O Reino de Inglaterra foi un estado soberano e país insular, situado o noroeste dá Europa continental, que existiu desde a caída do Imperio Romano (927) e os seus asentamentos na Britania Romana ata a súa fusión co Reino de Escocia (1707) creando así o Reino de Gran Bretaña.
No seu cénit, o Reino de Inglaterra formábano as dúas terceiras partes do sur da illa de Gran Bretaña (incluíndo País de Gales) e varias illas pequenas periféricas, que é hoxe a unidade legal de Inglaterra e País de Gales. Inglaterra como un estado de nación comezou entre o século IX ou o século X, pero amplamente remonta as súas orixes á invasión anglosaxoa de Gran Bretaña e a Heptarquía anglosaxoa dos pequenos estados que a seguiron e en última instancia unificaron. A invasión normanda do País de Gales de 1067-1283 (formalizado co Estatuto de Rhuddlan en 1284) puxo ao País de Gales baixo o control de Inglaterra, e baixo as normas de administración inglesas, cos actos das leis de Gales (Laws in Wales Acts) de 1535-1542.
O Reino de Inglaterra continuou como un estado independente até o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino de Gran Bretaña.Acts of Union 1707 parliament.uk, accessed 27 de xaneiro de 2011Making the Act of Union 1707 scottish.parliament.uk, accessed 27 de xaneiro de 2011
Historia Unificación e consolidación do reino Tras as invasións viquingas do século IX, Inglaterra logrou unha recuperación relativamente rápida. Ao mando dos anglosaxóns, Alfredo o Grande, rei de Wessex (871-899), venceu aos daneses e chegou a controlar todo o sur de Inglaterra, entre Wessex e Danelaw. Transformou o exército, a xustiza e a educación; creou unha frota, fortificou cidades e fundou grandes escolas para os fillos dos nobres e dos homes libres e ricos. As súas reformas sentaron as bases, que permitiron aos seus sucesores recuperar Mercia e Northumbria, que aínda permanecían baixo dominio danés. Así a 30 anos da morte de Alfredo, as zonas do leste e o norte de Inglaterra, tomadas con tanta ferocidade polos daneses nos anos 860 volveron novamente ao dominio anglosaxón, permitindo ao rei Aethelstan (924-939) impor a súa autoridade sobre toda Inglaterra.
Durante un longo intervalo de paz, púidose reorganizar a cultura monástica, desmantelada polos daneses; e produciuse un gradual desenvolvemento das tradicións carolinxias. A actividade misioneira propagou o Cristianismo, chegando os misioneiros ingleses a predicar na mesma Dinamarca, onde se fundaron os bispados de Ripen e Aarhus no 948. Desta forma cando unha segunda onda de invasións viquingas comezou no século X, estábase fronte a un caso de cristiáns que loitaban contra cristiáns.
A paz viuse interrompida outra vez, a principios do século XI. Aproveitando a crise política que vivía Inglaterra por entón e os erros de Etelredo II os daneses invadiron novamente o país, e os anglosaxóns víronse forzados a recoñecer como rei ao monarca danés Sven Forkbeard en 1014. O goberno do fillo deste, Canuto (1016-1035), fortaleceu o reino anglosaxón no canto de debilitalo, foi un gobernante piadoso, xeneroso coa igrexa e conciliador entre ingleses e daneses. Grazas á obra de Canuto, chamado o Grande, Inglaterra foi o país máis ordenado e civilizado de Europa occidental durante a primeira metade do século XI. O goberno real funcionou mediante unha burocracia incipiente e o exército profesional permanente deulle máis seguridade que nunca.
Tras a morte de Canuto e os seus sucesores, Inglaterra entra en crises e a coroa volve en 1042 á dinastía saxoa na persoa de Eduardo o Confesor (1042-1066). Nesta etapa Inglaterra experimenta un debilitamento fronte aos perigos exteriores, e a aristocracia anglosaxoa adquire un gran poder, asumindo a tarefa de defender o reino.
Morto Eduardo sen herdeiros, en 1066, queda aberta a loita polo trono inglés entre Haroldo, xefe da nobreza saxoa, e Guillerme, duque de Normandía. A disputa decídese en Hastings a favor dos normandos, quen cara a 1070 conseguen controlar a totalidade de Inglaterra.
