Alicia do Reino Unido, nada en Londres o 25 de abril de 1843 e finada en Darmstadt o 14 de decembro de 1878, foi unha nobre británica, membro da familia real. Era a terceira filla da raíña Vitoria do Reino Unido. Así mesmo, foi esposa de Lois IV de Hesse-Darmstadt e converteuse por matrimonio na gran duquesa de Hesse-Darmstadt.

A educación de Alicia foi supervisada por Christian Friedrich Freiherr von Stockmar, amigo próximo do príncipe Alberte. Do mesmo xeito que os seus irmáns, Alicia pasou a infancia viaxando coa súa familia polas diferentes residencias reais británicas. En 1861, cando o príncipe Alberte enfermou de febre tifoide, Alicia coidouno durante toda a súa doenza ata a súa morte o 14 de decembro dese mesmo ano. Trala morte do seu marido, a raíña Vitoria caeu nun período de loito profundo e Alicia pasou a ser a secretaria non oficial da súa nai durante os seis meses de duelo. Cando a corte aínda estaba inmersa no loito, Alicia casou, o 1 de xullo de 1862, con Lois IV, gran duque de Hesse, un príncipe alemán menor, herdeiro do gran ducado de Hesse. A raíña dixo que a cerimonia, celebrada de forma privada e sen grandes luxos no castelo de Osborne, parecía «máis un funeral que unha voda». Debido ás dificultades económicas, ás frecuentes traxedias familiares e á mala relación entre o marido e a nai, a vida da princesa en Darmstadt foi moi triste.

Alicia foi unha prolífica mecenas das causas das mulleres –principalmente das enfermeiras– e era admiradora de Florence Nightingale. Cando Hesse entrou na Guerra austro-prusiana e Darmstadt se encheu de feridos, Alicia, embarazada da súa filla Irene, dedicou gran parte do seu tempo a organizar os hospitais de campaña. Unha das súas organizacións, a Corporación de Mulleres da Princesa Alicia, estendeuse a nivel nacional e pasou a encargarse de todos os hospitais militares de Darmstadt. Tamén se fixo grande amiga de David Friedrich Strauss, un teólogo que lle ofreceu unha base intelectual para a súa fe máis aló do tradicional sentimentalismo relixioso da época vitoriana. En 1877 Alicia converteuse en gran duquesa de Hesse trala subida do seu marido ao trono, e os seus deberes empezaron a afectarlle cada vez máis á saúde. Ao ano seguinte fixo a súa última viaxe a Inglaterra, pasando unhas vacacións pagas pola raíña en Eastbourne. Nos últimos meses de 1878 a corte de Hesse sufriu unha epidemia de difteria e Alicia coidou de toda a súa familia durante máis dun mes antes de enfermar. Morreu 17 anos despois que o seu pai, con só 35 anos, o 14 de decembro de 1878, no novo palacio de Darmstadt.

A princesa Alicia foi a nai da tsarina Alexandra Feodorovna Romanova, así como bisavoa de Filipe de Edimburgo, marido da actual raíña Isabel II do Reino Unido.

Primeiros anos Nacemento Alicia Matilde María (Alice Maud Mary) naceu o 25 de abril de 1843 no palacio de Buckingham (Londres). Foi a terceira filla (a segunda muller) nada da unión da raíña Vitoria do Reino Unido e o seu marido, o príncipe Alberte. O nome de Alicia foille dado en honra ao primeiro ministro da raíña, Lord Melbourne, quen era un grande admirador da soberana e que confesou nunha ocasión que Alicia era o seu nome de muller favorito. Matilde foi elixido en honor a unha das madriñas de Alicia, a princesa Sofía Matilde de Gloucester, sobriña de Xurxo III, e María elixiuse porque Alicia naceu o mesmo día que a súa tía avoa, a princesa María.Princess Christian, p. 13

Alicia foi bautizada na capela do palacio de Buckingham polo arcebispo de Canterbury, William Howel, o 3 de xuño de 1843. A noticia de que era pícara foi recibida cunha mestura de sentimentos por parte do pobo, e o Consello Privado enviou unha mensaxe a Alberte dándolle os parabéns polo nacemento da súa segunda filla. Os padriños escollidos pola raíña Vitoria foron Ernesto Augusto I de Hannover, Feodora de Leiningen, Ernesto II de Saxonia-Coburgo e Gotha e Sofía Matilde de Gloucester.

