A relación enfermeiro-paciente é unha interacción entre un enfermeiro e un paciente dirixida a mellorar o benestar do mesmo, que pode ser tanto un individuo coma unha familia, un grupo ou unha comunidade.
Peplau A teoría das relacións interpersoais de Hildegard Peplau, desenvolvida na década de 1950, conceptualiza a enfermaría como un proceso terapéutico e significativo que busca facilitar a saúde do paciente. Hildegard Peplau consideraba que a relación enfermeiro-paciente dependía da interacción dos pensamentos, sentimentos e accións de cada persoa, e defendía que o paciente experimentara unha mellor saúde cando todas as súas necesidades específicas son plenamente consideradas. Dar importancia a que os profesionais dediquen máis tempo en conectar e interactuar cos seus pacientes axudaría a obter unha perspectiva única sobre a doenza do paciente, as súas crenzas e preferencias, así coma as da súa familias. Deste xeito, os doentes e os seus achegados senten que están sendo coidados e móstranse máis motivados para abrirse aos enfermeiros e sanitarios e traballar conxuntamente para acadar mellores resultados e satisfacción.Duffy J. R. (2005). Implementing the Quality-Caring Model in acute care. The Journal of nursing administration, 35(1), 4–6. https://doi.org/10.1097/00005110-200501000-00002
Elementos A relación enfermeiro – paciente componse de varios elementos.
Límites Os límites son unha parte integrante da relación enfermeiro-paciente. Representan estruturas invisibles impostas por estándares legais, éticos e profesionais da enfermaría que respectan os dereitos tanto dos profesionais coma dos doentes. Estes límites garanten que o foco da relación se manteña nas necesidades do paciente, tanto por práctica coma por imperativo legal. É responsabilidade do persoal de enfermaría estabelecer os límites e as marxes desta relación. Os límites teñen un propósito específico e un obxectivo de saúde, de xeito que a relación remata cando se atinxe o obxectivo estabelecido.
Calquera acción ou comportamento nunha relación enfermeiro-paciente que beneficie persoalmente ao profesional en detrimento do paciente constitúe unha violación de límites. Algúns exemplos de violacións de límites son manter unha relación romántica ou sexual cun paciente actual, facer revelacións excesivas sen beneficio para o paciente e recibir diñeiro como agasallo por parte deste. O abuso e a neglixencia son exemplos extremos que implican a traizón do respecto e da confianza dentro da relación. Isto inclúe reter información ou comunicación cun paciente.College of Registered Nurses of Nova Scotia. (2012) Professional boundaries and the nurse-client relationship: keeping it safe and therapeutic: guidelines for registered nurses. Retrieved from http://www.crnns.ca/documents/ProfessionalBoundaries2012.pdfIt
O persoal de enfermaría debe estar alerta de sinais que indique que os límites están preto de ser traspasados. Algúns sinais de advertencia dunha transgresión de límites inclúen pensar frecuentemente nun paciente dun xeito persoal, gardar segredos cun paciente específico, favorecer o coidado dun paciente en detrimento do doutro e contarlles aspectos persoais a un paciente de forma innecesaria. As violacións de límites nunca son aceptables e corresponde ao profesional xestionar calquera situación que o respecte de maneira profesional e terapéutica, sen importar quen a iniciase.
Confidencialidade A confidencialidade garante que a relación sexa segura e estabelece a confianza. O paciente debe sentirse cómodo ao revelar información persoal e ao facer preguntas. O persoal de enfermaría debe compartir a información exclusivamente co equipo profesional que precise coñecela, e obter a autorización por escrito do paciente para compartila con persoas alleas ao equipo de tratamento.
Comportamentos terapéuticos do enfermeiro
É responsabilidade do persoal de enfermaría que actúe sempre en beneficio do paciente para manter unha relación orientada exclusivamente a este fin. O profesional debe garantir que se atendan as necesidades do paciente mantendo sempre a profesionalidade. A investigación exhaustiva e a observación clínica demostraron que o corpo, a mente e as emocións forman unha unidade. Por conseguinte, para axudar outra persoa, débense considerar todos estes aspectos; isto significa non descoidar a persoa e limitarse estritamente a tratar a doenza. Coidar os pacientes vai moito máis aló do tratamento da enfermidade e da discapacidade.
As áres de coñecemento necesarias para manter unha relación terapéutica entre o persoal de enfermaría e o paciente son: coñecementos de base, coñecementos de teoría interpersoal e do desenvolvemento, coñecementos das influencias e determinantes da diversidade, coñecemento da persoa, coñecemento da saúde e da doenza e coñecemento do sistema sanitario e súa política.
O coñecemento de base é a educación académica do persoal de enfermaría e a súa experiencia vital. O coñecemento da teoría interpersoal e do desenvolvemento consiste no coñecemento das teorías sobre o autocoñecemento e a influencia dun mesmo nos demais. As teorías específicas son: a teoría interpersoal, a teoría das relacións de obxecto, a teoría do desenvolvemento e a teoría de xénero e do desenvolvemento. O coñecemento da persoa implica que os profesionais deben tomar o tempo necesario para comprender o paciente e o seu mundo; o que é significativo para el e a súa historia. O coñecemento da saúde e da doenza é o coñecemento que o persoal de enfermaría debe adquirir sobre o problema de saúde do paciente. O coñecemento das influencias amplas sobre a asistencia sanitaria e a política sanitaria require aos profesionais ser conscientes dos factores que inflúen no coidado do paciente: o entorno sociail e político, as expectativas do sistema sanitario e os cambios na accesibilidade e nos recursos. O coñecemento de sistemas consiste en coñecer o sistema sanitario para axudar os pacientes a acceder aos servizos. A comunicación eficaz na enfermaría implica ser empático, imparcial, comprensivo, achegable, solidario, coidador e ético. A comunicación terapéutica postula que o persoal de enfermaría debe aplicar habilidades comunicativas e interpersoais para crear, manter e finalizar a relación enfermeiro-paciente.Therapeutic Nurse-Client Relationship, Revised 2006. (1 March 1999). 1 June 2009, Retrieved from http://www.cno.org/Global/docs/prac/41033_Therapeutic.pdf
Todos os aspectos dunha relación terapéutica están interrelacionados. Non se pode empregar un aspecto de maneira eficiente sen o outro; están todos conectados e traballan conxuntamente para crear unha relación exitosa. «A axuda que o persoal de enfermaría ofrece aos seus pacientes é moito máis ca pericia técnica. A relación entre o profesional e o paciente constitúe por si mesma unha poderosa forza de curación».
