O RMS Carpathia (Royal Mail Steamship Carpathia) foi un transatlántico británico da compañía navieira Cunard Line que foi construído nos estaleiros de Swan Hunter & Wigham Richardson. A súa construción foi iniciada en setembro de 1901, foi botado ao mar en agosto de 1902 e realizou a súa viaxe inaugural en maio de 1903. O Carpathia foi deseñado para transportar inmigrantes do leste europeo e persoas de clase media, ofrecendo un confort maior que o doutros buques da época. En 1905 foi engadida unha primeira clase e aumentáronse as instalacións da terceira clase.
Despois de nove anos en servizo sen ningún incidente destacado, o Carpathia recibiu as chamadas de socorro do Titanic na madrugada do 15 de abril de 1912 mentres realizaba a súa rutineira travesía dende Nova York cara a Fiume (Austria-Hungría) —na actualidade Rijeka (Croacia)—. O capitán Arthur Rostron cambiou o rumbo do barco para ir ao rescate do Titanic, preparou a toda a súa tripulación e conseguiu facer que o buque lograse o seu propio récord de velocidade. O Carpathia rescatou 712 sobreviventesLos 10 sobrevivientes del Titanic y sus historias. www.lifeder.com. Consultado o 6 de xaneiro de 2021. ao amencer e regresou a Nova York o 18 de abril. A prensa da época e varios pasaxeiros do Titanic consideraron heroes ao capitán Rostron e a súa tripulación.
O Carpathia continuou o seu servizo comercial durante a primeira guerra mundial, actuando tamén como buque de transporte de tropas. Durante a guerra, o 17 de xullo de 1918 foi torpedeado polo submarino alemán SM U-55 e afundiuse, morrendo cinco persoas no naufraxio. Os restos do Carpathia foron achados no 2000 polo explorador Clive Cussler e a súa compañía, a National Underwater and Marine Agency (NUMA).
Historia Construción e características O Carpathia (cuxo nome provén dos Montes Cárpatos) foi construído polos estaleiros Swan Hunter & Wigham Richardson, en Wallsend (Tyne e Wear, Inglaterra, Reino Unido). O Carpathia foi o terceiro e derradeiro buque dunha serie de tres transatlánticos; os seus irmáns xemelgos eran o SS Ivernia e o RMS Saxonia. A construción do Carpathia comezou o 10 de setembro de 1901.Carpathia (1903). MaritimeQuest. Consultado o 12 de decembro de 2022. Durante a súa construción, o seu casco foi pintado de cor cinsenta clara para que saíse con maior nitidez nas fotografías. O Carpathia foi botado ao mar o 6 de agosto de 1902, sendo despois remolcado a un dique seco para o seu acondicionamento, durante os seguintes oito meses. Unha vez rematada a súa construción, o buque realizou as súas probas de mar entre o 22 e o 25 de abril de 1903.thumb|left|O casco do Carpathia, pintado de cor cinsenta clara, agarda no estaleiro para a súa botadura.|230x230px O Carpathia non foi concibido como un transatlántico de luxo, senón para transportar principalmente pasaxeiros de segunda e terceira clase, as cales proporcionaban un confort considerábel nesa época. Os pasaxeiros da segunda clase tiñan acceso a unha biblioteca, unha sala de fumadores e un comedor; instalacións coas que tamén contaba a terceira clase, exceptuando a biblioteca. Unha pequena área para pasaxeiros de primeira clase foi engadida posteriormente en 1905, sendo tamén aumentadas considerabelmente as instalacións da terceira clase.
A súa capacidade orixinal era de 1704 pasaxeiros, porén tras as reformas efectuadas en 1905 a súa capacidade aumentou até os 2550 pasaxeiros. Como posterior barco de transporte de tropas durante a primeira guerra mundial, foi adaptado para transportar até tres mil homes e mil toneladas de abastecementos, ou mil homes con cabalos.Cunard Line: Carpathia. Encyclopedia Titanica (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2022. A embarcación tamén tiña unha pequena orquestra, da cal dous dos seus músicos, Theodore Brailey e Robert Bricoux, posteriormente integraríanse á orquestra do Titanic. O Carpathia tiña 170 metros de eslora, 19 metros de manga, unha tonelaxe de 13 555 toneladas, e era propulsado por dúas hélices de tres pas movidas por dúas máquinas de vapor de oito cilindros e cuádrupla expansión que lle permitían acadar unha velocidade media de 14 nós (26 km/h). Porén, na noite do naufraxio do Titanic, o buque logrou acadar unha velocidade máxima de 17,5 nós (32,4 km/h).
