Henrique III de Trastámara, chamado o Doente, nado en Burgos o 4 de outubro de 1379 e finado en Toledo o 25 de decembro de 1406, foi rei da Coroa de Castela.
Era fillo de Lionor de Aragón e Xoán I, ó que sucedeu como rei de Castela en 1390.
Traxectoria Antes de ser elevado ó trono ostentou o título de Príncipe de Asturias, sendo o primeiro en ostentar dito título. Asumiu o poder efectivo o 2 de agosto de 1393, con 13 anos, logo dun tumultuoso período de cambios na rexencia. Puido pacificar á nobreza e restaurar o poder real, apoiándose nos nobres de segunda fila e desprazando así ós seus parentes máis poderosos (como Afonso Henríquez e Lionor de Navarra). Derrogou privilexios antes concedidos ás Cortes, como a alcabala e o dereito a asistir ó Consello Real. Impulsou a figura dos corrixidores nas cidades, e saneou a economía do Reino. Reduciu as persecucións contra os xudeus, promulgando varios editos contra a violencia, que fora particularmente grave en 1391.
Durante o seu reinado a frota castelá obtivo varias vitorias contra os ingleses. En 1400 enviou unha frota de guerra que destruíu a base pirata de Tetuán, na África do Norte. En 1402 comezou a colonización das Illas Canarias, enviando ó explorador francés Jean de Béthencourt. Detivo unha invasión portuguesa iniciada en 1396 cun ataque a Badaxoz, consolidando finalmente a paz co acordo firmado con Xoán I de Portugal o 15 de agosto de 1402. Apoiou as pretensións pontificias de Bieito XIII e retomou a campaña contra Granada, atinxindo unha importante vitoria en Collejares, cerca de Úbeda (1406), aínda que non puido completala porque lle sobreveu a morte. Tamén enviou a dúas embaixadas ante Tamerlán, a primeira encabezada por Hernán Sánchez de Palazuelos e a segunda por Ruy González de Clavijo. Desta segunda quedou a relación da viaxe escrita na Embajada a Tamorlán. miniatura|300px|Henrique III de Castela corrixe aos señores casteláns, cadro de 1866 de Dionisio Fierros. En 1388, en virtude do tratado de Baiona, casou con Catarina de Lancaster, filla de Xoán de Gante, duque de Lancaster, e de Costanza de Castela, polo tanto descendente de Pedro I o Cruel. Isto permitiu culminar o conflito dinástico, afianzar a Casa de Trastámara, e establecer a paz entre Inglaterra e Castela. Desta unión naceron dous fillos:
María (1401 - 1458), esposa de Afonso V de Aragón; Xoán (1405 - 1454), que o sucedeu no trono como Xoán II.
Coa súa saúde afectada, nos seus últimos anos delegara parte do poder efectivo no seu irmán Fernando de Antequera, que sería rexente durante a minoría de idade de Xoán II.
Faleceu en Toledo cando preparaba unha campaña contra o reino de Granada. Foi soterrado na Capela de Reis Novos da catedral toledana.
Henrique Categoría:Casa de Trastámara Categoría:Príncipes de Asturias Categoría:Nados en 1379 Categoría:Finados en 1406 Categoría:Nados en Burgos