A comunicación terapéutica entre o persoal de enfermaría e o paciente é un aspecto fundamental no desempeño do rol profesional. Esta beneficia tanto ao paciente coma o propio sanitario. A satisfacción laboral do persoal sanitario está asociada a unha comunicación positiva cos pacientes. Unha mellor calidade da mesma incrementa a capacidade de facer o seu traballo de maneira eficaz. Os informes de maior satisfacción laboral reducen a incidencia de fatiga por compaixón. O incremento da fatiga por compaixón reduce a capacidade do profesional para comunicarse de forma eficaz e compasiva co paciente, prexudicando os comportamentos e a comunicación terapéutica, e diminuíndo a eficacia da relación enfermeiro-paciente e dun coidado seguro. Trátase dun ciclo no cal a comunicación terapéutica conduce a unha relación positiva que aumenta a satisfacción tanto do paciente coma do profesional.
Existen máis aspectos involucrados na capacidade do persoal de enfermaría para adoptar comportamentos terapéuticos. Tal e como se mencionou, a fatiga por compaixón dificulta a capacidade do profesional para establecer unha relación terapéutica co paciente. Diversos factores contribúen á fatiga por compaixón, entre os cales a escaseza de persoal e o aumento das responsabilidades ocupan os primeiros postos. Estes factores tamén inflúen na percepción que o paciente constrúe. A puntualidade, a atención e o tempo adicado á comunicación melloran a percepción dunha relación enfermeiro-paciente positiva. Unha relación terapéutica incrementa a confianza do paciente no profesional, desta forma o doente está máis disposto a achegar información que pode ser pertinente para a seguridade dos coidados e as súas necesidades médicas. Unha relación terapéutica pode axudar aos pacientes a afrontar mellor as situacións e xerar calma nun momento en que poidan estar a pasar por circunstancias difíciles.
Autoconciencia A autoconsciencia é a avaliación interna dun mesmo e das reaccións ante situacións, persoas e lugares cargados emocionalmente. Ofrece a oportunidade de recoñecer como as nosas actitudes, percepcións, experiencias pasadas e presentes e relacións enmarcan ou distorsionan as interaccións cos demais. A autoconsciencia permítelle ao profesional involucrarse plenamente cun paciente e manter a presenza; saber cando prestar axuda e cando apartarse. Ata que os individuos non se comprenden plenamente a si mesmos, non poden comprender os demais. O persoal de enfermaría precisa autoconsciencia para poder relacionarse coas experiencias do paciente e desenvolver a empatía.
Xenuíno, cálido e respectuoso O persoal de enfermaría altamente cualificado e con experiencia debe posuír certos atributos ou habilidades para establecer con éxito unha relación profesional. Atributos como a autenticidade, a calidez e o respecto son algúns deles. Un aspecto fundamental do respecto consiste en honrar a cultura da persoa e garantir que a mentalidade aberta se incorpore durante toda a relación ata a fase de finalización. O profesional traballa para empoderar o paciente xunto coa súa familia co fin de que se involucren máis na aprendizaxe sobre a súa saúde e as maneiras de melloralas. Resulta altamente beneficioso para o paciente integrar aos seus achegados, xa que pode constituír o sistema de apoio máis eficaz. Mostrarte tal e como es e actuar con autenticidade cos pacientes axudará a acadar a relación desexada.
Actuar de maneira terapéutica pode requirir permanecer en silencio nalgúns momentos para mostrar aceptación, incorporar preguntas abertas que lle permitan ao paciente ter o control da conversa e ofrecer alento para continuar. Ademais, o persoal de enfermaría tamén pode reducir a distancia física para demostrar o seu interese en participar, reformular e reflectir para validar a súa interpretación da mensaxe do paciente, e encamiñar a conversa cara a temas importantes centrándose neles. Así mesmo, ser educado e puntual mostra respecto polo doente, xunto con lembrar ter paciencia e comprensión, e tamén felicitar e animar á persoa polos seus esforzos para coidar mellor a súa saúde. Un factor primordial para establecer a relación enfermeiro-paciente é a mensaxe ou os comportamentos non verbais que se emiten de maneira inconsciente, o cal pode xerar unha percepción negativa e distorsionar os intentos de axudar eficazmente ao paciente a acadar unha saúde óptima. Un destes factores non verbais é a escoita. Os comportamentos de escoita se identifican co acrónimo S.O.L.E.R.: S (situarse de fronte ao paciente - sit squarely), O (manter unha postura aberta sen cruzar brazos nin pernas - open position), L (inclinarse lixeiramente cara ao paciente - lean slightly), E (manter un contacto visual razoable e cómodo - eye contact) e R (relaxarse - relax).
Empatía