O receptor de tipo Toll 7 ou receptor similar a Toll 7 (TLR7) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene TLR7 do cromosoma X. Encóntranse ortólogos en mamíferos e aves. É un membro da familia do receptor de tipo Toll (TLR) e detecta ARN monocatenario.
Función A familia TLR xoga un importante papel no recoñecemento de patóxenos e a activación da inmunidade innata. Os TLRs están moi conservados desde a mosca Drosophila aos humanos e comparten semellanzas estuturais e funcionais. Recoñecen padróns moleculares asociados a patóxenos (PAMPs) que se expresan nos axentes infecciosos, e son medidores na produción de citocinas necesarias para o desenvolvemento dunha inmunidade efectiva. Os diversos TLRs mostran distintos padróns de expresión. Este xene exprésase predominantemente nos pulmóns, placenta e bazo, e está situado no cromosoma X moi próximo a outro xene da familia, o TLR8.
O TLR7 recoñece ARN monocatenario en endosomas, que é unha característica común dos xenomas virais, que é internalizado por macrófagos e células dendríticas. O TLR7 recoñece ARN monocatenario de virus como o VIH e o virus da hepatite C. O TLR7 pode recoñecer ARN monocatenario rico en GU. Porén, a soa presenza de secuencias ricas en GU no ARN monocatenario non é dabondo para estimular o TLR7.
Importancia clínica
O TLR7 exerce un papel significativo na patoxénese de trastornos autoinmunes (por exemplo, o lupus eritematoso sistémico) así como na regulación da inmunidade antiviral (por exemplo, ao COVID-19). Aínda que non está totalmente dilucidado, usando un cribado a escala xenómica non nesgado con ARN en forquita curto (shRNA), demostrouse que o receptor TREML4 actúa como un regulador positivo esencial da sinalización do TLR7. En macrófagos de ratos TREML4 -/- que teñen unha hiporresposta aos agonistas do TLR7, os macrófagos non poden producir interferóns de tipo I debido á alteración da fosforilación do factor de transcrición STAT1 pola proteína quinase activada por mitóxeno p38 e diminución do recrutamento do adaptador MYD88 no TLR7. A deficiencia de TREML4 reducía a produción de citocinas inflamatorias e autoanticorpos en ratos MRL/lpr, suxerindo que o TLR7 é un compoñente vital da inmunidade antiviral e un factor predecesor na patoxénese das doenzas reumáticas como o lupus eritematoso sistémico. Un agonista do TLR7, o imiquimod (Aldara), foi aprobado para uso tópico no tratamento de verrugas causadas polo papilomavirus e para a queratose actínica. Debdo á súa capacidade de inducir a produción robusta de citocinas anticancro, como a Interleucina 12, investigáronse tamén os agonistas do TLR7 para a inmunoterapia do cancro e como adxuvantes de vacinas. Exemplos recentes son a entrega de TMX-202 por formulación liposómica, así como a entrega de resiquimod por nanopartículas formadas a partir de beta-ciclodextrina.
Variantes do TLR7 de perda de función As variantes de perda de función no TLR7 diminúen a resposta do sistema inmunitario innato conta a infección viral ao afectaren primariamente a produción de interferóns. En xullo de 2020, descubriuse que a deficiencia de TLR7 predispón pacientes masculinos novos, previamente con boa saúde, a unha infección grave de SARS-CoV-2. Máis recentemente, en novembo de 2023, identificouse unha nova variante de perda de función hemicigota do TLR7 nun pacente pediátrico con deterioración neurlóxica grave despois da COVID-19. Estes descubrimentos indican que o TLR7 non só exerce unha función clave no desencadeamento da resposta inmune contra a COVID-19, senón que pode tamén ser mediador das secuelas postinfección en pacientes gravemente enfermos. Cómpre facer máis investigacións para delinear completamente os mecanimsos polos cales a alteración funcional do TLR7 inflúe nos procesos de doenzas e para explorar a eficacia potencial de atacar esta vía no tratamento da COVID-19.
Variantes do TLR7 de ganancia de función
En contraste, as variantes de ganancia de función en TLR7 altera a tolerancia inmune, incrementando potencialmente o risco de trastornos autoinmunes. En maio de 2022, atopouse que variantes de ganancia de función do TLR7 non reguladas causaban lupus eritematoso sistémico e neuromielite óptica en humanos.
Agonistas AXC-715 Imiquimod TMX-202
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Receptores de tipo Toll