María Laffitte y Pérez del Pulgar, condesa de Campo de Alange, nada en Sevilla o 15 de agosto de 1902 e finada en Madrid o 9 de xullo de 1986, foi unha aristócrata, escritora, ensaísta e crítica de arte española. Foi defensora dos dereitos das mulleres, con especial notabilidade durante o franquismo, e fundadora en 1960 do Seminario de Estudios Sociológicos de la Mujer.
Traxectoria Naceu en Sevilla, onde pasou a súa infancia e mocidade até os 20 anos, cando se trasladou a Madrid ao contraer matrimonio. Naceu no seo dunha familia de situación económica privilexiada. Con todo, non tivo formación académica, algo que a marcou ao longo da súa vida. Aos 24 anos tiña tres fillos. Escribiu posteriormente: «durante os mellores anos da miña vida andei como desorientada sen saber por onde abrir a miña senda».
«Empecei a escribir case sen darme de conta, como seguindo unha voz interna e autoritaria» explicou sobre o seu proceso. Pouco despois tiña entre as súas mans a súa primeira obra, María Blanchard, unha biografía crítica desta artista. Non conseguiu quen lla publicase, e ante a negativa de varias editoriais decidiu editar o libro pola súa cuenta e publicouno en 1944. Anos despois tamén escribiu unha biografía de Concepción Arenal.
Aos poucos o seu nome empezou a soar na prensa e en certos círculos intelectuais.
Asinou os seus libros como María Campo Alange ou Condesa de Campo Alange, título que tiña polo seu matrimonio con José de Salamanca y Ramírez de Haro, conde de Campo de Alange.
Foi membro activo da Academia Breve de Crítica de Arte, vicepresidenta do Ateneo de Madrid e membro da Academia de Buenas Letras de Sevilla.
Fundou, dirixiu e patrocinou o Seminario de Estudios Sociológicos de la Mujer (SESM). Este reuniu desde 1960 até a morte de María en 1986 un grupo de profesionais, profesoras universitarias e investigadoras, como María Salas Larrazábal, Lilí Álvarez ou Elena Catena, dedicadas á investigación sobre a situación da muller en España.
Colaborou estreitamente con importantes intelectuais da posguerra española, como Eugeni d'Ors, José Ortega y Gasset e Gregorio Marañón, aínda que tamén tivo que afrontar as súas estratexias patriarcais.
Dereitos das mulleres María Laffitte estudou e teorizou sobre a situación das mulleres e a súa subordinación e buscou respostas na historia, antropoloxía, a arte e as ciencias. En 1948, un ano antes de Simone de Beauvoir publicar O segundo sexo, Laffitte publicou en España La secreta guerra de los sexos, o seu libro máis destacado. A súa crítica ao papel da ciencia na esencialización das mulleres é mesmo anterior a Simone de Beauvoir. Os seus ensaios e investigacións sobre as mulleres e a construción social da feminidade son de calado histórico e aínda expoñen dilemas de actualidade.
Recoñecemento póstumo Na súa honra constituíuse en 2008 a Federación de Mujeres Maria Laffitte, con sede en Sevilla, a súa cidade natal.
Obra
Crítica de arte
María Blanchard. Madrid: Hauser y Menet, 1944. De Altamira a Hollywood, metamorfosis del arte. Madrid: Editorial Revista de Occidente, 1953. [Obra en que, entre outros aspectos, relaciona a influencia da ciencia en diversas manifestacións da cultura como a pintura ou a arte. Por exemplo, o influxo de Darwin en Zola ou da visión celular na obra de Miró]. La poética ingenuidad de Pepi Sánchez. Madrid: Ateneo de Madrid, 1958. Aquella y esta Sevilla, 1967 (conferencia)
Ensaio e investigación sobre a muller
La secreta guerra de los sexos. Madrid: Editorial Revista de Occidente, 1948. La mujer como mito y como ser humano. Madrid: Taurus, 1961. La mujer en España. Cien años de su historia. Madrid: Aguilar, 1964. En Torno a Teilhard. Presentación, Condesa de Campo Alange. Relatores, P. Dubarle [e outros]. Grupo Español De Trabajo Teilhard De Chardin. Madrid: Taurus, 1969. Memorias de la condesa de Espoz y Mina (prologuista). Madrid: Tebas, 1977. La mujer española: de la tradición a la modernidad (1960-1980) (prologuista). Madrid: Tecnos, 1986.
Narrativa
La flecha y la esponja. Madrid: Arión, 1959.
Biografía e autobiografía
Mi niñez y su mundo. Madrid: Editorial Revista de Occidente, 1956. Concepción Arenal (1820-1893). Estudio biográfico documental. Madrid: Editorial Revista de Occidente, 1973. Mi atardecer entre dos mundos. Recuerdos y cavilaciones. Barcelona: Planeta, 1983.
Obras en colaboración
Habla la mujer. Un sondeo entre la juventud actual. Madrid: Cuadernos para el Diálogo, 1967. Los Derechos Humanos. Madrid: Ciencia Nueva, 1968. Libro escrito xunto con José Luis López Aranguren, Ramón Tamames e Faustino Cordón. Mujer y aceleración histórica. Madrid: Cuadernos para el Diálogo, 1970. Diagnosis sobre el amor y el sexo. Barcelona: Plaza y Janés, 1977.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Alcalá García, Inmaculada: "La agenda secreta de María Campo Alange. Análisis de su legado en clave feminista", Sendes, 23 (2019). Castellón, Universitat Jaume I. Barrera López, Begoña: "Sobre María Laffitte y la Real Academia Sevillana de Buenas Letras", Revista de Humanidades, 21 (xaneiro-abril de 2014). http://www.revistadehumanidades.com/articulos/60-sobre-maria-laffitte-y-la-real-academia-sevillana-de-buenas-letras Barrera López, Begoña: María Laffitte. Una biografía intelectual. Editorial Universidad de Sevilla, 2015. Barrera López, Begoña: "Ciencia, arte y feminismo. Perfiles de la trayectoria intelectual de María Laffitte", Arenal. Revista de Historia de las mujeres, 23/2 (2016). Nielfa Cristóbal, Gloria. "Pensamiento y Feminismo en la España de 1961. María Campo Alange: La mujer como mito y como ser humano", Arenal. Revista de historia de mujeres, 9/1 (2002), p. 185-196. Medina Doménech, Rosa María: "Identidad, feminidad y pareja. El feminismo crítico de María Laffitte", en: Ciencia y sabiduría del amor una historia cultural del franquismo, Madrid, Iberoamericana, 2013, p. 145-200. Salas Larrazábal, María: "María Campo Alange: Una Mujer Singular", Arenal. Revista de historia de mujeres, 9/1 (2002), p. 163-181.
Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Finados en 1986 Categoría:Nados en 1902 Categoría:Feminismo en España Categoría:Feministas de Andalucía