Enrique Ponte Veira, nado na Coruña o 18 de xullo de 1925 e finado o 9 de xaneiro de 2010 na mesma cidade, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa central e foi titular durante anos na zaga do Deportivo da Coruña, co que disputou 233 partidos, conseguindo dous ascensos a Primeira División e o subcampionato de liga na tempada 1949/50. Destacou tamén na Cultural Leonesa, onde xogou catro anos, sendo un dos artífices do único ascenso do club á máxima categoría.

Traxectoria

Comezos Nacido na Coruña o 18 de xullo de 1925, foi o terceiro dos cinco fillos de Manuel Ponte Castiñeiras e Adela Veira Vázquez. Comezou a xogar ao fútbol no Imperio de Ceuta, cidade na que residiu un tempo a súa familia. En 1942 a familia regresou á Coruña, onde Ponte xogou brevemente no equipo da Frente de Juventudes e no Sporting Ciudad, antes de pasar ao modesto Deportivo Ciudad, onde coincidiu con xogadores como Orestes Vara ou Ton. Durante esta época xogaba de extremo dereito, dianteiro centro e gardameta, ata que na tempada 1943/44 comezou a xogar como defensa.

Deportivo da Coruña (1944-1954) En 1944 fichou polo Deportivo da Coruña, co que xogou algún amigable antes de saír cedido por unha tempada ao Lemos, da Terceira División. A continuación regresou ao Deportivo, co que debutou na Segunda División na segunda xornada da tempada 1945/46, contra o Sabadell, formando parella de defensas xunto a Portugués. Dita parella foi titular durante case toda a tempada, logrando manter a portería defendida por Acuña como a menos goleada da competición, e contribuíndo de xeito significativo a que o equipo adestrado por Hilario ascendese á Primeira División.

Mantívose como titular durante as seguintes sete tempadas, tendo como compañeiros na defensa entre outros a Pedrito, García, Cheché Martín ou José Millán. Foi unha peza clave no subcampionato de liga da tempada 1949/50, con Scopelli no banco, e foron célebres os seus enfrontamentos co mito sevillista Araujo. No primeiro encontro da fase de permanencia da tempada 1952/53 fracturou varios ósos da cara nun choque contra Julián, dianteiro do Atlético Tetuán. Aínda así continuou no campo, e xogou dous partidos máis de dita fase, na que o equipo logrou salvar a categoría. Con todo, neses encontros empeorou a súa lesión, polo que non puido disputar ningún partido na seguinte tempada.

Disputou 192 partidos na súa primeira etapa no Deportivo, a maioría deles na Primeira División. Marcou só 3 goles, pero de grande importancia: o primeiro deles marcouno en xaneiro de 1949 contra o FC Barcelona en Riazor e serviu para poñar un empate a dous goles no marcador, mentres que os outros dous fíxoos na tempada 1951/52 e significaron dúas vitorias contra Zaragoza e Real Sociedad, vitais para evitar o descenso.

Cultural Leonesa (1954-1958) No verán de 1954 deixou o Deportivo despois dunha década e fichou pola Cultural Leonesa, na Segunda División. No equipo adestrado por Román Galarraga coincidiu con numerosos xogadores galegos (Manolín, Huertas, Moncho, Malet, Barbeito, Serapio, Chas e Barús), e foi un dos principais artífices do histórico ascenso ese ano á Primeira División. Ao ano seguinte disputou a única campaña do club na máxima categoría, que acabou descendendo ao remate da mesma. Militou dous anos máis no equipo leonés, regresando a continuación a Galicia.

Racing de Ferrol (1958-1959) Comezou a tempada 1958/59 xogando no Xuvenil, pero a finais de setembro asinou co Racing de Ferrol, onde tivo de novo a Galarraga como adestrador, e compañeiros como Suco ou Marcelino. Disputou 19 partidos co club verde, aliñándose na defensa entre outros cos históricos Perniche e Anca, e rematou o campionato de Segunda na 10ª posición.

Segunda etapa no Deportivo (1959-1961) Na tempada 1959/60 regresou ao Xuvenil, onde xogou brevemente ata asinar de novo co Deportivo da Coruña, que estaba de novo en Segunda. Alí fíxose outra vez coa titularidade, xunto con Manín e Anca II, e disputou 41 encontros nas dúas seguintes tempadas. O equipo coruñés, con Jesús Barrio no banco e Amancio e Veloso como grandes figuras, non puido lograr o ascenso nesas dúas campañas, nas que rematou na cuarta e na terceira posición respectivamente. O 19 de febreiro de 1961 volveu recibir un duro golpe na cara, nun partido contra a Sanse en Atocha, no que chocou contra Azcárate. O dianteiro vasco preciosu de varios puntos de sutura, mentres que o defensa galego sufriu unha grave lesión no maxilar, que o obrigou a adiantar a súa retirada do fútbol, aos 35 anos de idade.

O seu balance total no Deportivo da Coruña foi de 233 partidos oficiais e 3 goles en 11 tempadas. O 14 de maio de 1961 tributóuselle unha homenaxe no estadio de Riazor. Primeiro disputaron un partido o Sporting Ciudad e o Deportivo Ciudad, equipos nos que militara case dúas décadas antes, e a continuación o Deportivo da Coruña enfrontouse a un combinado de xogadores formado por Otero, Botana, Rodolfo, Reija, Marcelino, Vallejo, Cebrián, Marsal, Rafa, Lamorena, Ribada, Amadeo,Madriles e Serapio. Ponte xogou 13 minutos co Deportivo, ata que foi substituído por Lariño. O resultado foi de empate a dous goles, marcados os tantos do combinado por Lamorena e Rafa, e os do Deportivo por Amancio e Veloso.

Selección nacional Ponte foi chamado en repetidas ocasións a convocatorias da selección española, mais nunca chegou a debutar.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2010 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Club Lemos Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol