Anton Semionovich Makarenko (en ruso Антон Семёнович Макаренко), nado en Bilopole (Oblast de Sumy, Ucraína) o 13 de marzo de 1888 e finado en Moscova o 1 de abril de 1939, foi un pedagogo ucraíno. Tralo triunfo da revolución rusa fundou as casas cooperativas para orfos da guerra civil, destacando a Colonia Maxim Gorki; máis tarde fundou, baixo os auspicios de Stalin, o municipio de Dzerjinski.
Makarenko escribiu numerosas obras, das que destaca O Poema pedagóxico (Педагогическая поэма), unha historia da colonia Gorki. Foi un libro moi popular na URSS.
Traxectoria O seu pai, Semión Grigorievich, era un obreiro pintor. Antes de mudarse a Bilopole traballou en Kriukov, onde casou con Tatiana Mijailovna Dergachova, filla dun soldado que servira 25 anos no exército tsarista.
A diferenza do seu esposo, un tanto reservado e pouco comunicativo, a súa nai era unha muller optimista e alegre. Magnífica narradora, cun gran sentido do humor, mantiña na familia a atmosfera de optimismo vital que Makarenko defende fortemente nos seus libros.
Era o segundo fillo da familia, un neno moi débil e enfermizo, aínda que creceu normalmente. Con cinco anos xa sabía ler, comezando a ler moito e con avidez, porque xa naqueles anos se manifestou nel un carácter observador pouco común, cun desexo de aprender ata as causas orixinarias de cada fenómeno.
En 1895, con sete anos, ingresa na escola. Como consello, o seu pai dille: As escolas urbanas non as fixeron para nós, así que demóstralles o que vales.
En 1900 abríronse en Kriukov uns grandes talleres ferroviarios, ós que foi trasladado seu pai, onde o fixeron oficial pintor e, ó pouco tempo, contramestre do taller de pintura. Kriukov, cunha poboación de 10 000 habitantes, era un suburbio da importante cidade industrial de Kremenchug, situada ás beiras do río Dniéper.
Makarenko ingresou na escola urbana de Kremenchug, onde se estudaba seis anos. O programa docente da escola era moi completo, pero os alumnos non podían matricularse nos graos superiores do instituto. A súa erudición e coñecementos dos clásicos rusos e estranxeiros eran asombrosos para un mozo da súa idade. Coñecía con profundidade filosofía, astronomía e as ciencias naturais.
En 1904, con dezaseis anos, rematou o instituto con sobresaliente en tódalas materias, ingresando despois nuns cursos pedagóxicos dun ano que preparaban mestres para as clases de párvulos.
Na primavera de 1905 Makarenko terminou o cursiño dun ano, e no outono empezou a traballar como mestre na escola ferroviaria primaria, enclavada no recinto dos talleres ferroviarios onde traballaba seu pai.
Era un extraordinario mestre, non só tiña moitos coñecementos, senón que tamén sabía transmitilos con mestría. Ensinaba a pensar e a razoar. Porén, non se fixo un bo educador rapidamente. Custoulle grandes preocupacións, coma un erro cometido no seu terceiro curso como profesor. Facendo o balance dun dos trimestres, decidiu facer un experimento. Calculou a cada discípulo a puntuación media e, en correspondencia coa escala obtida, distribuíu os postos do primeiro ó último. A folla de notas co último posto recibiuna un neno que, como se soubo despois, non ía atrasado por preguiceiro, senón porque estaba moi enfermo de tuberculose. A amargura do pequeno foi tan grande que mesmo se agravou a súa doenza.
Este caso conmocionou a Makarenko. O mozo pedagogo descubriu con evidencia implacable que para educar non só facía falta ensinar, senón tamén comprender a peculiaridade de cada discípulo, ter en conta as súas particularidades individuais. A metodoloxía do traballo educativo non pode reducirse á metodoloxía do ensino: a primeira é unha rama especial da ciencia pedagóxica que ten o seu obxecto e as súas leis.
Na súa formación espiritual influíron moito os axitados acontecementos políticos daqueles anos. A revolución de 1905 retumbou como un eco temible en tódolos recunchos de Rusia, excitando as mentes, espertando a conciencia e chamando á loita contra a autocracia tsarista.
