O dodecasílabo (do grego δώδεκα "doce" e συλλαβή "sílaba") é o verso de doce sílabas (arte maior) empregado decote na métrica románica, especialmente favorecida no Prerrenacemento español.
O dodecasílabo clásico, empregado por primeira vez no século XV, repártese en dous hemistiquios ou partes isométricas de seis sílabas cada unha (6+6), separadas por cesura. Conta cun característico ritmo acentual de catro sílabas tónicas separadas cada unha da outra por dúas sílabas átonas.
Cando se articula en torno a catro eixos rítmicos (separados polas dúas sílabas átonas), o ritmo resultante é dactílico, pero algo ríxido e repetitivo. Deste xeito, o Renacemento español decantouse polo hendecasílabo, que ofrece máis flexibilidade.
O Prerrenacemento español empregou con asiduidade o dodecasílabo, con obras como o Laberinto de Fortuna (século XV), de Juan de Mena, e outros autores da escola alegórico-dantesca. En francés, Li Romans d'Alixandre (en galego: O Romance de Alexandre), obra do século XII que trata a vida de Alexandre o Grande, emprega xa a métrica de doce sílabas no que se denomina vers alexandrin.
Tipos de dodecasílabo
Simétricos: un verso dodecasílabo simétrico vén caracterizado pola disposición en dous hemistiquios 6+6. Simétrico trocaico: formado por dúas series de tres troqueos por hemistiquio, con acentos rítmicos nas sílabas impares. Simétrico dactílico: composto por dous hexasílabos dactílicos coa primeira sílaba de cada hemistiquio en anacruse. O esquema métrico dun dodecasílabo simétrico dactílico responde ao seguinte modelo: A + dáctilo + troqueo // A + dáctilo + troqueo. Dende o punto de vista acentual, este tipo de dodecasílabos preséntase deste xeito: o + Óoo + Óo // o + Óoo + Óo Os acentos recaen na segunda e quinta sílaba de cada hemistiquio. Simétrico polirrítmico: combinación rítmica libre tanto de hemistiquios como de versos. Asimétrico. Ternario: Sen cesura tras a sexta sílaba. No canto de dous hemistiquios, o dodecasílabo conta de tres tetrasílabos necesariamente trocaicos, con acento na 2ª, 7ª e 11ª. Trátase dun metro de orixe popular. 7+5. Con cesura na sétima sílaba e acentos na sexta e na undécima. A organización rítmica acata as posibilidades do heptasílabo e do pentasílabo. Tamén coñecido como dodecasílabo de seguidilla. 5+7. Dodecasílabo con orixe no decasílabo francés (4+6), desenvolto a finais do século XVIII.
Bibliografía
Domínguez Caparrós, J., Diccionario de métrica española, Ed. Paraninfo, Madrid, 1985.
Domínguez Caparrós, J., Métrica española, Ed. Síntesis, Madrid, 1993.
Estebánez Calderón, D., Diccionario de términos literarios, Alianza Editorial, Madrid, 2004.
Navarro Tomás, T., Arte del verso, Edit. Visor, Madrid, 2004.
Platas Tasende, A. M., Diccionario de términos literarios, Espasa Calpe, Madrid, 2000.
Quilis, A., Métrica española, Ariel, Barcelona, 1984.