Felipe Martínez Marzoa, nado en Vigo o 8 de outubro de 1943, é un filósofo galego.
Traxectoria Á idade de 29 anos, publica os dous volumes da primeira edición da súa Historia da filosofía, tras realizar estudos de filosofía, matemáticas e grego. Desde entón, a súa obra, non exenta de polémica, permanece fiel ao propósito hermenéutico da historia da filosofía.
En 1982 presenta a súa tese doutoral sobre "A teoría do valor de Marx na filosofía moderna", dirixida por Jacobo Muñoz Veiga, na Universidade Complutense de Madrid. O estudo e a influencia de Heidegger, recoñecida nalgún momento da súa obra, lévano a afastarse da análise dos seus textos para centrar definitivamente o seu labor hermenéutico en dous ámbitos da historia da filosofía: o grego e o moderno.
En 1985 obtén a cátedra de Historia da Filosofía da Facultade de Filosofía da Universidade de Barcelona. A solidez da súa obra e a súa adhesión ao rigor da filosofía, convertérono, segundo algunhas opinións, nun dos pensadores máis influentes da filosofía contemporánea en lingua castelá. Desde o curso 2006/2007 está prexubilado.
Filosofía
Liñas de pensamento A súa obra iníciase con escritos propedéuticos de filosofía, e con estudos sobre Marx. Paulatinamente abandona a temática política e oriéntase cara á problemática da fenomenoloxía lingüística e da hermenéutica dos textos gregos, así como cara ao estudo da filosofía alemá no período que abrangue de Leibniz a Nietzsche, traballando sobre as figuras de Leibniz, Kant e Hölderling. Durante a primeira década do século XXI, tras uns anos de labor fixado na hermenéutica dos textos gregos de Homero, Aristóteles, Aristófanes, Platón e Esquilo entre outros, centra a súa investigación e as súas obras na interpretación de Hume e de Hobbes.
Algunhas das súas teses principais versan sobre a irredutibilidade do ser en Grecia, a importancia do cristianismo como mediador entre Grecia e a modernidade, a física matemática e a calculabilidade do ente moderno, e a distancia hermenéutica da historia da filosofía desde Nietzsche ata os nosos días.
Escritos propedéuticos A súa obra iníciase con escritos propedéuticos de filosofía, sintetizados principalmente nos dous tomos de Historia de la Filosofía (1973-1975) e Iniciación a la Filosofía (1974), nas cales se remite fundamentalmente á obra orixinal dos pensadores que trata, baseándose na idea central de que a historia da filosofía ten que ser, ante todo, unha investigación acerca da natureza dos conceptos filosóficos básicos, como o siloxismo, a proposición, o universal, a teoría das ideas, as categorías, a esencia das verdades matemáticas ou a lóxica simbólica.
Estudos marxistas Posteriormente, Marzoa dedicarase ao estudo do marxismo, publicando un conxunto de ensaios recompilados en De la revolución (1976) e en Ensaios marxistas (1978), obra escrita primeiramente en galego que será traducida ao castelán con certas incorporacións baixo o nome de Revolución e Ideología (1979). A postura adoptada por Marzoa, definida como marxismo heideggeriano, entrará en confrontación co marxismo máis ortodoxo da España do seu tempo. A culminación do seu labor académico de orientación marxista darase coa publicación da polémica obra La Filosofía en «El Capital» de Marx (1983), o núcleo do seu traballo sobre Marx e Heidegger. Nesta obra realiza unha crítica aos escritos marxistas, debido á falta de rigor nos conceptos definidos por Marx. Deste modo, Marzoa propón unha lectura ontolóxica da teoría do valor.