En Kriukov, Makarenko e os seus amigos da escola estaban subscritos ó periódico legal bolxevique Novaia Zin (Nova Vida). Paulatinamente foise formando un círculo de representantes da intelectualidade local que polas tardes se reunía no domicilio dun deles, onde discutían sobre temas diversos, incluídos os políticos, e cantaban himnos revolucionarios.
En 1911 Makarenko foi destinado a un novo centro de traballo como inspector da escola ferroviaria da estación de Dolinskaia. No léxico pedagóxico de entón inspeccionar significaba tanto como dirixir, e Makarenko deu ás súas novas responsabilidades un carácter creativo. Nas súas clases sabía combinar o cognitivo co emocional. Sabia ocupar o tempo libre dos seus educandos con pequenas distraccións: facía funcións teatrais, organizaba veladas de máscaras e xogos diversos. As medidas educadoras de Makarenko asombraban xa entón polas súas innovacións. Por exemplo, para as conmemoracións do centenario da expulsión do exército napoleónico de terra rusa, preparou un espectáculo teatral, que non só extasiou á rapazada do poboado, senón tamén ós adultos. Toda a noite arderon na estepa as lapas dos barrís de alcatrán, ata o amencer tronou o canoneo e se oíron os gritos de vitoria.
De estatura un pouco maior que mediana, delgado e esvelto; cunha cabeza desproporcionadamente grande, co pelo rapado; rostro con trazos acusados, no que sobresaía un prominente nariz; sempre con binoculares, tralos que, cativando pola súa intelixencia, brillaban uns ollos grises semientornados. Así é como fan os seus contemporáneos o retrato do mozo Makarenko. A este retrato engaden detalles como unha cultura exhaustiva, saber gastar e apreciar unha broma, unha fidelidade a toda proba e gran capacidade de comunicación.
En Dolinskaia, como antes en Kriukov, Makarenko encabezou un círculo revolucionario e educativo. Ademais dos intelectuais, pertencían tamén ó círculo uns cantos obreiros ferroviarios, que se reunían os domingos nunha fraga próxima á estación. Falando nestas reunións, Makarenko criticaba apaixonadamente a autocracia, falaba da necesidade de realizar transformacións revolucionarias, da liberdade e da democracia.
En 1914 abriuse en Poltava o Instituto Pedagóxico, que preparaba mestres para as escolas de segundo grao. Makarenko, que nunca abandonara a paixón polo estudo, enviou inmediatamente a Poltava a súa solicitude e, aprobando brillantemente os exames de ingreso, matriculouse como estudante.
Ingresou no instituto sendo xa un home maduro, con 26 anos, e empezou no acto a estudar profunda e sistematicamente a pedagoxía e a literatura histórica e filosófica. En 1917 Makarenko terminou o primeiro curso con medalla de ouro, e puido ocupar cargos de dirección nas escolas de segundo grao.
Unha nova etapa na vida de Makarenko, como na de millóns de persoas, comezou coa Revolución de Outubro. Ante os ollos da humanidade estupefacta realizouse o que moitos intelectuais rusos soñaran durante moitos anos. Coa sociedade, as persoas comezaron a transformar tamén a súa propia psicoloxía, limpando a súa conciencia da servil fe na omnipotencia da riqueza persoal, desembarazándose do medo polo mañá, converténdose a confianza e a axuda recíprocas en garantía dos futuros logros comúns.
A comezos de 1918 Makarenko regresou á mesma escola na que trece anos antes empezara o seu labor pedagóxico. A escola ferroviaria de Kriukov fora transformada en escola de segundo grao, sendo nomeado director Makarenko. Pero os imperialistas desataran a guerra civil contra os soviets, e no lugar onde traballaba estaban presentes as bandas contrarrevolucionarias e os ocupantes alemáns. Só nas postrimerías de 1919 o Exército Vermello liberou definitivamente Kremenchug e Kriukov, e a comezos de 1920 o poder soviético puido establecerse en toda Ucraína.