Coa conquista normanda supón para Inglaterra profundas transformacións nas súas estruturas básicas. A vella caste dirixente anglosaxoa foi, en boa medida, substituída por unha nova nobreza baseada no elemento normando vencedor. Introduciuse un sistema feudal que reservaba grandes cotas de poder á Coroa, establecéronse representantes reais (Shériff) en cada condado; e a igrexa foi reformada, a partir de 1070, baixo a condución do arcebispo de Canterbury, Lanfranc, para adecuala ao novo modelo.
Con todo, aínda dentro desta estrutura centralizada, que buscaba salvagardar a autoridade real, Guillerme e os seus sucesores deberon ceder considerables cotas de poder. Reforzáronse os poderes da igrexa para asegurar o apoio do Papado fronte a outros aspirantes ao trono; e a nobreza feudal obtivo o recoñecemento dalgunhas liberdades e privilexios a cambio da súa lealdade. Estas concesións aínda que se volveron contra a pretendida política centralizadora e absolutista da Coroa, permitiron consolidar a nova orde normanda en Inglaterra e garantiron a paz ata a morte de Henrique I en 1135.
Ao morrer Henrique sen herdeiro varón, o seu sobriño Estevo de Blois logra ser recoñecido como rei. O seu reinado (1135-1154) será un período de anarquía xeral marcado pola súa loita coa filla de Henrique I, Matilde, que lle disputaba o trono. Finalmente as partes acordan que á morte de Estevo este será sucedido por Henrique Plantagenet, fillo de Matilde e herdeiro da Casa de Anjou.
O ascenso ao trono de Henrique II en 1154, como se acordou, devolven a paz e a orde internos a Inglaterra, e fana mirar aínda máis cara a Francia. Agora a monarquía inglesa, une á súa posesión francesa de Normandía os territorios da Casa de Anjou, que inclúen Anjou orixinal, Maine e Touraine, dos que Henrique II é herdeiro. A estes dominios uníronse o poderoso ducado de Aquitania polo matrimonio do rei con Aliénor, a súa herdeira, en 1152, e Irlanda, conquistada en 1172. Estas enormes posesións territoriais víronse reforzadas coa creación dunha rede de alianzas e vasalaxe na que entraron Flandres (1163), Escocia (1173), Bretaña (1185) e Gales, o que permitiu a Inglaterra fortalecer a súa posición fronte o seu máis encarnizado rival: a Francia dos Capeto.
No plano interno Henrique II reformou a administración e a xustiza, co fin de robustecer o poder real. Pero as súas políticas centralizadoras provocáronlle constantes friccións coa nobreza feudal e enfrontáronlle á Igrexa entre 1164 e 1170, que, dirixida por Tomás Becket, rexeitou someterse á autoridade real, logrando conservar boa parte dos seus privilexios.
Guerra dos Cen Anos (1337-1453)
O 1 de febreiro de 1328 morreu Carlos IV de Francia sen deixar descendencia. Eduardo III tiña dereitos por ser sobriño de Carlos, pero os nobres franceses preferiron a Filipe de Valois, quen reinou co nome de Filipe VI de Francia.
Entre 1331-1334, no marco da guerra civil escocesa, Eduardo III apoiou a Eduardo Balliol, coroado en 1334. David II de Escocia, rival de Balliol, tras a derrota buscou refuxio en Francia e rendeu homenaxe a Filipe VI.
miniatura|Ilustración de Jean Froissart sobre a batalla de Sluys En 1337, Filipe VI confiscou o ducado de Güiena. Isto acabou por desencadear a guerra aberta entre Inglaterra e Francia que se chamaría Guerra dos Cen Anos. As primeiras vitorias foron para os ingleses, superiores militarmente: En 1340, na batalla naval de Sluys. En 1346 en Crécy e en 1347 en Calais. Esta cidade permanecerá en poder dos ingleses ata 1558.
En 1341 David II regresou a Escocia. Os ingleses derrotárono na batalla de Neville’s Cross en outubro de 1346 e mantivérono prisioneiro once anos. A paz estableceuse mediante o Tratado de Berwick.
En xullo de 1348 Inglaterra padeceu a peste negra.