Primeiros anos en servizo O Carpathia fixo a súa viaxe inaugural o 5 de maio de 1903, partindo dende Liverpool (Reino Unido) rumbo a Boston (Estados Unidos), facendo escala en Queenstown (Irlanda); a viaxe, porén, viuse atrasada por mor dunha folga durante o período final da súa construción. Despois diso, o barco serviu na ruta Nova York-Liverpool durante o verán, e na ruta Nova York-Fiume (Austria-Hungría) e despois até Trieste (Italia) na época de inverno. O Carpathia serviu á Cunard Line durante os seus primeiros nove anos de carreira de maneira tranquila e eficiente, sen involucrarse en ningún incidente digno de destacar. Dende a súa botadura, o buque recibiu pouca atención por parte da prensa, estando á sombra dos grandes transatlánticos da época como os Catro Grandes, a Clase Kaiser, o RMS Oceanic, o RMS Lusitania, o RMS Mauretania, e a Clase Olympic.
Intervención na traxedia do Titanic miniatura|esquerda|200px|O capitán Rostron e Molly Brown tras a traxedia do Titanic. miniatura|dereita|200px|Rescate do bote nº 12 do Titanic. O Carpathia deixou Nova York o 11 de abril de 1912 con destino a Fiume (Austria-Hungría), ao mando do capitán Arthur Rostron (que asumira o mando do barco o 18 de xaneiro"RMS Carpathia" (en inglés). www.sorbie.net. Consultado o 31 de maio de 2016.); a bordo viaxaban apenas 743 pasaxeiros, coa súa segunda e terceira clases estando medio baleiras, xa que había só 50 pasaxeiros en segunda clase e 565 en terceira. Entre os pasaxeiros estaban o pintor Colin Campbell Cooper,Wall, Pamela; Arnold, Sara (11th Anniversary, 2011). "Outside Perspectives: Visiting Artists in Charleston" (en inglés). Antiques & Fine Art, p. 305. Consultado o 10 de agosto de 2011. o xornalista Lewis P. Skidmore, o fotógrafo Dr. Francis H. Blackmarr e Charles H. Marshall.
Aproximadamente ás 0:26 a. m. do 15 de abril, recibiuse a angustiosa chamada de auxilio (CQD) do RMS Titanic na sala de telégrafo do Carpathia, a cargo do operador de radio Harold Cottam (que aínda estaba de servizo e preparábase para ir durmir). Cottam informou ao primeiro oficial e ambos foron a espertar ao capitán Rostron no seu camarote para darlle a noticia. Rostron, que estaba a unhas 58 millas (93 km) ao sur da posición radiada, cambiou de rumbo, ordenou máxima velocidade á sala de máquinas (convocando a todos os fogueiros para traballar) e preparou a toda a tripulación para o rescate. Tamén ordenou apagar a calefacción do barco para que as máquinas utilizasen todo o vapor dispoñíbel, e o transatlántico logrou acadar unha velocidade de 17,5 nós (32,4 km/h) durante o seu traxecto en dirección ao Titanic, máis de tres nós por enriba da súa velocidade habitual; pero mesmo así, o buque tardou catro horas en chegar ao lugar do naufraxio.
Após atravesar perigosos campos de xeo, o Carpathia logrou chegar case dúas horas despois do afundimento (aproximadamente ás 4 da mañá). Cando o Carpathia chegou ao lugar, avistou o primeiro bote salvavidas ás 4:00 a. m.; este era o bote n.º 2, que foi rescatado dez minutos despois. O primeiro sobrevivente que embarcou no Carpathia foi o cuarto oficial Joseph Boxhall, quen anunciou oficialmente a Rostron a perda do Titanic. O rescate continuou durante as catro horas seguintes, con trece botes recuperados e pouco máis de setecentas persoas; o derradeiro sobrevivente en embarcar foi o segundo oficial Charles Lightoller.
