptores de tipo Toll