En agosto de 1919 Makarenko trasladouse a Poltava, onde se fixo cargo da dirección da escola primaria. Ó ano seguinte, a causa da falta de locais, na escola que dirixía Makarenko aloxouse a sección provincial de economía nacional. A primeira metade do día traballaban na escola os funcionarios deste departamento e, na segunda metade, acudían os nenos. Estudar, e moito máis facer experimentos creadores naquelas condicións, era moi difícil.
Unha colonia para delincuentes xuvenís En setembro de 1920 propuxeron a Makarenko dirixir unha colonia para delincuentes xuvenís acabada de formar, ó que accedeu no acto.
O comezo do seu labor na colonia foi incriblemente difícil. Cinco edificios cadrados de ladrillo recibírono cun baleiro total. Nas habitacións non había absolutamente nada: nin fiestras, portas ou estufas, todo o arrancaran, ata a última árbore. Ó cabo de dous meses, cando un dos edificios se rehabilitara como boamente se puido, chegaron á colonia os primeiros seis educandos, rapaces de 16 e 17 anos, delincuentes sociais que, aínda que non ofendían ós pedagogos, simplemente non reparaban sequera na súa presenza. Un destes primeiros educandos non tardou en realizar un atraco con asasinato e foi detido na propia colonia.
Sen saber que facer nin como abordar os educandos, Makarenko e os seus poucos auxiliares recorreron ós libros de pedagoxía, pero a teoría pedagóxica respondía ás preguntas apremiantes da vida práctica cun silencio de ultratumba. Viu entón claro que non necesitaba fórmulas librescas que, de tódolos xeitos, non podería adaptar a aquela situación, senón unha análise propia e concreta.
O educando Zadorov deu o motivo para que Makarenko emprendese a súa última tentativa desesperada de facerse coa situación. En resposta á invitación do director de que fose a cortar leña, o mozo contestou con despreocupación:
-¡Vai cortala ti mesmo: sodes moitos aquí!
"Era a primeira vez que me atuaban", di Makarenko en Poema pedagóxico. Colérico e ofendido, levado á desesperación e ó frenesí por tódolos meses precedentes, lanzouse sobre Zadorov. Abofeteouno con tanta forza, que vacilou e foi caer contra a estufa. Golpeouno por segunda vez e, agarrándoo polo pescozo e erguéndoo, pegoulle unha vez máis.
Esta foi, naturalmente, unha saída violenta ás emocións. Desde o punto de vista de moitos teóricos, un absurdo pedagóxico. Pero o caso foi que o influxo emocional, precisamente, venceu a indiferenza e o descaro do quinteto de colonos. Comprenderon que para devolverlles unha fisionomía humana, o educador xogara a unha carta o último, a propia vida, que era o único que lle quedaba por xogar.
Collidos de improviso por esta explosión, os colonos reaccionaron tal e como se podía esperar de xentes saídas do mundo da delincuencia: cederon á forza sen experimentar humillación. Esta foi unha especie de vitoria xeral, do educador e dos educandos, pero unha vitoria que aínda necesitaba afianzarse, esixíndose para eles medidas doutra natureza.
O gravísimo caso ocorrido con Zadorov persuadiu definitivamente a Makarenko de que con procedementos semellantes, así como polo método de influencia sucesiva, sobre un ou sobre outro colono, non conseguiría nada. Pero se este método non valía e non había outro, que facer entón? A resposta impúñase por si mesma: el mesmo debía crear novos métodos de educación, crealos alí, na colonia, con aquel grupo de delincuentes xuvenís.
Os contornos da nova metodoloxía de educación xa se adiviñaban na experiencia do propio Makarenko e na dos pedagogos doutros establecementos. Para educar a todos á vez, e non a cada un por separado, hai que ter a perspectiva necesaria, igualmente comprensible para todos. Así podería ser levantada a economía da colonia e satisfacer plenamente as demandas máis apremiantes materiais e culturais dos colonos. Debería organizarse a vida de tal xeito que os propios colonos fosen os que respondesen por todo: polos edificios, polo plan de produción, pola distribución dos ingresos, pola disciplina... Eles mesmos deberían educarse uns a outros, esixir, subordinarse, respectarse, merecer a estima, preocuparse e axudarse mutuamente.