Tras o rescate, Rostron logo percibiu que o Carpathia non estaba en condicións de continuar a súa viaxe cara a Europa cos sobreviventes a bordo, decidindo entón regresar a Nova York. No seu traxecto, o Carpathia entrou en contacto con outros barcos que estaban na área, incluíndo o RMS Olympic, buque xemelgo do Titanic. Durante a viaxe de regreso o capitán Rostron rexeitou a proposta do capitán do Olympic, Herbert Haddock, de transferir aos sobreviventes ao seu barco, xa que o naufraxio era aínda recente e os sobreviventes aínda se atopaban traumatizados cos feitos que acababan de vivir, e que lles provocaría maior angustia o feito de pedirlles embarcar a bordo dun barco practicamente idéntico ao que viron naufragar, pois temerían que a mesma situación volvese repetirse. A bordo do Carpathia, Harold Cottam foi axudado polo operador sobrevivente do Titanic, Harold Bride, no seu traballo de enviar mensaxes persoais e a lista de nomes dos sobreviventes. O Carpathia chegou a Nova York o 18 de abril, sendo recibido por milleiros de persoas.
Polo seu labor de rescate, a tripulación do Carpathia foi condecorada polos sobreviventes: os membros da tripulación foron condecorados con medallas de bronce, os oficiais con medallas de prata e o capitán Rostron cunha medalla de ouro e unha copa de prata, que lle entregou Margaret Brown.Medal awarded to the Titanic's rescuer, RMS Carpathia, sells for £6,000 (en inglés). www.justcollecting.com. Consultado o 28 de maio de 2016. Posteriormente, Rostron foi hóspede do presidente William Howard Taft na Casa Branca e foi obsequiado cunha medalla de ouro do Congreso, a honra máis alta que lle podía atribuír o Congreso dos Estados Unidos. Anos despois, cando se lle preguntou como o Carpathia conseguiu atravesar un campo de xeo a unha velocidade moi por enriba da que fora orixinalmente planeada na súa construción, Rostron respondeu dicindo que «Outra man diferente da miña estaba ao temón aquela noite».
O afundimento do Carpathia thumb|261x261px|O Carpathia afundíndose o 17 de xullo de 1918, após ser torpedeado polo submarino alemán SM U-55. O Carpathia continuou o seu servizo comercial durante a primeira guerra mundial entre Liverpool, Boston e Nova York, realizando tamén viaxes de transporte de tropas dende América do Norte a Europa.«Le R.M.S. Carpathia ou le "bateau des veuves"» . Le Site du Titanic (en francés). Consultado o 12 de decembro de 2022. Frecuentemente viaxaba en convois con varios buques, escapando en moitas ocasións de situacións perigosas e ataques de submarinos U-Boot alemáns.
O Carpathia deixou Liverpool o 15 de xullo de 1918 nun convoi. As embarcacións dividíronse dous días despois, o 17 de xullo, e o Carpathia liderou un grupo de sete buques. Naquel mesmo día foi avistado polo submarino alemán SM U-55, que estaba a navegar preto da costa de Irlanda. O U-55 disparou dous torpedos contra a embarcación; o primeiro acertou entre o almacén de carga n.º 4 e o almacén de carbón, e o segundo alcanzou a sala de máquinas matando a cinco persoas e ferindo seriamente a outras dúas. Ademais, as explosións destruíron os sistemas eléctricos e de radio, e dous botes salvavidas.
O capitán William Prothero ordenou unha evacuación inmediata, sinalizou con bandeiras a súa situación para que os outros barcos fuxisen e lanzou fogos artificiais co fin de chamar aos barcos de patrulla. O Carpathia comezou a afundirse pola proa. Once botes salvavidas foron arriados con todos os pasaxeiros e tripulantes a bordo, con excepción dos oficiais sénior e os artilleiros, que ficaron atrás destruíndo documentos importantes. Prothero chamou a un bote para que se achegase despois de completar as súas tarefas e as persoas restantes tamén se salvaron.
Unha hora despois, o U-55 foi avistado novamente e disparou un terceiro torpedo, acertando ao compartimento n.º 5. O Carpathia afundiuse totalmente dez minutos despois, dúas horas e trinta minutos despois do primeiro impacto. O submarino foi avistado unha vez máis quince minutos despois, esta vez indo en dirección aos botes, porén o HMS Snowdrop chegou e escorrentou ao submarino, rescatando aos sobreviventes. Das 280 persoas que estaban a bordo, sobreviviron 275.
Procuras e traballos de salvamento