Andrés José Túñez Arceo, coñecido como Andrés Túñez ou simplemente Túñez, nado o 15 de marzo de 1987 en Caracas, é un exfutbolista galego nado en Venezuela, que xogaba de defensa central. Foi internacional coa selección venezolana.

Traxectoria

Orixes e comezos no fútbol (1987-2006) Seus pais, Pepe e Margarita, naturais de Bertamiráns (Ames) emigraron a Venezuela xusto antes de nacer el. Sete anos logo do seu nacemento a familia volveu a Bertamiráns, onde seus pais abriron un restaurante.

Deu os seus primeiros pasos no fútbol no colexio de La Salle e logo xogou varios anos na Escola de Fútbol Rosalía de Castro, antes de entrar na SD Compostela no seu segundo ano de cadete. No ano 2004 fichou polo Celta de Vigo para formar parte do seu equipo xuvenil e na tempada 2006/07 ascendeu ao filial do club, o Celta B, que militaba na Segunda División B, onde pronto se fixo coa titularidade. O 17 de febreiro de 2008 nun partido contra o Lugo lesionouse de gravidade tras un golpe contra a portería, o que o mantivo no dique seco toda a tempada.

Celta de Vigo (2006-2013) O 7 de outubro de 2009 logrou unha recompensa ás súas boas actuacións no filial cunha convocatoria para o primeiro equipo do Celta no partido de Copa do Rei contra o Girona. Dous meses despois renovou o seu contrato co club por 4 anos máis e o 16 de xaneiro debutou na Segunda División nun partido contra a Real Sociedad en Balaídos. O 31 de xaneiro de 2010 Eusebio Sacristán, adestrador do primeiro equipo, comunicou en rolda de prensa que Túñez era xa a todos os efectos xogador do primeiro equipo, que se atopaba preto dos postos de descenso. Disputou un total de 23 partidos co primeiro equipo esa tempada, e marcou o seu primeiro gol nun encontro de liga contra o Murcia.

Tivo un papel secundario na tempada 2010/11, na que só xogou 8 partidos, pero fíxose cun posto de titular na zaga celeste na seguinte campaña, na que que o equipo vigués conseguiu o ascenso á Primeira División, e foi tamén titular en case todos os partidos da tempada 2012/13 en Primeira.

Cesión a Xerusalén (2013-2014) En setembro de 2013 foi cedido ao Beitar Jerusalem, ao non contar para o novo adestrador Luis Enrique, e preferir xogar noutro equipo de cara a preparar a súa posible participación no Mundial do Brasil 2014. No equipo israelí, do que era directivo o ex céltico Haim Revivo, realizou unha boa campaña xogando todos os partidos, e incluso levou con el a Jonathan Vila, que tampouco contaba para Luis Enrique.

Buriram United FC (2014-2020) Ao volver da cesión desvinculouse do club vigués e emprendeu unha nova viaxe, esta vez a Tailandia, onde fichou polo Buriram United FC, dirixido por Alejandro Menéndez. Militou neste equipo durante seis tempadas, converténdose nun ídolo para a afección e no terceiro máximo goleador do club con 56 goles (a pesar de ser defensa central). Conquistou 12 títulos co equipo de Buriram, entre eles catro de liga. Entre medias xogou tamén uns meses de 2017 cedido no Elche CF, na Segunda División.

BG Pathum United FC (2020-actualidade) En maio de 2020 asinou por dúas tempadas co BG Pathum United, co que conquistou no seu primeiro ano a primeira liga tailandesa para o club.

Selección nacional Debutou coa selección de Venezuela o 2 de setembro de 2011 nun partido contra a Arxentina, no que entrou como substituto de Fernando Amorebieta. Disputou un total de 16 partidos co combinado venezolano.

Palmarés

Buriram United FC

Liga tailandesa (4): 2014, 2015, 2017, 2018. Copa FA de Tailandia (1): 2015. Copa Kor Royal (2): 2015, 2016. Copa de Campións de Tailandia (1): 2019. Copa da Liga de Tailandia (2): 2015, 2016. Campionato de Clubes Mekong (1): 2015. Toyota Premier Cup (1): 2016.

BG Pathum United FC

Liga tailandesa (1): 2020/21.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Venezolanos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Buriram United FC Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Venezuela Categoría:Xogadores do BG Pathum United FC