Julio Álvarez del Vayo y Olloqui, nado en Villaviciosa de Odón o 9 de febreiro de 1891Elorza 1975, p. 12Rodríguez Gutiérrez 2004, p. 292 e finado en Xenebra o 3 de maio de 1975, foi un xurista, xornalista, diplomático e político español.

Traxectoria Licenciado en Dereito pola Universidade de Madrid, doutorouse na Universidade de Valladolid e ampliou os seus estudos na London School of Economics e despois na Universidade de Leipzig. Durante este tempo, en Londres, afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español e opúxose á colaboración do mesmo coa ditadura de Primo de Rivera.

Antes de iniciar a súa carreira política estivo de correspondente para varios diarios -entre eles La Nación da Arxentina, Le Figaro de París, El Liberal e El Sol de España e The Guardian do Reino Unido- nos Estados Unidos e Europa, cubrindo a primeira guerra mundial. Tamén viaxou á Unión Soviética, cuxos recordos puxo por escrito en La nueva Rusia e La senda roja.

Ao proclamarse a Segunda República, primeiro serviu como embaixador en México (1931-1933)Elorza 1975, p. 13 recibindo a Banda da Orde da República (11 de xaneiro de 1933) como recoñecemento ao labor realizado.Rodríguez Gutiérrez 2004, p. 293 Ese mesmo ano, foi elixido deputado ao Congreso, cargo que revalidou nas eleccións xerais de 1936.

Guerra civil Ao estourar a guerra civil, foi elixido por dúas ocasións Ministro de Estado: de setembro de 1936 a maio de 1937, substituíndo a Augusto Barcia Trelles, e ao final da guerra, de abril de 1938 a marzo de 1939. No seu labor como Ministro tratou de evitar o boicot cara ao goberno da República facendo ver que a Alemaña nazi e a Italia fascista non respectaban os acordos da Sociedade de Nacións.Jorge (2016) Tratou igualmente de convencer a Neville Chamberlain das consecuencias que tería o Comité de Non Intervención e negociou con Stalin o envío de subministracións bélicas na guerra. Favoreceu tamén a creación das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU). Tralo primeiro nomeamento como Ministro de Estado, en outubro de 1936, foi nomeado Comisionado Xeral de Guerra, cargo no que o seu papel foi moi discutido pois nomeou a centos de comisionados comunistas, aparentemente, sen a autorización de Largo Caballero. Posteriormente, anulou os nomeamentos mais a relación con Largo Caballero deteriorouse até o punto de que, este, nas súas memorias, o acusou de axente comunista.Largo Caballero 1976, pp. 199-200 Tamén como ministro, ténselle criticado algunha decisión como pretender eliminar o dereito de asilo das embaixadas estranxeiras á poboación que se refuxiaba nelas, modificando a política do seu antecesor Augusto Barcia. finalmente, a presión internacional obrigouno a manter o dereito e, posteriormente, permitir a evacuación dos refuxiados.

Fiel a Largo Caballero durante un tempo, foi partidario da resistencia fronte ás tropas sublevadas. Ao caer o goberno de Largo Caballero, foi substituído no ministerio por José Giral, mais volveuno recuperar co segundo goberno de Juan Negrín e permaneceu nel até o final da guerra. Trala caída da fronte de Cataluña marchou a Francia xunto con Juan Negrín e regresou con el axiña á provincia de Alacant para manter o goberno na denominada Posición Yuste até o fin da guerra poucos días despois. Partiu ao exilio dende un aeródromo situado en Monòver.

Exilio Durante o exilio -en México e Estados Unidos- agudizouse o seu radicalismo polo que foi expulsado do PSOE xunto con 35 afiliados máis, encabezados por Juan Negrín.O compañeiro Negrín: os militantes readmitidos foron Juan Negrín López, Julio Álvarez del Vayo, Ramón Lamoneda Fernández, Ramón González Peña, Jerónimo Bujeda, Juan Simeón Vidarte, Julia Álvarez Resano, Matilde de la Torre, Edmundo Lorenzo, Antonio Pasagali, Angel Galarza, Vicente Ruiz Sarmiento, Mariano Moreno Mateo, Miguel Amilibia, Nicolás Jiménez Molina, Veneranda García Manzano, Adrián García, Leandro Pizarro, José Rodríguez Vega, Antonio Huerta, Gabriel Morón, Vidal Rebora, Suárez Guillen, Carlos Abad, José Moreno Remacha, César Rodríguez González, Amaro da Roseira, Modesto Moyro, Juan Bautista Alvarado, Saturnino Gimeno, Matilde Cantos, Max Aub, Juan Pablo García, Jesús Ibáñez, Jesús Vallina e Felipe García.Negrín e 35 vellos militantes socialistas, por Angel Viñas, El País, 8 de xullo de 2008. Dende os Estados Unidos, escribiu artigos en The Nation nos que defendía a causa republicana en contra do réxime franquista.Maestro Bäcksbacka e Sagredo Santos, 2013, pp. 69-73

Fundou a Unión Socialista Española e posteriormente a Fronte Española de Liberación Nacional, que xunto co Partido Comunista de España (marxista-leninista), formaron o FRAP, sendo elixido presidente do mesmo, cargo que desempeñou até o seu falecemento.

Readmisión no PSOE O 24 de outubro de 2009, de acordo cunha resolución do 37 Congreso Federal, foi readmitido a título póstumo no PSOE, xunto con outros 35 afiliados expulsados en 1946, entre os que se contaban nomes como Juan Negrín, Ramón Lamoneda, Amaro da Roseira ou Max Aub.

Igualmente, a relevancia da súa figura como ministro de Estado durante a Guerra civil española non foi recuperada ata 2016, a partir da obra do historiador David Jorge.

Obras

La nueva Rusia, 1926. Madrid. Rusia, a los doce años, 1929. Madrid. La senda roja, 1928. Novela Les batailles de la liberté, 1963. París: Maspéro The Freedom's Battle, 1940. Toronto. La guerra empezó en España, 1940. México. The Last Optimist, 1950. Nova York.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Beevor, Anthony. La guerra civil española. Edit. Crítica. ISBN 84-8432-665-9

Categoría:Políticos da Comunidade de Madrid Categoría:Ministros da Segunda República Española Categoría:Deputados nas Cortes da II República Madrid Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Embaixadores de España en México Categoría:Embaixadores de España na Unión Soviética Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Nados en Villaviciosa de Odón Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados en 1975 Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Alumnos da Universidade de Valladolid Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España