Infancia miniatura|esquerda|Alicia (1ª esquerda) coas súas irmás: Vitoria, Luísa e Helena. O nacemento de Alicia fixo que os seus pais empezasen a buscar unha casa máis grande para a familia. O palacio de Buckingham non tiña os apousentos privados que a familia necesitaba nin os cuartos para os nenos nas condicións necesarias. Por iso, en 1844, Vitoria e Alberto compraron o castelo de Osborne na illa de Wight para as vacacións familiares.

Alicia foi educada polo seu pai e por Christian Friedrich Freiherr von Stockmar. En Osborne, Alicia e os seus irmáns aprenderon a realizar tarefas prácticas concernentes ao traballo doméstico, á cociña, á xardinería e á carpintería. Vitoria e Alberte promoveron unha monarquía cuxa base eran os valores familiares, polo que Alicia e os seus irmáns usaban roupa de clase media todos os días, durmían en cuartos modestamente amoblados e con pouca calefacción. Alicia estaba fascinada polo mundo de fóra da Casa Real e cando estaba no castelo de Balmoral, onde parecía ser máis feliz, adoitaba visitar as persoas que vivían e traballaban na súa propiedade. Unha vez, de feito, escapou da súa gobernanta na capela do castelo de Windsor e sentou nun banco público para poder comprender mellor as persoas que non seguían o protocolo real. En 1854, durante a guerra de Crimea, Alicia, con só 11 anos, visitou os hospitais de Londres para ver os soldados feridos xunto á súa nai e á súa irmá máis vella. Era máis sensible có resto dos seus irmáns e máis empática coa tristeza das persoas. Estas características da súa personalidade contrarrestaban cunha lingua afiada e un temperamento que se alteraba con facilidade.

Desde a súa infancia, Alicia tiña unha relación próxima co seu irmán Eduardo (príncipe de Gales) e, sobre todo, coa súa irmá Vitoria. Malia esa relación tan próxima coa súa irmá, enfadouse con ela cando esta casou co príncipe Frederico de Prusia en 1858. A partir de aí, empezou a sentirse máis unida ao príncipe de Gales.

A cariñosa da familia A compaixón de Alicia cara ao sufrimento dos outros fixo que se convertese nunha figura popular. A súa avoa Vitoria, a nai da raíña Vitoria, faleceu en Frogmore House o 16 de marzo de 1861. Alicia pasou moito tempo á súa beira; ía tocar o piano na sala de visitas da súa casa e coidou dela nas últimas fases da súa enfermidade. A raíña sentiuse moi triste trala morte da súa nai e descargou boa parte da súa dor con Alicia, a quen o seu pai, Alberte, pediu que a consolase. Vitoria escribiulle ao seu tío Leopoldo, o rei de Bélxica, que: «Alicia foi moi cariñosa e afectuosa comigo e preocupouse moito por min».

Algúns meses despois, o 14 de decembro de 1861, Alberte morreu no castelo de Windsor. Nos seus últimos días, Alicia mantívose ao seu lado e avisou o príncipe de Gales por telegrama do empeoramento no estado do seu pai sen que o soubese a raíña, xa que a acusaba de ser a causa da enfermidade de Alberte. A raíña quedou apesarada trala morte do seu marido e a corte entrou nun período de loito profundo.St Aubyn, p. 343 Alicia converteuse na secretaria non oficial da súa nai, pois por ela pasaban os papeis oficiais da raíña antes de que chegasen aos ministros do goberno. Para realizar esta tarefa tivo a axuda da súa irmá máis nova, Luísa, pois aínda que nun primeiro momento escolleu a súa irmá Helena, o feito de que non puidese cumprir as súas obrigas sen chorar provocou que fose apartada deste traballo.