O autor non considera o marxismo unha verdadeira corrente filosófica, xa que os conceptos que no marxismo se mostran como leis universais non son aplicables fóra deste. Conceptos utilizados polo marxismo, como “ideoloxía”, só se refiren ao caso singular da análise da sociedade capitalista e non se poden utilizar para épocas anteriores, polo que non son conceptos universais. Desa forma, nesta obra encóntranse dúas teses: en primeiro lugar, que todo o Das Kapital pode se pode entender como a exposición desenvolvida da teoría do valor e, en segundo lugar, que a teoría do valor é unha ontoloxía. Tras expoñer estas dúas teses, Marzoa proponse demostrar que a lei do valor se corresponde efectivamente coas condicións ontolóxicas da experiencia moderna do ente asumindo que as manifestacións representativas desta experiencia son, por un lado, o feito moderno da ciencia e, polo outro, o feito moderno do Estado.
Problemática da fenomenoloxía lingüística Pode o concepto gramatical da oración librarse por completo do carácter suxeito-predicativo ou apofántico de certa conexión? Que relación existe entre un complemento predicativo e aquilo ao que a propia noción se autorrefire? Estas son algunhas das moitas cuestións relativas as diversas problemáticas fenomenolóxico-lingüísticas que se tratan dentro do estudo da teoría lingüística en Marzoa. O estudo da lingüística é un dos principais campos de traballo de Martínez Marzoa, ten dúas obras dedicadas exclusivamente a ese asunto: Lengua y tiempo (1999) e Lingüística fenomenológica (2001). Sendo a primeira dun carácter máis xeral e a segunda concretando, como o seu nome indica, en materia da fenomenoloxía lingüística. Nesta última trataríase fundamentalmente da problemática que atinxe á devandita rama da fenomenoloxía.
Hermenéutica de textos gregos Na súa interpretación de Aristóteles e Platón, mostra como ambos os autores se basean na estrutura da tematicidade, é dicir, o que fai que algo sexa algo. A tematicidade que se encontra nestes dous autores gregos maniféstase pola rotura das relacións que fan que algo sexa ese algo. Desa maneira, para Platón a temacidade dun termo ten sempre outra cara na relevante non-temacidade do outro. Por exemplo, na proposición “ser-A é ser-B”, a tematicidade de ser-A ten que ver coa non-tematicidade de ser-B. A ocupación de Platón consiste en que se tematice o termo non tematizado. Neste punto, procédese pola diaírese platónica, mais, segundo Marzoa, esta división de ideas por xéneros e especies non é lóxica senón fenomenolóxica. Así, a cuestión da tematicidade consiste nunha división e subdivisión fenomenolóxica de que é “o mesmo” e que é “o outro”.
Por outra parte, Marzoa tamén trata de maneira hermenéutica a cuestión do xénero poético grego. O “dicir”, no contexto grego, é o verbo que máis frecuentemente se emprega para significar aquilo que é o “poeta”. “Poeta” é aquel que ten pericia ou destreza no “dicir”, entendendo o “dicir” non como un operar particular. Non se trata de pericia nun ámbito concreto senón nun proxecto. A poesía grega de Homero e Píndaro articúlase de maneira que non só consiste nun texto, tamén inclúe un conxunto de persoas efectuando xestos, movementos, palabras (coa súa melodía e o seu ritmo), pese a que a poesía grega só se conserve como mero texto.
Estudos de filosofía alemá: de Leibniz a Nietzsche Unha das liñas teóricas cara á que se orienta a súa obra é a análise da filosofía alemá no período que abrangue de Leibniz a Nietzsche. Os estudos da filosofía alemá de Marzoa están destinados a outorgarlle a quen le ferramentas para poderse achegar a esta corrente de pensamento, trazando unha obra filosófica imprescindible para quen queira enfrontarse ao labor de comprender estes autores. Cabe destacar os seguintes títulos:
Cálculo y ser: aproximación a Leibniz (1991) Pretende ser unha contribución a tarefa de demostrar que toda a obra de Leibniz se trata dunha soa cousa. Isto acontece de tal maneira que conseguir apuntar cara á cousa en cuestión equivalería a encontrar en Leibniz un dos pensadores esenciais da gran filosofía, como Kant, Hegel, Aristóteles ou Platón.
Hölderlin y la lógica hegeliana (1995) A tarefa aquí emprendida baséase nunha certa interpretación de Kant, da relación do Idealismo con Kant e da posición ou o papel de Hölderlin en todo iso. O marco no que se sitúa a presente análise consiste na posición ou papel de Hölderlin en relación coa lóxica hegeliana e, con iso, coas orixes da modernidade.