O fillo de Eduardo III, Eduardo de Woodstock, pero que a Historia coñece polo Príncipe Negro, arrasou Armañac en 1355. Foi ata o Mediterráneo e volveu arrasando todo canto atopou no seu paso. En 1356 obtivo unha gran vitoria ante os franceses en Poitiers, facendo prisioneiro a Xoán II de Francia. Prisioneiro o monarca, os franceses víronse obrigados a asinar a paz de Bretigny (1360), pola que Eduardo III renunciaba ao trono de Francia a cambio dunha gran Aquitania entre o Loira, os Pireneos e o Macizo Central, ata Rodez, así como Calais e os seus arredores. Prometeuse un rescate de tres millóns de escudos a cambio da liberdade do rei Xoán.
Os ingleses apoiaron ao rei de Castela, Pedro o Cruel, na loita contra o seu irmán Henrique de Trastámara. En 1367, o Príncipe Negro venceu en Nájera. En 1369, Pedro foi asasinado polo seu irmán. A herdeira de Pedro era a súa filla Constanza que casou con Xoán de Gante, duque de Lancaster, fillo de Eduardo III.
En 1369 os franceses volveron fustrigar Aquitania.
En 1372 a armada de Castela (aliada de Francia) derrota contundentemente nas súas augas á inglesa na chamada batalla da Rochelle, facilitando así a posterior conquista franco-castelá da praza.
En 1375 asinouse unha tregua de dous anos en Bruxas. Inglaterra mantiña soamente Calais e unha estreita franxa desde Bordeos a Baiona.
O Príncipe Negro morreu en 1376. Desde 1369 estaba enfermo e desde 1371 retirado. Eduardo III morreu en 1377, afectado dunha senilidade que non lle permitiu controlar a Corte e as intrigas da súa amante Alice Perrers.
Subiu ao trono Ricardo II de Inglaterra (1377-1399), fillo do Príncipe Negro, aos dez anos de idade. En 1381 instituíuse un imposto para defenderse dunha potencial invasión francesa. Isto causou unha revolta dos campesiños da zona máis rica de Inglaterra. Ricardo enfrontouse con valentía, o 14 de xuño acudiu coa Corte a Mile End, onde aboliu a servidume. Os rebeldes foron derrotados o 28 de xuño en Billericay. John Ball e outros líderes foron condenados á morte. A partir de 1381, Ricardo elixiu os seus propios conselleiros. Amaba a literatura, era autoritario e veleidoso e granxeouse a inimizade dos nobres.
En 1387 os condes de Arundel, Warwick, Derby e Nottingham acusaron de traizón a algúns favoritos do rei. Henrique Bolingbroke, conde de Derby, era primo de Ricardo, fillo de Xoán de Gante. En 1388 Ricardo II viuse obrigado a aceptar as demandas coñecidas como Merciless Parliament. Os partidarios de Ricardo II foron executados ou exiliados.
En 1396, Ricardo II asinou unha tregua con Francia.
Entre 1397-1398, Ricardo ordenou a execución de Arundel e exiliou a Warwick, Bolingbroke e Nottingham. En 1399 morreu Xoán de Gante, duque de Lancaster, inmensamente rico: Ricardo II exiliou a Bolingbroke, fillo e herdeiro de Xoán, para sempre e repartiu as súas propiedades. Ricardo foi a Irlanda para sufocar unha rebelión, o que aproveitou Bolingbroke para organizarse. Á volta, Ricardo foi apresado. O Parlamento coroou a Bolingbroke, co nome de Henrique IV (1399-1413), dando principio aos monarcas da casa de Lancaster.
En 1400 Henrique IV ordenou a morte de Ricardo. Ata 1408, tivo que facer fronte a varias revoltas dos nobres, executando a Tomás Percy, conde de Worcester, e Scrope, arcebispo de York. O conde de Northumberland, Henrique Percy, terminou a súa revolta asasinado en Bramham Moor en 1408.
En 1400 os rebeldes galeses proclamaron príncipe de Gales a Owain Glyndŵr, quen entre 1403-1405 arrasou varias cidades fieis a Inglaterra, pero a súa marcha sobre Worcester fracasou e en 1407 os ingleses recuperaron os castelos perdidos e Owain fuxiu.
En 1407, ingleses e franceses asinaron unha nova tregua.
miniatura|200px|Xoana de Arco (óleo de Eugéne Thirion)