Matrimonio Pretendentes miniatura|dereita|Pedro V de Portugal foi un dos pretendentes de Alicia. Os plans de matrimonio para Alicia foron iniciados pola súa nai en 1860. A raíña dixera que quería ver os seus fillos casar por amor, aínda que iso non significaba que puidesen escoller alguén de fóra dos círculos das casas reais europeas. A cuestión de elevar un súbdito británico a membro da realeza, por moi alto que fose o título que ostentase, provocaba problemas políticos e, ademais, faría que se perdese unha oportunidade para formar unha alianza política cun país estranxeiro. A raíña pediulle á súa filla Vitoria, que casara recentemente co herdeiro ao trono alemán, que lle escribise unha lista cos príncipes dispoñibles en Europa. Na súa procura atopou só dous candidatos: Guillerme de Orange e o príncipe Alberte de Prusia. Guillerme foi descartado en canto se soubo que estaba namorado dunha arquiduquesa católica e que non mostraba ningún interese por Alicia, malia a presión da súa nai, a raíña Sofía dos Países Baixos, que era probritánica. Aínda así, viaxou ata o castelo de Windsor para que a raíña Vitoria puidese velo persoalmente, pero a Alicia non lle gustou. O príncipe Alberto tamén foi descartado logo de afirmar que Alicia non era o suficientemente boa para «alguén que merece o mellor do mellor». A raíña Vitoria era profundamente anticatólica e non elixiu o seu primo, o rei Pedro V de Portugal, só polas súas crenzas relixiosas.

Cos dous candidatos principais fóra de xogo, a princesa Vitoria fixouse no príncipe Lois de Hesse, un membro da realeza menor alemá, sobriño do gran duque Lois III de Hesse-Darmstadt. Vitoria foi ata a corte de Hesse para suxerir a irmá de Lois, Ana, como posible candidata para o matrimonio do seu irmán Eduardo, o príncipe de Gales. Malia non quedar moi impresionada con ela, si quedou con boa impresión dos seus irmáns Lois e Henrique. Ambos os dous foron invitados a visitar o castelo de Windsor en 1860 para que puidesen asistir ás carreiras de cabalos de Ascot coa familia, pero en realidade a visita era unha oportunidade para que a raíña puidese inspeccionar o seu xenro en potencia. Á raíña gustáronlle ambos os dous, pero deuse conta de que Lois e Alicia se caeran ben. Cando a familia se preparaba para marchar, Lois pediu unha fotografía de Alicia e ela deixoulle claro que se sentía atraída por el.

Compromiso e voda miniatura|esquerda|Alicia co seu marido Lois de Hesse en 1860. Alicia comprometeuse con Lois de Hesse o 30 de abril de 1861, tras obter o consentimento da raíña.London Gazette: no. 22507, p. 1889, 3 de maio de 1861 A soberana conseguiu que o primeiro ministro Lord Palmerston levase ao parlamento unha proposta para crear un dote de 30 000 libras esterlinas para Alicia. Malia que a contía era bastante xenerosa para a época, o príncipe Alberto afirmou que «non se podía facer gran cousa con ela» no pequeno gran ducado, principalmente comparado cos bens que recibiu a súa irmá Vitoria como futura raíña de Prusia e emperatriz de Alemaña. Ademais, a futura residencia da parella en Darmstadt, o gran palacio ducal, non era moi ostentosa. Malia que a raíña Vitoria esperaba que se construíse un novo palacio, a poboación de Darmstadt non quería realizar tal gasto e a controversia causou moito resentimento, o que fixo que Alicia fose moi impopular ata antes de instalarse na súa nova casa.