De Kant a Hölderlin (1992) Este libro rexeita a habitual versión segundo a cal Kant quedou atrás con respecto ao Idealismo e achega indicacións de ata que punto o especificamente kantiano de Kant se pode atopar tamén noutros autores.
Desconocida raíz común: estudio sobre la teoría kantiana de lo bello (1987) Pretende ser á vez unha interpretación da análise kantiana do fenómeno da “beleza” e unha demostración do papel central que esa análise desempeña no conxunto da obra de Kant.
Investigación e interpretación de Hume a Hobbes Dentro desta liña do seu pensamento cabe destacar Pasión tranquila: ensayo sobre la filosofía de Hume (2009), un ensaio dedicado á filosofía do filósofo escocés David Hume. Esta obra ofrece unha proposta de lectura unitaria que, aínda que se pode ler dunha maneira illada, está estreitamente relacionada co traballo sobre Leibniz e as numerosas obras que versan sobre Kant. No libro, amósase unha interpretación de Hume que exhibe unha faceta claramente belixerante á parte do desentrañamento das novidades que introduce o filósofo escocés dende a perspectiva crítica que sostén do pensamento moderno cartesiano que o precede. Así, Marzoa ofrece unha visión de Hume en virtude da cal a modernidade do filósofo escocés se combina cun profundo xuízo crítico das bases mesmas do moderno.
Teses principais
A irredutibilidade do ser en Grecia A cuestión da irredutibilidade do ser parte do que Marzoa denomina “o dicir grego”, expresión coa que se refire a un dicir relevante, no sentido no que ten lugar na Grecia arcaica e clásica e da cal xurdirían os xéneros literarios e filosóficos. Da noción de dicir, contemplada en Grecia, derívase a dificultade hermenéutica da recepción moderna dos textos clásicos. O dicir da cousa mesma significa que o que fala e o que di non é aquel que emite enunciados ou pronuncia palabras (cuxo contido pretende significar ou designar obxectos da realidade), senón que o dicir, o logos, é a forma que temos os falantes de participar nese acontecer que consiste en que cada cousa sexa o que ela é e que cada cousa se mostre na súa irredutibilidade.
Así pois, do dicir da cousa dos gregos pásase ao enunciar dos modernos; isto é, do ser como mostrarse ou aparecer, pásase a concibir a verdade como a concordancia entre un enunciado e a cousa por el designada. O punto de partida grego é, pois, o ser como presenza, nun sentido de manifestarse ou aparecer a cousa (ou ente), sendo cada cousa o que ela mesma é e non deixándose reducir a nada. De dita tese xorde de Ser y diálogo: leer a Platón (1996), obra na cal o debate xira en torno a como tratar o texto platónico. Discutirase a consistencia da lectura en torno aos supostos de Platón, poñendo de manifesto, en primeiro lugar, o carácter relativamente secundario do enunciativo e da prosa doutrinal e, en segundo lugar, o peculiar lugar de Platón dentro desta tese. Por esta vía investígase en que sentido e de que modo o mesmo diálogo é o verdadeiro contido.
Importancia do cristianismo como mediador entre Grecia e a Modernidade Marzoa sitúa o cristianismo como mediador entre a Grecia clásica e a Modernidade. Pon de manifesto como, con Platón e Aristóteles, o “límite” se volve relevante á hora de tematizar un termo e definilo. Posteriormente, na época helenística, os límites vólvense “inesenciais", “ilimitados” e, como consecuencia, todo se volve inconsistente, polo que nese punto é necesaria a transcendencia. Debido a esta transcendencia e á inconsistencia dos límites, existe un único espazo de indiferencia, redutibilidade e uniformidade, é dicir, as diferencias entre as cousas redúcense á “unicidade”. Pese a todo, a necesidade da transcendencia na época helenística levou a diferentes vías para chegar a transcender, é dicir, diferentes relixións pagás.